Opinión

Portugal, medra a CDU e o voto descontento

Durante as últimas dúas semanas estiven na Arxentina, aínda que seguindo por internet as novas que se publicaban na Galiza. Chamoume a atención o pouco espazo que se lle deu ás eleicións municipais en Portugal, un pobo irmán, tan próximo na cultura e lingua, e co que mantemos fortes relacións comerciais (son o terceiro socio económico). 

Durante as últimas dúas semanas estiven na Arxentina, aínda que seguindo por internet as novas que se publicaban na Galiza. Chamoume a atención o pouco espazo que se lle deu ás eleicións municipais en Portugal, un pobo irmán, tan próximo na cultura e lingua, e co que mantemos fortes relacións comerciais (son o terceiro socio económico). Este xeito de facer non é unha novidade;   sucede acotío, amosando unha peneira ideolóxica, mesmo asumida acriticamente por sectores que non comparten o alienante centralismo españolista. 

"A Coligação Democrática Unitária (CDU), a alianza do Partido Comunista Portugués (PCP) e os Verdes, foi a única forza política con representación parlamentar que crece en relación ás eleicións de 2009"

Foron unhas eleccións que marcan o sentir social diante do axuste, que ademais revelan o desconcerto nunha parte moi grande do eleitorado, e sen dúbida marcan tendencias para o futuro. O máis salientábel é que a abstención e o voto en branco superaron o número de votantes que apoiaron algún dos partidos políticos que se presentaba. É verdade que xa no ano 2009 a abstención foi moi alta, mais dende aquela consulta medrou case sete puntos, chegando a niveis alarmantes. Nomeadamente, pasou do 40,99% ao 47,41%, e se sumamos os votos nulos e brancos avanzou do 43,96% no ano 2009, que xa foi moi alta, ao 54,2% no ano 2013. 

O outro dado que salientar ao analizar os resultados é, que a Coligação Democrática Unitária (CDU), a alianza do Partido Comunista Portugués (PCP) e os Verdes, foi a única forza política con representación parlamentar que crece en relación ás eleicións de 2009, atinxindo o 11,07% dos votos (en 2009 acadou o 9,76%). Ademais vai presidir cidades como Évora, Silves, Beja, Loures, Seixal, Serpa, Barreiro, Grándola, etc. A CDU pasou de gobernar 28 concellos en 2009 a 34 nestas eleicións (En Portugal existen 308 concellos). 

Este avance da CDU no eido institucional ten moita importancia, porque o PCP é a organización política con maior capacidade de mobilización de masas, e forza hexemónica no sindicalismo en Portugal. Claro que ten en contra as forzas políticas neoliberais e os medios de comunicación que controla o gran capital. Este cerco, hai décadas que lle afecta negativamente nos procesos electorais, agora rachouse parcialmente esta tendencia. O avance do PCP, polo tanto, é consecuencia da coherencia e teimosía desta forza antiimperialista e antineoliberal, e tamén de se desprender hai unha década de sectores compracentes coas políticas socialdemócratas, xa daquela entregadas ao sistema. Asemade este avance ten importancia estratéxica para Galiza, pola proximidade do nacionalismo nacional-popular co proxecto económico e social que defenden os comunistas portugueses, pola irmandade de ambos pobos.

"Os medios sistémicos, que apoian os partidos neoliberais, danlle o máximo valor a que o PSP fose a forza máis votada (o 36,25%), agochando que xa o fora no ano 2009 (un 37,67%%), e que baixou en votos e porcentaxe". 

Na editorial do Avante, voceiro do PCP, valorábase que estes resultados eran produto da coherencia e do traballo desenvolvido: “É por demais significativo que os activistas e candidatos da CDU tenham sido os únicos que – em todo o lado, de Norte a Sul do País – deram a cara e fizeram do contacto directo com as populações o seu principal instrumento de acção. E foi assim por serem os únicos que podiam olhar os eleitores, olhos nos olhos, lembrando-lhes que trabalho, honestidade, competência é imagem de marca exclusiva da CDU; lembrando-lhes que as forças que integram esta Coligação estiveram sempre na primeira fila da luta contra a política de desemprego, de roubos nos salários, de assaltos a pensões e reformas, de afundamento de Portugal; lembrando-lhes que os que ali estavam, agora, a pedir-lhes o voto, eram os mesmos que lá estiveram a lutar pelo Serviço Nacional de Saúde, pela Escola Pública, contra a liquidação dos postos de Correio e outros serviços públicos essenciais – e assim confirmando, também neste aspecto, que, ao contrário do que propalam os ideólogos da política de direita, os partidos não são todos iguais” (  http://www.avante.pt/pt/2079/Editorial/ ).

Os medios sistémicos, que apoian os partidos neoliberais, danlle o máximo valor a que o PSP fose a forza máis votada (o 36,25%), agochando que xa o fora no ano 2009 (un 37,67%%), e que baixou en votos e porcentaxe. Que os gardiáns do sistema fagan isto, é razoábel, xa que queren sementar na conciencia social que non hai máis alternativa que o bipartidismo, formado por unha esquerda que perdeu os seus sinais de identidade e a dereita tradicional. Por este motivo destacan que as “forzas de esquerda”, cuxo centro serían os socialistas, acadan máis votos que aquelas que apoian o goberno da dereita, que só acadan un 34,45% dos votos. Restan valor a que o PSP (sempre que o traslado destes resultados fose válido para as eleccións xerais) non acadaría maioría absoluta no Parlamento, e, dado que o BE está en retroceso, necesita dun PCP que non está predisposto a unha alianza co PSP, a menos que este asuma unha viraxe radical en relación coa Unión Europea e o euro, e grandes cambios económicos e sociais. Ou sexa, un acordo practicamente imposíbel. Mesmo tería máis viabilidade, aínda que agora semelle lonxano, un acordo do PSP co PSD. Lembremos o acontecido en Euskadi,  co acordo entre o PSOE e o PP, que non causou un terremoto na socialdemocracia española; por non falar do caso de Alemaña. Podemos dicir que neste escenario están abertas todas as posibilidades, especialmente nesta conxuntura dunha aguda loita de clases, e entre potencias polo reparto da riqueza e o poder.

"O reducido número de votos do Bloco de Esquerdas (BE) non debe sorprender, xa que se trata dunha forza esencialmente eleitoral, de cúpula, representante das clases medias, cun cativo traballo social." 

O recuar do Bloco de Esquerdas non foi tan grande, pasou do 3,01% dos votos en 2009 a 2,42% en 2013. Ou sexa, era e segue sendo o que sempre foi, unha forza moi cativa no poder local, así como no sindical. Unha característica que asume o propio BE na súa curta valoración dos resultados das autárquicas: “A derrota do Bloco confirma a permanência das dificuldades que o partido sempre teve na sua implantação autárquica. Essas dificuldades nunca impediram o Bloco de desempenhar um papel central na luta da esquerda contra as políticas liberais e contra os governos que trouxeram Portugal à presente crise. A falta de uma frente autárquica mais forte não diminuiu a capacidade do Bloco de transformar, ao longo dos últimos 13 anos, o combate político no país” ( http://www.bloco.org/content/view/2847/46/ ). 

Polo tanto, o reducido número de votos do Bloco de Esquerdas (BE) non debe sorprender, xa que se trata dunha forza esencialmente eleitoral, de cúpula, representante das clases medias, cun cativo traballo social. Unha organización que sempre resultou máis doce para os medios que o PCP, o seu competidor directo polo espazo de esquerdas. Para alén de que moitas das súas propostas sexan coincidentes coas dos comunistas, na súa práctica, ao procurar arreo unha alianza co PSP, sempre alargada á CDU para lle dar imaxe de ruptura, amosa unha organización que se mantén na marxe esquerda das políticas sistémicas, incapaz de rachar definitivamente coa “cara social” do bloque dominante. 

Os resultados destas eleicións municipais son un duro golpe para a dereita e a Troika, mais o triunfo da oposición ao relatorio da Troika ten límites moi claros. Por unha banda, está o aumento das listas independentes, a maior parte sustentadas en sectores da dereita para evitar o queime, e pola outra, a recuperación parcial do PSP, que amosan que as forzas sistémicas aínda contan con folgos para frear o ascenso de calquera alternativa nacional e das clases populares. Daquela, en Portugal, como na maior parte dos países do mundo, as forzas rupturistas teñen moitas tarefas pendentes no eido da mobilización, a formación e información, a organización, e na xestión institucional, para crear conciencia e mudar a correlación de forzas. Neste sentido é acertada a análise do PCP no Avante cando fuxindo da compracencia do avance institucional indica tarefas inmediatas para a militancia: “O Comité Central apela à intensificação e diversificação da luta dos trabalhadores e do povo e salienta a importância da acção nacional de luta convocada pela CGTP-IN para o próximo dia 19 de Outubro, a «Marcha Por Abril, contra a exploração e o empobrecimento» que decorrerá em Setúbal/Lisboa, no Porto e nas regiões autónomas dos Açores e da Madeira. Mais do que nunca é nas mãos dos trabalhadores, da sua acção e da sua luta que reside a possibilidade de derrotar a actual ofensiva, demitir o Governo e levar à convocação de eleições antecipadas” ( http://www.avante.pt/pt/2079/emfoco/127191/ ). 

En resumo, nas eleicións autárquicas de Portugal destaca o avance do voto rupturista, co aumento de votos e representación da CDU, como de contestación ao sistema co medre da abstención, voto en branco e nulo. Mais as forzas neoliberais aínda son moi fortes, e o bipartidismo segue dominando o eido institucional. 

http://manuelmera.blogaliza.org/