Opinión

Portugal, un espellismo como alternativa

A menos dun mes das votacións para o Parlamento Nacional en Portugal a única incógnita é, se o Partido Socialista vai obter maioría de deputados/as ou necesitará para formar Governo do apoio dos partidos á súa esquerda. Nas eleccións de 2015 conseguiu este obxectivo, malia ser a segunda forza por detrás do PSD/CDS, grazas ao voto favorábel do Bloco de Esquerda e do Partido Comunista. Como contrapartida pactáronse varias medidas progresistas, como o aumento do salario mínimo, das pensións, e a eliminación do IRS (IRPF) extra para as familias con menores ingresos,... mais ficando tanto o BE como o PCP fóra do Governo.

Fálase do chamado “milagre portugués”, dado que o PIB medrou nestes anos por riba do 2%, o desemprego estaba no 6,7% en xuño pasado, malia que se aumentou no ano 2019 o salario mínimo a 600 euros, dende os 505 euros no ano 2015. Porén, os partidos de esquerda salientan a enorme dependencia do turismo e do investimento exterior, especialmente en inmóbeis, e na adquisición empresas públicas de carácter estratéxico (privatizadas como parte do plan de axuste da Troika). Ademais, a precariedade segue en porcentaxes altísimas, mantense a limitación temporal da ultra-actividade nos convenios colectivos (como no Estado español), os salarios seguen parcialmente conxelados no sector público e medraron por debaixo do IPC no sector privado. Tampouco se poden obviar os acordos do Partido Socialista coa dereita (PDS/CDS), por exemplo para frear a actualización dos salarios dos profesores, ou levar adiante un nova reforma laboral, contra a opinión do PCP, PE e da maior central sindical do país a CGTP-IN.

A respecto do anterior resulta ilustrativo un manifesto da CGTP-IN, do pasado 20 de agosto, recollido na súa web: “Ao contrário do que o Presidente da República e o Governo afirmam, esta legislação não promove o equilíbrio das relações de trabalho, nem combate a precariedade. Ao invés, dá mais força ao patronato para aumentar a exploração, com o banco de 150 horas anuais de trabalho gratuito; a manutenção da norma da caducidade da contratação colectiva, para pôr em causa a actualização anual dos salários e o principio do tratamento mais favorável; ao mesmo tempo que legitima e generaliza a precariedade, com os contratos de muito curta duração, a possibilidade de as empresas continuarem a contratar trabalhadores com vínculo precário para ocuparem postos de trabalho permanentes, mediante o pagamento de um pequeno acréscimo para a Segurança Social e o alargamento do período experimental para 180 dias dos jovens à procura do primeiro emprego e dos desempregados de longa duração que, para além de pôr em causa o principio constitucional da igualdade e da não discriminação, colide com o Acórdão do Tribunal Constitucional de 2008”.

Todas as enquisas reflicten un retroceso moi grande do PSD, un partido de dereita, en beneficio do Partido Socialista

Mesmo con estas eivas e contradicións do Governo, practicamente todas as enquisas reflicten un retroceso moi grande do PSD, un partido de dereita, en beneficio do Partido Socialista; así como un crecemento do PAN, unha forza centrada no animalismo-ecoloxismo, que podería atinxir un 5% dos votos (por efecto da vaga de lumes de 2017?...). Con tan boas expectativas non é de estrañar que outros partidos socialdemócratas europeos e tamén de América Latina (vexase a recente visita a Lisboa de Alberto Fernández da Fronte para Todos de Arxentina), así como Pedro Sánchez, vexan o PS de António Costa como un referente, especialmente cando todos eles foxen de rachar coa globalización neoliberal e mesmo renuncian a abrirlle unha vía de auga.

Respecto da esquerda real (non sistémica), segundo as enquisas, o PCP e BE terán uns resultados moi semellantes aos hai catro anos e mesmo poden baixar un chisco. Calquera destes escenarios obrigaralles a reflexionar sobre a eficacia da súa estratexia neste período, máxime cando non deixaron de denunciar a explotación e as incoherencias (aínda que haxa diferencias de modelo e nas prioridades entre estes partidos). Asemade, ambos empurraron no aspecto reivindicativo, tanto no Parlamento como alentando a mobilización, diante das fraquezas do PS fronte ás esixencias e imposicións da patronal e da UE. Neste último aspecto destaca o PCP, xa que está moi ligado á CGTP-IN. Resulta evidente, se a abstención non varia, que o PS non só mantivo seus votantes senón que ademais atraeu a parte dos do PDS.

Chama a atención o elevada que foi a abstención nas eleccións do ano 2015 (un 43%)

Chama a atención o elevada que foi a abstención nas eleccións do ano 2015 (un 43%), mesmo así PCP non perdeu votos e o BE aumentou moito súa representación (en termos porcentuais). Sen dúbida o PS pagou nestas eleccións a defensa do primeiro ministro Sócrates do duro plan de axuste imposto pola Troika, e a súa implicación en actos de corrupción. Todo indica que a esta altura ese mal momento xa foi superado polo PS, que recuperou como mínimo seu electorado tradicional. A cuestión polo tanto, para o PCP e BE, está basicamente na súa capacidade para atraer a sectores da abstención, xa que, aínda que agora fose máis baixa que no ano 2015, todo reflicte que seguiría a ser moi elevada, dado a tendencia histórica. Centro nesta franxa de electores/as a posíbel expansión, porque abrangue a unha parte considerábel da clase obreira, así como da mocidade; ou sexa, dos descontentes co sistema, segundo as enquisas que se realizan a este respecto na Unión Europea. Incorporalos aos procesos electorais pode mudar a prol da esquerda a correlación de forzas.

A esta altura fican algunhas preguntas no ar respecto de cal vai ser a postura da esquerda. Se o PS non ten maioría absoluta, o BE e PCP volveran a pactar medidas de progreso a cambio do apoio na investidura? Terán ambos partidos a mesma actitude neste aspecto ou algún buscará formar parte do Executivo?

https://obloguedemera.wordpress.com/