Opinión

Portugal: apoio, debate e mobilización para garantir o cambio

Os xornais portugueses salientaban o pasado domingo que se realizaron dúas manifestacións en Lisboa o mesmo día con opinións confrontadas.


Os xornais portugueses salientaban o pasado domingo que se realizaron dúas manifestacións en Lisboa o mesmo día con opinións confrontadas. Por unha banda, a mobilización da central sindical CGTP-IN, e pola outra, a da dereita política afastada hai pouco do Governo. A CGTP fixo ademais ese día manifestacións en Porto e Coimbra. Da protesta da maior central sindical do país ofrecían fotos, dos seareiros da dereita non. Seguramente porque non daban para tanto. Porén, non casualmente, cubrían o mesmo espazo nos xornais, cunha clara intención de neutralizar as reivindicacións populares.

En practicamente todas as nacións, a gran burguesía ten neste intre un poder inmenso, polo grao de concentración e centralización da riqueza e do poder

A dereita no mundo síntese cada vez máis forte. Daquela que antes das eleccións utilice todos os recursos do sistema, que son moitos, e cando perde, axiña encete o proceso de erosión. Faino porque non está pensando só nas vindeiras eleccións, senón porque debe garantir que as reformas prometidas polos partidos alternativos, mesmo as máis mornas, non se podan levar a cabo. O máis importante, o esencial, é garantir que o gran capital sega a acumular riqueza e poder, e para iso é-lle fundamental governar, e cando non é así, evitar os cambios. Conta para iso cos medios de comunicación e outros poderes fácticos, para premer e reinterpretar a realidade. Por iso Cavaco Silva apoiou ate o último alento que continuase o proceso de globalización neoliberal ao mesmo ritmo, mesmo que lle custe o posto nas eleccións presidenciais de febreiro de 2016. Hoxe, os donos dos cartos ven o longo prazo como o mes seguinte, xa que teñen a iniciativa no mundo e polo tanto coidan que o futuro xa está decidido. 

En practicamente todas as nacións, a gran burguesía ten neste intre un poder inmenso, polo grao de concentración e centralización da riqueza e do poder. Poñen ao seu servizo as institucións, teñen o control dos medios de comunicación, posúen a hexemonía ideolóxica ou/e teñen a complicidade das forzas de seguridade e militares, do sistema xudicial, da xerarquía relixiosa, do ensino, etc. Por se non abondase, os Estados Unidos e países aliados exercen de garantes da primacía no mundo do capitalismo globalizado e neoliberal, ignorando a soberanía nacional e as regras de xogo internacionais vixentes. Ou sexa, intervindo alí onde hai governos que se saen do guión; e fano mediante a desestabilización ou por medios militares. Neste contexto, cómpre que as clases populares sexan quen de unificar esforzos. Mais isto valería de ben pouco se non se fixese dende propostas que permitan conquistas sociais e democráticas, e que impliquen un avance da conciencia política e de acumulación de forzas ben organizadas. E todo indica que é neste obxectivo sobre o que están traballando o Partido Comunista Portugués (PCP) e a CGTP-IN en Portugal. 

A CGTP, na súa convocatoria para o 28 de novembro, destacaba: “Neste novo quadro, em que os grupos económicos e financeiros vão intensificar a pressão para assegurar os seus privilégios, a intervenção dos trabalhadores, do Movimento Sindical Unitário e das populações ganha uma importância redobrada, nesta luta que é de todos, por uma verdadeira mudança política”. Pola súa banda, Jerónimo de Sousa, secretario xeral do Partido Comunista Portugés, nunha declaración en relación á actitude de Cavaco Silva encol do novo governo, indicaba: “Está aberta uma nova fase na vida política nacional susceptível de responder a muitos dos problemas mais imediatos dos trabalhadores e do povo português (...) A possibilidade agora aberta de dar passos, limitados mas nem por isso pouco importantes, de adoptar uma trajectória que inverta o rumo de declínio imposto nos últimos quatro anos, não pode nem deve ser desperdiçada (...) É este objectivo que os trabalhadores e o povo, os democratas e patriotas, todos quanto querem assegurar o direito a um Portugal soberano devem prosseguir com a sua intervenção e luta”.

"Os democratas e patriotas, todos quanto querem assegurar o direito a um Portugal soberano devem prosseguir com a sua intervenção e luta"

Pola súa banda Catarina Martins do Bloco de Esquerda (BE) concluíu que "este acordo não garante a transformação de que o país precisa. Mas representa um virar de página, o fim de um ciclo em que a pobreza nunca parou de aumentar e os salários e pensões nunca pararam de diminuir" Catarina terminou a sua intervención dicendo que "o grande desafio começa agora. Haveremos de ter um país um pouco mais justo. Este acordo e a derrota da direita é apenas um bom começo". No destaque da súa intervención non se fai mención ningunha ao papel do movemento social, da protesta na rúa, e dos medios de presión para alén dos pactos e da actividade parlamentar. 

A decisión do PCP e do BE de apoiar e non entrar no Governo co Partido Socialista, quere garantir unha mudanza en Portugal nas políticas laborais e sociais

A decisión do PCP e do BE de apoiar e non entrar no Governo co Partido Socialista, quere garantir unha mudanza en Portugal nas políticas laborais e sociais,, que os pactos programáticos co novo Executivo deben facer realidade. A dúbida é, sabendo dos antecedentes, se o Partido Socialista cumprirá cos seus compromisos, máxime sendo conscientes de que ten moitos e fortes nexos coas clases dominantes, tanto en Portugal como na Unión Europea. Se cadra foron estes temores os que impediron un Governo tripartito. Agora ben, sendo seguramente neste contexto acertada esta folla de ruta, non se debe entender sempre como a mellor para forzas antisistémicas, aínda que sexa lóxica nestas circunstancias, como consecuencia tamén dunha situación no ámbito institucional moi favorábel para socialdemocracia. En resume: entrar ou non nun Governo cun programa pactado depende do contexto, da correlación de forzas e da capacidade dos cadros do partido para realizar axeitadamente as tarefas de xestión, o debate das ideas e a comunicación coa sociedade nese escenario tan complexo. Mais ficar fóra non é, por definición, símbolo de fortaleza e coherencia, como algúns argumentan, mesmo que resulte máis doado manter deste xeito a coherencia política; a cuestión é mantela gañando espazos de poder institucional e construíndo organización.

Nas declaracións e nas iniciativas tomadas durante estes días por parte do PCP e a CGTP-IN, fica claro que ademais de premer no Parlamento para que o PSP cumpra os pactos de Governo, apostan por manter a mobilización laboral e social. Así o confirma a manifestación do 28 de novembro, que se realizou malia o cambio de postura de Cavaco Silva aceptando a investidura de Antonio Costa. Neste aspecto, a folla de ruta aseméllase moito á do Partido Comunista do Uruguai e da central única do país, o PIT-CNT, que realizou durante a última década varias folgas xerais para premer a Fronte Ampla, malia pedir o voto para ela nas eleccións e participar o PCU no Governo. Esta estratexia, aínda que esixe un enorme grao de formación e coherencia, ten moitas virtudes: mantén mobilizadas as clases populares; as conquistas non son cesións senón consecuencia da loita; a organización ten unha finalidade obxectiva; a clase traballadora convértese en centro da dinámica política; e impide que a actividade política nas institucións se afaste da conflitividade social, e que mingüe o protagonismo do movemento de masas e dos cadros sindicais e sociais. 

Por parte do PCP e a CGTP-IN, fica claro que ademais de premer no Parlamento para que o PSP cumpra os pactos de Governo, apostan por manter a mobilización laboral e social

A etapa que se abre en Portugal pode permitir sementar o optimismo nas clases populares europeas, especialmente despois da traizón de Syriza, que xustificou co argumento de que non hai outra andaina posíbel que a neoliberal, polo que optou por se manter a toda costa no Governo. Sería positivo que o PSP, co apoio do PCP e do BE, realice as reformas pactadas en beneficio da maioría social, e que medre a mobilización social, a conciencia colectiva, e a acumulación de forzas dos partidos á súa esquerda. Se fose así, indicaría que o pacto foi positivo. E aínda mesmo non cumprindo todos os obxectivos pactados, se consegue mobilizar as clases subalternas, estarían construíndo as condicións para conseguir maiores avances no futuro, con máis garantías. Cómpre seguir de preto e polo miúdo o que pase no país irmán, ao que tanto reivindicamos, e tan pouco coñecemos para alén do turismo e dos mercados da fronteira.