Opinión

Portugal 1929: “Os galegos são nossos irmãos”

Este era o título da portada dun número dedicado ás persoas galegas emigradas en Portugal, da revista O Notícias Ilustrado nº 39, suplemento do Diário de Noticias de Lisboa, do 10 de marzo de 1929 (http://hemerotecadigital.cm-lisboa.pt/OBRAS/NoticiasIlustrado/NoticiasIlustrado.htm). Son 9 páxinas sobre o tema dun total de 28. Nun artigo que fai de editorial, asinado por Alejo Carrera (galego de nacemento), fai mención a que “Orduño II, rei de Galiza, chegou até Lisboa e aprisionou bastantes mouros que conduciu pras terras de León. Se así foi, ven xa de lonxe a predilección dos meus coterráneos por Portugal. Simplemente aquel rei viña conquistar mouros con lanzas e espadas, e os galegos do meu tempo apenas pretenden conquistar os corazóns dos seus irmáns portugueses”. 

Pola súa banda outro dos redactores, Feliciano Santos, inicia o seu artigo salientando que: “Cando se fala da colonia galaica en Portugal, falase de Lisboa, porque só na capital o saudoso emigrado das montañas da Galiza conseguiu a realización do “el dorado”, que constituíu o soño e o obxectivo de toda emigración. Lisboa é, para os galegos, o mesmo que o brasil para os portugueses. E de certo é por esta semellanza de ambicións e situacións que, no Brasil, tratan por “galegos” aos portugueses emigrados, cunha intención pexorativa do que, ao final, nos temos grande culpa”. 

No texto destaca asemade que os galegos eran persoas indispensábeis da vida de Lisboa e dábanse como virtudes “a discreción e a fidelidade (...) se lle pode confiar ouro en pó e, con efeito, rarísismas veces o rexistro criminal mencionará o nome dun galego, por furto (...) persistindo sempre en traballar, traballar, traballar...”.  Eu, que me criei na Arxentina, sei que estes eran tamén os méritos que destacaban de nós naquel país sudamericano, e cos galegos e galegas tíñano como unha honra e un deber. Sen dúbida era un pasaporte para atopar axiña traballo na emigración, polo que coidaban como pobo esta apreciación exterior con moito celo. Era a expresión primaria, básica, do sentimento nacional, e un xeito de loitar contra os estereotipos que existen a respecto de todos os pobos subalternos, marxinados.

Sinálase neste número especial de Notícias que a emigración galega encetou nas actividades máis modestas, e foi gañando de vagar presenza mediante o esforzo, teimosía e a honradez, na industria e o comercio, tendo unha presenza relevante en restaurantes e tabernas. Dedícanselle dúas páxinas ás figuras da colonia galega na cidade, tanto de orixe como descendentes, e outras tantas para reproducir poemas de Martínez Salazar, Curros Enríquez, Ramón Cabanillas, Alfredo Pedro Guisando, o Marqués de Figueroa e Rosalía de Castro.

Que un xornal portugués dese tanto protagonismo á emigración galega en Lisboa, e que a gabase, non debería chamar a atención, tendo en consideración todo o que nos une historicamente. Porén, aínda que pareza unha contradición, hoxe é case unha excepción que estas complicidades existan en calquera dos dous sentidos. Malia os avances na comunicación, e que Portugal sexa o noso segundo socio comercial, e que o turismo en ambas direccións sexa inmenso, non foi acompañado por un pulo semellante nas relacións culturais e políticas, en prexuízo de ambas partes, e moi especialmente do pobo galego. Sen dúbida as ditaduras de Franco e Salazar, malia a súa complicidade ideolóxica, dado que mantiveron alianzas opostas, construíron muros que racharon coa anterior fluidez nas relacións entre pobos irmáns (lembremos os congresos obreiros galaico-portugueses). Menos comprensíbel é que tampouco se construísen relacións máis sólidas e constantes, para alén dos contactos esporádicos e a vontade individual, tanto por parte do nacionalismo galego e como da esquerda de Portugal. Non será co colonialismo e as súas consecuencias non son cousa do pasado?

No século XVIII uns 50.000 galegos e galegas emigraron a Portugal, especialmente á capital do país, así como a Porto. Calculase que en Lisboa nos séculos XVIII e XIX, cunha poboación de 300.000 persoas, un 10% era de orixe galega. Parte desta migración tiña o obxectivo de evitar a incorporación ao exército, outros e outras facíano por causas económicas, xa que os segadores en Castela recibían pouco salario e mal trato, como reflectiu a nosa egrexia poeta Rosalía de Castro en “Castellanos de Castilla”. Desta emigración tamén se falaba acotío na miña casa cando eu era pequeno, xa que moitos paisanos eran das terras de Celanova. Lembraban os paisanos na emigración na Arxentina que tamén ían rapaces que axudaban neste traballo de temporada; por exemplo facendo os feixes e achegando a auga, para que os segadores beberan acotío naquelas terras ardentes de Castela. Os textos tamén mencionan unha parte considerábel de mulleres, até un terzo do total.

Posteriormente a emigración a Portugal continuou con forza até a década dos trinta do século pasado, despois da Segunda Guerra Mundial serían América e Europa os centros de atracción. A emigración a Portugal produciuse fundamentalmente dende a provincia de Pontevedra e Ourense, había unha maior proximidade, só se tiña que cruzar a raia. Encol das relacións históricas con Portugal e da necesidade de potenciar as relacións entre irmáns, queda moito por estudar e sobre todo divulgar, e que tanta importancia ten para sermos quen de dar folgos á nosa economía e potenciar a nosa cultura, lingua e identidade nacional.

https://obloguedemera.wordpress.com/

Comentarios