Opinión

Poñer vinte mil mulleres a parir

A esta conclusión, amplamente divulgada polos medios, chegou o Foro Económico de Galicia, como saída máxica á dramática situación demográfica na Galiza, onde morre moita máis xente que nace. A solución sería “importar” 20.000 mulleres inmigrantes por ano ate o 2050 (700.000 en total), que dende o primeiro intre se adiquen a ter fillos e fillas (non se di como se garante que así sexa, e se asemade contemplan que veñan homes e familia).

A esta conclusión, amplamente divulgada polos medios, chegou o Foro Económico de Galicia, como saída máxica á dramática situación demográfica na Galiza, onde morre moita máis xente que nace. A solución sería “importar” 20.000 mulleres inmigrantes por ano ate o 2050 (700.000 en total), que dende o primeiro intre se adiquen a ter fillos e fillas (non se di como se garante que así sexa, e se asemade contemplan que veñan homes e familia). Como se a cuestión fose tan sinxela e se tratase de algo semellante a ir ao mercado e adquirir galiñas poñedoras. A conclusión é tan ofensiva, tanto para a muller como en particular para as inmigrantes e para a xente do país, e ao mesmo tempo tan simplista e mercantilista, así como de desleixo a respeito das mudanzas de todo tipo que implicaría, que un non pode menos que sentir xenreira. Este Foro con ideas “tan brillantes” seica está integrado por profesores universitarios e investigadores, empresarios e altos directivos, así como xornalistas, segundo informa a páxina web da entidade.

 "O problema non é que a xente non queira ter fillos e fillas, senón que moitos queren mais non poden, por falta de recursos económicos"

Supoño que se terá en conta que as inmigrantes teñan garantido os medios de vida, ben sexa asegurándolles traballo ou prestacións públicas. Mais, mesmo se fose así (que o dubido) non se pode aceptar que estes hipotéticos recursos non se poñan a disposición das ducias de milleiros de galegos e galegas que emigran, ou dos/das inmigrantes que chegaron na última década ao noso país e vense forzados a marchar. Porque, como calquera sabe, o problema non é que a xente non queira ter fillos e fillas, senón que moitos queren mais non poden, por falta de recursos económicos, ou por teren que emigrar para atopar medios de vida no estranxeiro. Son as consecuencias da dependencia colonial, da perda de tecido produtivo, e da temporalidade dos contratos, dos baixos salarios, das longuísimas xornadas laborais, da redución dos servizos e prestacións sociais, e dunha fiscalidade cada vez máis regresiva para as clases populares. Hoxe a pobreza abrangue ao 22% da poboación infantil, segundo o INE. Estes son os atrancos e eivas que cómpre solucionar, dándolle máxima prioridade a garantir que as persoas nacidas no país, ou que viven nel, non teñan que abandonalo e/ou non ter fillos e fillas por razóns económicas.

Por outra banda, non se pode ignorar que malia a crise, na Galiza entran máis inmigrantes que os que marchan, tamén do sexo feminino. Concretamente, segundo datos do IGE, no ano 2008 os/as inmigrantes eran 333.690 e no ano 2013 sumaban 366.591; un 13,25% da poboación total. Pola contra os nacidos no país pasaban de 2.450.479 a 2.399.349, unhas 50.000 persoas menos, por mor da forzada emigración da mocidade. As cifras son máis clarificadoras se analizamos a composición da poboación en función das persoas en idade con mellores condicións de procrear, por exemplo entre 20 e 44 anos. Neste segmento de poboación máis dinámica, a proporción de persoas nacidas fóra de Galiza representaba o 19,35% do total no ano 2013 (sen ter en consideración a inmigración irregular). Unha porcentaxe por certo moi alta, mesmo en comparanza con países moi industriais cunha inmigración historicamente moi forte. En calquera caso, malia a entrada masiva de inmigrantes, o problema demográfico non se solucionou nen foi a menos. Ademais, agudizouse o aumento da explotación laboral e non avanzou a integración; polo tanto cómpren máis medidas específicas cara este colectivo tendo en consideración o seu peso e a súa diversidade, así como as consecuencias políticas, lingüísticas e culturais.

"Malia a entrada masiva de inmigrantes, o problema demográfico non se solucionou nen foi a menos"

Querer culpar as familias galegas que non teñen fillos e fillas da baixa natalidade, como escusa para “importar” inmigrantes, é unha solución que trata os problemas sociais como mercadorías, e quere responsabilizar as vítimas das consecuencias da dependencia do país e dun sistema social inxusto e excluínte. É unha análise perversa, ao servizo da alta burguesía dominante. Na práctica, prepara o camiño para atraguer man de obra barata, desposuída dos dereitos máis elementais, desorganizada e non integrada, coa única intención de aumentar o lucro empresarial. Pura cobiza. Por outra banda, en todas as épocas históricas na Galiza e noutros países, unha parte das familias non tivo descendencia, por distintos motivos, polo que non é unha novidade, nen un andazo destes tempos. A súa extensión a  niveis tan graves na actualidade é por mor do aumento da explotación e da opresión. Esta é a cuestión.

http://manuelmera.blogaliza.org/