Opinión

O Polisario rectifica a estratexia

A invasión de zonas controladas polo Polisario por parte de Marrocos, concretamente Guerguerat unha franxa de 5 quilómetros na fronteira con Mauritania, e o ataque do exército de Rabat contra civís saharauís que o querían impedir, son unha das causas polas que a fronte decidiu dar por terminado o armisticio e respondeu con accións militares. A esta ocupación marroquí súmanse os sucesivos incumprimentos do acordo de paz elaborado pola ONU e OUA, que incluía a presenza no territorio dunha misión das Nacións Unidas como garante da realización da consulta de autodeterminación  (en 1992). Lembremos que as conversas para esta acordo de paz iniciáronse en 1989 e o Consello de Seguridade da ONU na resolución 690 no ano 1991 decidiu crear a MINURSO. O exército saharauí foi quen de manter baixo a súa soberanía parte do territorio, mentres que os ocupantes construíron varios muros (de 2.720 quilómetros, con 7 millóns de minas e 100.000 soldados) para frear o avance e incursións dos saharauís.

En 1999 publicouse o primeiro censo para a consulta cuns 86.000 posíbeis votantes, e ao ano seguinte un novo, dado que o primeiro foi cuestionado polas dúas partes, por distintos motivos. Marrocos sempre quixo incluír os colonos e evitar a toda costa a realización dun referendo con garantías, temendo o resultado. Para gañar tempo propuxo conceder unha certa autonomía, pechando a porta ao dereito á autodeterminación. Razón pola que, James Baker propuxo aceptar esta proposta por un período transitorio que rematase na realización da consulta, porén chocou coa oposición frontal de Rabat. No ano 2005 houbo nas cidades do Sáhara Occidental mobilizacións de protesta contra a ocupación marroquí e a prol da independencia, que se repetiron no ano 2010, en ambos casos duramente reprimidas pola policía.

Madrid optou por entregar o territorio a Marrocos e Mauritania, ignorando a vontade dos saharauís e a resolución da ONU sobre o proceso de descolonización.

O Sáhara occidental foi unha colonia do Estado español, formalmente unha provincia nos últimos anos até o proceso de descolonización, forzado polas Nacións Unidas, que Rabat interrumpíu  mediante a “marcha verde” en novembro de 1975. Madrid optou por entregar o territorio a Marrocos e Mauritania, ignorando a vontade dos saharauís e a resolución da ONU sobre o proceso de descolonización. A ocupación violenta e represiva causou a fuxida dunha gran parte da povoación, que foi bombardeada pola aviación marroquí. Os saharauís que puideron marchar instaláronse en campamentos na zona de Tinduf en Alxeria, próxima á fronteira. Iniciouse así un novo conflito armado que duraría até o ano 1991, dado que Mauritania retirouse do territorio ocupado no sur do país que foi ocupado por Marrocos, no ano 1979. Lembremos que dende 1973 os saharauís realizaron accións armadas contra a ocupación colonial española.

Nunha das varias viaxes que fixen aos campamentos saharauís, concretamente no ano 1998 representando á CIG, dicía nun artigo sobre a situación destes campamentos, nun territorio cedido por Alxeria: “están nun radio de máis de 100 quilómetros na contorna de Tinduf, especialmente no sur e leste da cidade. Son 25 campamentos, dairas ou concellos, agrupados en catro wilayas ou provincias (Smara, Aiun, Dajla e Auserd). Nos campamentos viven entre 175.000 e 200.000 persoas, incluíndo nestes datos as tropas que están na zona liberada do Sáhara Occidental, sobre un 15 ou 20% dos 266.000 quilómetros cadrados do total do territorio. Hai uns 5.000 nómadas que pastorean cabras, camelos e ovellas no interior aproveitando a situación de paralización da guerra. A estes hai que engadir os emigrantes en Mauritania, Alxeria e na Unión Europea, así como os que están baixo a ocupación marroquí no interior do Sáhara Occidental. En total seica unhas 400.000 persoas, cunha taxa de crecemento anual moi alta”.

Ao respecto ataque de Marrocos contra civís en Guerguerat afirmaba nun comunicado o BNG, sempre solidario co povo saharauí, como o conxunto do nacionalismo galego, o seguinte: “Nestes 44 anos o Estado español e a “comunidade internacional” teñen abandonado ao pobo saharauí, e actuado de consentidores da ocupación ilexítima por parte de Marrocos do seu territorio e da vulneración dos seus dereitos políticos e humanos. Esiximos a rectificación desa política e polo tanto o cese inmediato dos programas de cooperación militar e venda de armas a Marrocos e a adopción de políticas económicas e comerciais que respecten o dereito dos e das saharauís a dispor dos seus recursos no seu territorio. Só o cese da ocupación e o exercicio do dereito á autodeterminación do pobo saharauí poden achegar unha solución ao conflito”.

Cómpre lembrar que a postura de Rabat, evitando cumprir as resolucións da ONU e conxelando a situación de ocupación, estivo avalada en todo este período polo Estado español

Asemade, cómpre lembrar que a postura de Rabat, evitando cumprir as resolucións da ONU e conxelando a situación de ocupación, estivo avalada en todo este período polo Estado español (tanto polos governos do PP como do PSOE), Francia e Estados Unidos, por intereses económicos ou militares (pesca, fosfatos, sede do Africom, o comando militar de Washington para África en Tan Tan). Todo indica que, para alén das escaramuzas militares, deberíase abrir agora o tempo dos pronunciamentos das grandes potencias e daqueles governos máis comprometidos coa situación existente, como os xa nomeados. Ademais Rabat non ten ningunha seguridade de que o problema non se lle vaia das mans unha vez iniciada a confrontación, ampliando o conflito armado. Daquela que non sexa casual que Marrocos pida a Rusia que interceda evitando a guerra, sabe da súa boa relación con Alxeria, outro actor importante respecto da problemática da República Árabe Saharauí Democrática. Servirá a resposta armada do Exército de Liberación Popular Saharauí para que se avance no cumprimento das resolucións da ONU e se realice a consulta? Cal será a postura do Governo español do PSOE+UP?

Máis de catro décadas cunhas 250.000 persoas vivindo en condicións tan precarias no deserto, e outras moitas sometidas no Sahara, como demostración constante da opresión, deberían estar na axenda das prioridades das institucións internacionais. O que resulta máis evidente é que o Polisario muda a súa estratexia, xa que a vía das negociacións, de buscar o compromiso das potencias só implicaba boas palabras, e na práctica estancamento e retrocesos. Atopámonos diante dunha guerra aberta ou dunha etapa na que o obxectivo é aguilloar a Marrocos, e á comunidade internacional, para forzar unha solución satisfactoria a corto prazo e evitar que o problema se eternice?

https://obloguedemera.wordpress.com/