Opinión

Podemos súmase ao tacticismo

Dicía hai varios meses que a opción dun acordo entre o PSOE e Podemos tiña iguais posibilidades que unhas novas eleccións. Mais tal como van as cousas, semella que este último será o escenario definitivo, e que en xuño se volva votar. Mais, a menos que mude moito o estado de ánimo da xente, e polo tanto a inclinación do voto, a media das enquisas non augura cambios significativos no Congreso. Se así fose, as eleccións non resolverían ren. A menos que a suma do PP e Ciudadanos permitan a constitución dun goberno continuísta. Neste caso, as novidades serían algunhas medidas contra a corrupción. O problema é: como se pode conseguir isto, para alén do que digan os acordos, mentres se alenta a preeminencia do privado sobre o público, e se ceden ou eliminan os controis sobre a economía? Tampouco se poden desbotar algunhas medidas contra a emerxencia social, que sirvan de escusa para continuar coa regresión laboral, a privatización da sanidade e ensino, e rebaixar as pensións a un carácter asistencial, e reducir as competencias reais das autonomías e nacionalidades. 

Agora ben, o acontecido nestes meses no ámbito institucional, encetando pola correlación de forzas, amosa que o cambio non se vai conseguir a través dos debates nos medios de información e nos parlamentos. Esta é a primeira conclusión da conxuntura política, que non debería ser unha novidade. Porén tendo en consideración que institucións e medios de comunicación foi o camiño que propuxo Podemos, xerando unha expectativa moi grande, primeiro na mocidade de clase media, e despois nas clases populares, deixar ao descuberto os límites deste espellismo é un avance. Lembremos que esta hipótese, tan sinxela, utilizouse para descualificar a esquerda histórica, mesmo a máis combativa e coherente, acusándoa de ser incapaz de comprender a nova etapa, de non facer fronte ao sistema e á corrupción. Afirmaban os dirixentes de Podemos que ás “vellas” forzas faltáballes comprensión do momento e folla de ruta, xa que “conquistar o ceo” era posíbel co voto e cun programa de reparto a partir dos orzamentos. 

O cambio non se vai conseguir a través dos debates nos medios de información e nos parlamentos

Polo doado que semellaba o esforzo necesario para o cambio, e a rapidez coa que se podían conseguir algúns dos obxectivos tan longamente desexados, a esquerda histórica viuse relegada fronte a un discurso que desbordaba triunfalismo e un bo manexo dos medios e da mensaxe, e de pouco valeu que se alertase do errado da proposta. Hai que engadir que Podemos contou con altofalantes nalgúns medios de comunicación sistémicos (non vou analizar aquí os motivos, xa o teño feito noutra oportunidade). Esta proposta política salvadora non casualmente tivo máis éxito na periferia que no centro; os séculos de opresión e loita son un substrato moi propicio para que xermolen as saídas redentoras rápidas, máxime cando se fan sen rachar co sistema e coas estruturas de poder. Porén, a praxe pon cada cousa no seu lugar, e despois dun ascenso meteórico, a folla de ruta de Podemos e aliados amosa os seus límites. O futuro para esta forza, se non fai algún movemento táctico, varía entre o estancamento e o retroceso nas institucións. Falo das institucións porque carece de actividade organizada nos movementos de masas, e polo tanto de capacidade para articular a mobilización sindical e social. 

A cúpula de Podemos recoñece implicitamente o fracaso da súa folla de ruta actual cando o propio Pablo Iglesias xa fala de chegar a un acordo nas vindeiras xerais con IU-Unidad Popular. Trataría así de lle dar novos azos ao seu proxecto. Na práctica pásase ao tacticismo, para no inmediato obter uns resultados superiores ou cando menos iguais aos das últimas xerais, facendo táboa rasa de cando valoraba a Izquierda Unida como un lastre. Faino porque teme que, repetindo a formula anterior, poda perder deputados/as, ademais de votos, xa que se prevé que aumente a abstención. Se fose así, e non superase o PSOE ou, algo aínda máis grave, se houbese un Goberno PP+Ciudadanos, unha parte dos que votaron Podemos deixarían de facelo no futuro, porque “conquistar o ceo” ficaría máis lonxe que nunca, e ademais retrocedeuse na rúa. Polo tanto úrxelle que a dereita non teña maioría, e superar o PSOE en deputados e votos, para colocalo contra a parede e botar sobre el toda a responsabilidade da falta dun acordo de esquerda. E para iso, necesita chuchar votos de todos os recunchos, tanto sexa de IU como doutras forzas. A esta tarefa tamén se adicaran as confluencias. Veremos o que dá de si esta táctica na Galiza.

A cúpula de Podemos recoñece implicitamente o fracaso da súa folla de ruta actual

A segunda conclusión que se debe tirar, sobre a práctica política de Podemos, é que, de vagar máis sen acougo, foi virando a posturas moderadas, sacrificando unha parte do seu programa económico e social. Por exemplo, rebaixando a eliminación das últimas reformas laborais á realizada polo PP, ou aceptando non mudar os tipos do IRPF e do imposto de sociedades. Non é unha cuestión menor, xa que amosa unha tentación moi grande de avanzar electoralmente gañando votantes no espazo do PSOE, e non na esquerda e na abstención descontenta co sistema, que é onde dirixía a súa mensaxe hai un ano. Está a percorrer o mesmo camiño que Syriza. Polo tanto é lóxico que a disputa co PSOE sexa tan dura, xa que están a loitar pola mesma base electoral. 

A segunda conclusión que se debe tirar, sobre a práctica política de Podemos, é que, de vagar máis sen acougo, foi virando a posturas moderadas

Hoxe é moi difícil saber se o PSOE ou Podemos terminaran gañando o espazo “socialdemócrata europeísta”, ou se coexistirán ambos. Este último escenario podería ser útil para as clases dominantes. Deste xeito os medios de comunicación seguirían a condicionar a correlación de forzas nos partidos de esquerda e progresistas (sempre que a esquerda, nomeadamente a nacionalista, non sexa quen de tomar máis unha vez a iniciativa no eido da loita das ideas). Non se pode ignorar que Podemos é funcional, e demostrou ser eficaz, para diminuír o peso político de forzas antisistémicas, especialmente do nacionalismo de esquerda en Euskadi, Catalunya, Galiza. Estas confrontan co proceso de globalización (e polo tanto de centralización do poder e da riqueza), e teñen nalgúns casos posturas máis radicais no laboral e social, aínda que se ignoren propostas de socialización.

Tanto por se sumar ao tacticismo, como pola súa viraxe cara á socialdemocracia light, como por dar un papel totalmente secundario aos movementos de masas e á mobilización, Podemos foi afastando o seu centro de gravidade da esquerda antisistémica. E este é o dato relevante, haxa ou non novas eleccións xerais, e sexa cal for o resultado das mesmas. Polo que moitos dos seus simpatizantes irán albiscando esta mudanza, especialmente aqueles que proveñen de posturas rupturistas. Daquela que sexa o momento máis acaido para que o nacionalismo de esquerda reforce a súa mensaxe, vinculando o social coa soberanía, recobrando así o espazo que en parte lle foi chuchado polos novos suxeitos políticos. Estes últimos fixérono con propostas dunha folla de ruta que ignora as relacións de poder e as bases sobre os que este se sustenta. 

Podemos foi afastando o seu centro de gravidade da esquerda antisistémica. E este é o dato relevante, haxa ou non novas eleccións xerais, e sexa cal for o resultado das mesmas

Sen dúbida non será unha tarefa doada para aquelas forzas que teñen un pasado de loita contra o sistema, recuperar o espazo social perdido e superar metas anteriores. Houbo erros, acumuláronse eivas, sementáronse mensaxes ambiguas e mesmo contraditorias. É verdade que algunhas fixeron rectificacións acertadas, que se renovaron as referencias. Son pasos adiante, que deben ampliar o máis rápido posíbel; sobre todo sabendo que executalos leva tempo. Mais, o importante é, cara onde se camiña e que se está a fortalecer. Tampouco se debe ignorar que polo momento Podemos e confluencias seguirán atraendo a persoas que buscan un camiño doado e sobrevaloran o papel das institucións e a fortaleza do sistema. Estas persoas, especialmente cando se trata de cargos, non o farán por razóns tácticas, como ás veces se xustifican, senón por deriva ideolóxica. Xa aconteceu hai catro décadas, cando moitos viron no PSOE de Felipe González “un proxecto de esquerdas e respectuoso co dereito de autodeterminación”. En todo caso, repito, o esencial é albiscarmos que mudou a tendencia, aínda que o proceso só estea encetando, e que o fundamental é darlle valor á coherencia, á iniciativa, á mobilización e á loita das ideas.

http://manuelmera.blogaliza.org/