Opinión

É Podemos unha alternativa liberadora?

Resulta evidente que Podemos foi quen de recoller, en boa medida, a xenreira social contra a marxinación social, o aumento da explotación e a corrupción, e agora o seu reto é ser quen de construír un proxecto político duradeiro.

Resulta evidente que Podemos foi quen de recoller, en boa medida, a xenreira social contra a marxinación social, o aumento da explotación e a corrupción, e agora o seu reto é ser quen de construír un proxecto político duradeiro. Non se pode ignorar que funcionou como catalizador cun discurso e propostas de esquerda, e que este é un aspecto positivo, máxime cando foi quen de atraer votantes de opcións conservadoras ou persoas que se abstiñan. Malia que non se poda negar que conta co arroupe dalgúns medios de información sistémicos, o certo é que a súa cúpula dirixente ten moita capacidade para comunicar ás clases populares ideas e desexos de cambio. Asemade, a acusación contra Podemos dos partidos do sistema, o PP e máis o PSOE, e da patronal, de propor medidas “fracasadas” contra o neoliberalismo (de nesgo comunista ou chavista segundo eles, malia que non sexa certo) dá pulo a esta forza como proxecto alternativo e liberador no imaxinario colectivo dos sectores esmagados pola crise e preocupados pola corrupción.

"Podemos ligou co estado de ánimo da xente; nun principio coa fracción das chamadas clases medias afectadas pola crise, e a través destas cunha parte da clase obreira".

Sen dúbida, Podemos ligou co estado de ánimo da xente; nun principio coa fracción das chamadas clases medias afectadas pola crise, e a través destas cunha parte da clase obreira. Ademais, non se pode ignorar que foi así porque, por distintas razóns, algúns partidos que historicamente cuestionan o neoliberalismo non foron quen de ocupar o espazo político que se estaba abrindo con grande rapidez, malia que en moitos casos sementaron ideas e realizaron grandes mobilizacións para que así fose, por exemplo o BNG na Galiza. Este último aspecto é fundamental cando se caracteriza a situación, porque obviar os propios erros ou eivas non permitirá que o nacionalismo na Galiza poda confrontar con éxito alternativas con esta nova forza política da esquerda do ámbito estatal. 

Dicía en anteriores artigos que Podemos ten moito en común co “felipismo” socialdemócrata da década posterior á queda do franquismo. Como naquel intre, a rapidez coa que Podemos está a mudar o seu programa e mesmo a terminoloxía do discurso, restándolle radicalidade, fai pensar que a súa prioridade é chegar o máis axiña ao Goberno atraendo sectores do centro e evitando unha confrontación directa cos grupos de poder, que eles reducen ao 1% da poboación. Nalgunha entrevista, hai meses, Pablo Iglesias confirmaba esta hipótese, mais non deixaba albiscar que para iso estivese disposto a baixar o listón do seu programa. O evitar definirse como de esquerda ou dereitas vai nese senso. Aínda que o debate sobre o novo programa económico elaborado por Vicens Navarro e Juan Torres aínda non está concluído internamente, xa se desbotan o impago da débeda externa, a renda básica universal, a xubilación aos 60 anos, e a nacionalización dos sectores estratéxicos (malia que nas europeas propuxese mercar accións na Bolsa para obter o control, e non incluíse a banca). 

"A esta altura pódese afirmar que este non vai ser o programa definitivo de Podemos, e que sufrirá novas modificacións facéndoo máis axustado ao marco da globalización neoliberal"

A esta altura pódese afirmar que este non vai ser o programa definitivo de Podemos, e que sufrirá novas modificacións facéndoo máis axustado ao marco da globalización neoliberal, e que o ritmo dependerá do achegada que estea a súa posibilidade de gobernar. Pablo Iglesias e a súa equipa teñen argumentado que estas cesións son tácticas, tal como seica se fixeron por parte dalgúns partidos gobernantes dos países da ALBA, e que unha vez controlado o poder político aplicarán todas as medidas necesarias para impoñer a xustiza social e a democracia, para evitar a situación actual que exclúe á maioría. Este razoamento ten o seu peso e para moitos/as resulta críbel. Mais, esquecen que, por exemplo, en Venezuela as mudanzas puideron executarse porque a fracción maioritaria do exército estaba con Chávez, e os partidos políticos de esquerda tiñan un forte peso social e político (Partido Comunista, Causa R, etc). Asemade, en Venezuela, Ecuador e Bolivia chegouse a actual correlación de forzas despois de anos de loita (e mesmo de insurreccións populares), e de acumulación por parte das clases populares no proceso previo a gañar as eleccións. Esa non parece ser a situación no Estado español, nen tampouco o contexto europeo é semellante. E isto último é fundamental, tendo en consideración a integración do Estado español no bloque imperialista hexemónico da UE, na eurozona e na OTAN. 

A pertenza á Unión Europea e á eurozona non é unha cuestión menor, como recoñecen Navarro e Torres na súa proposta económica, xa que eiva a capacidade do Goberno central (tamén, chegado o caso, do Galego) para tomar medidas que corrixan as políticas económicas e sociais decididas en Bruxelas ou pola Troica (por certo coa aceptación do Goberno español, en beneficio das clases dominantes no Estado). Non esquezamos que o valor do euro fronte a outras moedas non é neutral, ao favorecer unhas importacións e exportacións e prexudicar outras (e polo tanto a xeración de emprego e os salarios nas economías abertas). Tamén corresponde á Unión Europea decidir os aranceis do comercio exterior, e por se non abondase é normal que incentive unhas actividades e desalente outras, mediante achegas e normas, en función dos “intereses globais” que en definitiva son os dos grandes grupos económicos e dos territorios máis poderosos da Unión. Polo tanto, cun Goberno máis forte e con sensibilidade social, o Estado español poderá conseguir certas concesións. Porén, non sexamos inocentes, ningunha que poña en cuestión o modelo de desenvolvemento e a disputa coas potencias emerxentes polo control das riquezas do mundo, e iso significa un aumento da explotación laboral e unha maior opresión dos territorios subordinados (como Galiza). Obviar estes atrancos e eivas, equivale a estar vendendo fume. 

"O problema non é só gañar as eleccións, xa que de pouco vale se despois non se conta coa forza necesaria para levar adiante un programa transformador, ou sexa de ruptura democrática"

En concreto, o problema non é só gañar as eleccións, xa que de pouco vale se despois non se conta coa forza necesaria para levar adiante un programa transformador, ou sexa de ruptura democrática, tanto no político como no económico e social. E mesmo aceptando que clarificar as relacións coa eurozona e coa UE pódese deixar para o momento en que estas sexan unha traba, para levar adiante as medidas decididas democraticamente pola cidadanía, o que non pode esperar para esa conxuntura é contar cunha correlación de forzas favorábel para dar esa batalla. Para iso cómpre ter a sociedade clarificada e organizada, ou cando menos unha fracción moi importante dela, que sexa capaz de ocupar a rúa confrontando co poder; a outra alternativa é contar coa disuasión das armas. E, mesmo así, véxase a resistencia que ofrece a oligarquía nun país como Venezuela. Chegar a este grao de combatividade popular non é sinxelo cando os cambios se supeditan ao milagre do debate e da entrevista polos medios e ao voto nas eleccións. Este sen dúbida é o aspecto máis fraco da folla de ruta de Podemos xa que, sendo necesario o aumento da mobilización e organización para unha ruptura democrática, sacraliza a vía institucional, a participación eventual, e o líder e a súa equipa máis próxima como os únicos referentes. Se por calquera razón Pablo Iglesias cae, pincha o proxecto. Eiquí amósase que as estrofas da Internacional son proféticas cando din: “non hai salvadores supremos, nen rei, nen tribuno, nen deus, temos que nos salvar nós mesmos, o pobo traballador”. 

"Podemos aposta esencialmente por consolidar un partido baseado na reivindicación dos dereitos individuais e, como afirma publicamente Pablo Iglesias"

Aínda con todas estas feblezas, Podemos significa un cambio positivo en relación a outros partidos da esquerda estatal, porque implica (polo dagora) propostas máis sensíbeis á cuestión social e o recoñecemento do conflito nacional (cando menos con Cataluña e o País Vasco). Porén, non se pode ignorar que é unha alternativa que ten como único marco o Estado español, que obvia a autoorganización social e política das nacionalidades históricas (as nacións periféricas ou subordinadas). Polo tanto, ademais de centrar o discurso na loita contra a corrupción, e cada vez menos na democracia interna, despois de elixir a cúpula con métodos tradicionais, Podemos aposta esencialmente por consolidar un partido baseado na reivindicación dos dereitos individuais e, como afirma publicamente Pablo Iglesias, no patriotismo español. Daquela, como se pode ollar no seu programa, non é casual que non analice e careza de propostas que reduzan as desigualdades e rematen coa opresión das nacións periféricas do Estado español e que rexeiten a explotación de clase. Neste aspecto Iglesias remítese á Asemblea Constituinte, caneando concretar a súa proposta. Lembremos que en países como Galiza, a cuestión de clase e nacional son interdependentes, xa que a falta de soberanía aumenta a taxa de explotación. 

Polo tanto, no relativo á soberanía nacional, alén do recoñecemento formal e ambiguo do dereito a decidir, Podemos pode significar a medio prazo un retroceso estratéxico dos dereitos nacionais e da loita de clases, como no seu día o foi o felipismo, malia que nun primeiro intre tomou medidas positivas como a sanidade universal, a xornada de 40 horas, o mes de vacacións, etc. Este non é un tema doado de debater e clarificar na sociedade galega neste momento, e tampouco o foi no seu día facelo cos aspectos regresivos do ascenso do PSOE ao Goberno. Naquel intre, mesmo provocou un intenso debate interno no seo do nacionalismo, político e sindical, dos que o BNG e UG representaban dúas opcións contrapostas. En ambos os dous momentos históricos, o fenómeno dáse nun contexto económico e político de crise, con taxas de desemprego altas e perda de dereitos, e a socialdemocracia aparece como a salvadora e con posibilidade de gobernar axiña. Porén, aínda co condicionante do estado de ánimo da xente, coido que o nacionalismo galego debe apuntar de xeito didáctico as eivas do programa e da folla de ruta de Podemos, e moi especialmente que carece dun proxecto para a nación galega. Concretamente, que non reivindique como partido unha organización territorial autónoma, e que o supedite todo ao pequeno núcleo de dirección madrileño, acentuando deste xeito a fenda entre centro e periferia, que tan lesiva é para Galiza, tanto no aspecto económico como identitario.  

"Sendo esencial criticar a liña política de Podemos naquilo que sexa negativo para o pobo galego, iso non é abondo para construír a liberación da Galiza".

Sendo esencial criticar a liña política de Podemos naquilo que sexa negativo para o pobo galego, iso non é abondo para construír a liberación da Galiza. Cómpre asemade que o nacionalismo galego anticolonial rectifique erros e supere debilidades, ate se converter nunha forza exemplar en todos os aspectos. A autosatisfacción, e culpar de todos os problemas aos axentes externos, remata converténdose nunha escusa para o acomodo. Para ofrecer un programa centrado nas necesidades da xente, fai falla unha constante e  metódica análise da situación, ollar como normal a rectificación, e considerar vital o traballo colectivo. Só deste xeito se transmitirá que existe programa e folla de ruta, unha forza capaz e a coraxe abondo para facer realidade a conquista da liberación nacional e social das clases populares. En fin, algo que semella que o nacionalismo ten en boa medida, por citar un lugar, na cidade de Pontevedra. Debería ser en moitos aspectos unha referencia.

http://manuelmera.blogaliza.org/