Opinión

Pleno parlamentar: o ovo e a galiña

Visualicei o vídeo do último debate do Pleno do Parlamento Galego, como facía habitualmente hai anos cando tiña responsabilidades políticas-sindicais, para analizar, rectificar, mellorar. Neste Pleno, o presidente da Xunta respostou ás diversas preguntas que lle fixeron os grupos da oposición. Foi unha discusión tensa, centrada nunha primeira parte na cuestión do emprego. Un debate co PSOE, e en menor medida co BNG, e en que se tratou unha cuestión que é prioritaria para 80% da povoación galega, tanto a activa como a pasiva. Diante da evidencia da alta taxa de desemprego no país, Núñez Feijóo usou, para se defender, unha ringleira de dados estatísticos, tanto da EPA como das afiliacións á Seguridade Social. Nomeadamente, destacou como algo positivo termos un ritmo de crecemento do PIB igual ou superior á media do Estado español, unha taxa de paro inferior, e que se o comportamento non foi mellor, seica se debeu ao decrecemento da povoación activa por mor das políticas realizadas durante a década dos 90 do século pasado, que esmagaron a natalidade.

Hai que recoñecelo, o Presidente traía preparados os deberes para unhas preguntas que pretendían deixalo en evidencia con catro cifras e aproveitando unha lectura correcta da realidade instalada na sociedade (desemprego, precariedade, baixos salarios, emigración). Porén, o debate amosou que non abondaba con iso, nen con que a oposición fixese intervencións contundentes para lle facer perder os papeis ao Presidente e evidenciar as súas contradicións. Feijóo foi quen de expoñer unha ringleira de dados que confirmarían que está a facer todo o que se pode para reverter a situación, que ninguén o fai mellor no Estado español, e que a oposición non ten ningunha proposta concreta para propiciar cambios máis efectivos. Ou sexa, recoñeceu que existe unha situación preocupante de desemprego, porén puxo todo seu arsenal en “demostrar” que as medidas postas en práctica son as que conseguen resultados máis positivos. Afirmou por activa e por pasiva que a protesta da oposición só procura utilizar este grave problema politicamente, mais carece de proxecto para superar o conseguido coa súa xestión.

Hai que recoñecelo, o Presidente traía preparados os deberes para unhas preguntas que pretendían deixalo en evidencia

A oposición encarou mal o debate. No caso do BNG, mantivo un ton axeitado e a tensión acaída, mais tocou unha morea de temas en moi pouco tempo (violencia de xénero, desemprego, Ferroatlántica, corrupción, etc), facilitando que Feijóo respondese salientando só aquilo que máis lle beneficiaba. Pola súa banda Leiceaga, polo PSOE, falto de énfase e con moitos dados, centrou a pregunta na baixa taxa de ocupación e no medre do desemprego como reflicte a EPA do primeiro trimestre, e considerando este retroceso un saldo lóxico das políticas na materia dos sucesivos governos de Feijóo. Argumentos que este contestou coa firmeza do que ten razóns e con máis dados, rexeitando o conxuntural para destacar as virtudes das súas políticas no período, tamén no ámbito da mocidade. Engadindo a escusa da queda dos habitantes na Galiza en valores moi semellantes á povoación activa, para relativizar unha menor ocupación que no inicio da crise. Para Núñez Feijóo, todo vai vento en popa, e se os resultados non son mellores débese a que herdou un pesado lastre, por mor das medidas que nesta materia se desenvolveron durante o bipartito por parte do PSOE, e das políticas de natalidade da década dos noventa do século pasado. Neste último aspecto, esquece intencionadamente que Galiza estivo governanda polo PP da man de Manuel Fraga. En fin, o dilema era se neste tema, foi primeiro o ovo ou a galiña. Algo que ninguén aclarou.

Da forma en que se desenvolveu a polémica, o máis lóxico é que deste debate sobre o emprego o espectador/a non tirase conclusión ningunha, o que sería negativo para a oposición, porque se trata dunha cuestión central. As persoas adícanlle ao traballo unha boa parte da súa vida, e condiciona o resto dela. A discusión non axudou a aclarar ren, porque se analizou o retroceso demográfico como unha causa e non como unha consecuencia. Non se tivo en consideración que é produto da desfeita do rural, das altas taxas de desemprego, da precariedade, dos baixos salarios, do aumento da presión fiscal, da privatización parcial e redución de servizos e prestacións básicos como o ensino, sanidade, seguro de desemprego, pensións, protección á dependencia. E do encarecemento de servizos esenciais como a electricidade, gas, auga, telefonía, da hexemonía do capital foráneo no sector empresarial, do papel que ten o país na cadea de produción de valor, da falta de soberanía, etc. Ou sexa, non se fixo unha análise das contradicións, da loita de clases, das políticas que favorecen a concentración e centralización da riqueza e do poder. Co PIB actual e unha distribución distinta do traballo e da riqueza non habería paro, non existiría a emigración, non teríamos precariedade e pobreza e non diminuiría a povoación. O problema non está no medre do PIB, que se podería mellorar nun país soberano, senón na súa distribución.

O máis lóxico é que deste debate sobre o emprego o espectador/a non tirase conclusión ningunha, o que sería negativo para a oposición

A queda da natalidade ten causas que obedecen ao modo de vida das persoas, mais sobre todo a que 1/4 das familias viven na pobreza, 2/3 non aforran ren, e unha cifra que supera 50% teñen problemas para chegar a final de mes. Ademais, esta situación laboral alenta a emigración masiva da mocidade. Se hai poucos mozos e mozas e unha parte considerábel emigra, como se vai garantir a reprodución? Asemade, esta desfeita demográfica reduce o consumo e desalenta o investimento e a creación de empresas. Ficamos nun círculo vicioso, cada vez máis estreito. Por iso perdemos PIB e povoación a respecto do Estado español. Ademais ao darlle azos á inmigración, auméntase a man de obra de reserva, acrecentando artificiosamente os beneficios do capital, mentres se expulsa cara á emigración as persoas que por necesidade consideran poder obter condicións máis dignas no exterior.

En fin, son cuestións que non teñen unha solución sen poder político, sen modificacións a fondo do sistema económico e social. Daquela que as medidas reformistas non ilusionen xa ninguén. Tamén as propoñen o PP e Ciudadanos. Agora ben, mesmo no contexto actual, hai propostas que aínda que non rachan co capitalismo sementarían cambios conceptuais a respecto das hipotecas do sistema e da dependencia. Por exemplo, a saída do euro e da Unión Europea, a nacionalización da banca, enerxía e telecomunicacións, unha reforma progresista do sistema fiscal (incluíndo nela o concerto económico), a eliminación das horas extra e do traballo temporal, o aumento do salario mínimo, a redución da xornada laboral (concretando nestes casos as contías cun acordo cos sindicatos). Daquela, o debate con Feijóo faríase en base a confrontar proxectos distintos, nos que ficarían enmarcadas as cuestións locais, os problemas conxunturais, as situacións que afectan certos colectivos.

Son cuestións que non teñen unha solución sen poder político, sen modificacións a fondo do sistema económico

De non caracterizar axeitadamente as contradicións existentes, a súa importancia e urxencia social, de non facer propostas que solucionen estes atrancos e que socialicen unha folla de ruta para conseguilo, a clase traballadora seguirá dividindo o voto ou refuxiándose na abstención, ou no que considera o mal menor ou o “malo coñecido”. Tamén terá este comportamento unha parte da que está organizada no sindicalismo nacionalista, xa que forman parte da mesma sociedade. Non abonda con mostrar a ferida ou denunciala. Cómpre descubrirlle ao povo que é o que a provoca, e ofrecer remedios que a curen. E iso pasa por non desprezar a capacidade dialéctica dos/as adversarios. Por interiorizar como propias as cuestións que sente o povo con máis urxencia, con todo o seu dramatismo, complexidade, e dar unha resposta inmediata e consistente. Se non, teremos Feijóo, Caballero, ou copias deles para moito tempo. Por suposto, a batalla principal está na rúa, na fábrica, na loita das ideas, na construción do partido de clase, na liberación nacional e social. Son dos convencidos de que este camiño só pode percorrelo o nacionalismo galego. Mais para iso, debe ter un carácter popular, un contido de clase, ver a nación na xente humilde, na aldea, no barrio obreiro... E ser quen de conseguir unha complicidade de obxectivos coa intelectualidade progresista, e marcarse unha política de alianzas non sectaria. Firmes no proxecto, respectuosos no debate, e abertos na defensa dos problemas inmediatos das clases populares, dende os económicos até os lingüísticos.

http://manuelmera.blogaliza.org/