Opinión

Perú, revolta do pobo contra o golpe

As accións de protesta no Perú van a máis, tanto en número de persoas mobilizadas como pola súa extensión no país. É unha revolta contra a destitución e prisión preventiva do presidente Pedro Castillo (xullo 2021-decembro 2022), por decisión do Parlamento co aval do poder xudicial. Mais resulta evidente que hai máis razóns, que van desde o medre da desigualdade, malia o medre da economía nas últimas décadas, até o secular trato discriminatorio por razóns étnicas. 

Resulta lóxico que a sociedade vexa na substitución de Castillo un golpe de estado, como unha acción máis de soberbia dunha minoría, tendo en consideración da belixerancia do Congreso a todas as iniciativas do Executivo que tivesen un carácter progresista nos contidos e mesmo nas formas. O governo de Castillo con todas as eivas que se lle podan criticar implicaba un paso adiante polo programa que defendeu na campaña electoral, aínda que a execución foi tremendamente limitada pola actitude da oposición, tanto no Parlamento, como nos medios de comunicación hexemónicos.

As clases dominantes escenificaron, sen ningún tipo de complexos, xa antes de que asumiu a presidencia, que non lle ían deixar governar, nen reducindo as reformas propostas. Coidan que son elas as que deben ter o poder, porque así foi sempre, e que polo tanto o executivo debe responder aos seus intereses. Esta mentalidade, construída na época colonial e que se mantivo presente na historia posterior do Perú, agás cortos períodos, como o do governo militar de Velasco Alvarado (1968-1975). Nesta etapa, para alén do autoritarismo e a marxinación dos partidos, nacionalizou sectores claves. En 1975 o Estado controlaba o 31% das empresas, o 75% das exportacións, o 66% do crédito bancario, e o 50% do investimento, o 33% do emprego nas empresas. Este modelo mantívose na década dos 80, mais posteriormente foi fortemente revertido coa consolidación da globalización neoliberal. E agora está en crise, no Perú, mais tamén en todo o mundo.

As derradeiras décadas foron dun importante medre dop PIB no Perú, fundamentado na exportación de materias primas, mais non deixou de medrar a desigualdade e os sectores populares marxinados dun avance económico cada vez máis concentrado e dependente do exterior. Consecuencias: de 34 millóns de habitantes 8.600.000 atópense na pobreza e 1.300.000 na pobreza extrema. Estas son as contradicións que, sumadas a partidos e un parlamento desprestixiados, dan corpo ás protestas sociais, que se  foron estendendo progresivamente do sur a todo o Perú interior. A resposta do governo de facto, de Dina Boluarte, foi a represión contra a mobilización popular; a esta altura van máis de 50 persoas mortas, e centos de feridas e detidas.

Malia a dureza da represión a protesta vai a máis, deixando dúas únicas saídas: a declaración dunha ditadura que negue calquera mobilización e oposición social e política; ou a volta de Pedro Castillo, e a convocatoria dun referendo para unha Asemblea Constituínte. Evidentemente quedan abertas todas as alternativas intermedias que se podan pactar, mais implicarían unha derrota para o governo de facto e a burguesía peruana. Sería así, porque ficaría en evidencia o poder do povo mobilizado, e consolidaríase como unha vía para avanzar nas reclamacións democráticas, sociais e laborais, para a maioría da sociedade, hoxe marxinada (mesmo cun medre importante do PIB). O capital non reparte senón é como consecuencia da presión popular, especialmente da clase traballadora.

Como se desenvolva no futuro o conflito político, de clases e etnias, no Perú é de moita importancia. Xa que se dá na periferia do sistema, e marca o grao actual das contradicións, da conciencia colectiva, e do estado de animo nesta conxuntura histórica de fonda crise do sistema. O aspecto máis débil deste conflito: a fraxilidade das alternativas políticas partidarias, tanto en número de militantes como na súa extensión en todo o territorio do país. Mais isto pode mudar rapidamente, depende de que o movemento popular vexa como unha necesidade dispor organizacións que, contando coa base e sen substituír seu protagonismo, faga de locomotora do proceso de cambio.