Opinión

As pensións e o reaxuste

As folgas e manifestacións en Francia contra a reforma das pensións mantéñense fortes, malia que Macron, que conta coa apoio das clases dominantes, mais non cunha maioría clara no Parlamento, está disposto resistir  a presión popular e utilizar todos os mecanismos para aprobala, mesmo que segundo as enquisas á inmensa maioría da povoación estea en contra. A escusa do Governo é evitar que as pensións non sexan sostíbeis en poucos anos, calculando un déficit de 14 mil millóns en 2030, polo que propón demorar a idade de xubilación dos 62 aos 64 anos, e ter 43 anos cotizados, en lugar de 42, a partir de 2027, para cobrar unha pensión completa.

Un axuste que se está na vía do xa se fixo ou vai facer en boa parte da UE, como consecuencia das políticas neoliberais e da recomposición pola crise do sistema e confrontación entre potencias. Este reaxuste ademais é unha demostración práctica das contradicións existentes entre o discurso e a realidade do que defenden os partidos neoliberais e o gran capital nas “exemplares democracias” occidentais. Nestes aspectos céntranse algúns analistas en Francia, destacando:

A) Que mentres no ano 1995 a cotización da patronal era o 65,2% da achega á pensión de cada traballador/ra agora situase no 46,9%. Unha redución en beneficio das empresas, que dirimiu os ingresos do sistema de pensións, e que na práctica implica unha redución dos salarios en diferido.

B) Tamén se reduciron os ingresos ao sistema coa exención ou rebaixa das cotizacións empresarias subvencionando determinadas contratacións. As exencións fiscais ás empresas, por múltiples motivos, foron de 85 mil millóns de euros no ano 2020, o que multiplica por seis o déficit que se estima, no escenario máis negativo, para o ano 2030 na seguridade social francesa.

C) Ao mesmo tempo o Governo de Macron, e neste caso practicamente toda a UE, polo papel subordinado cos Estados Unidos e ao mesmo tempo subimperialista cos países da periferia, co argumento da guerra na Ucraína, vai aumentar até 400 mil millóns de euros o gasto en defensa no período 2024-2030, un 30% máis que o orzamentado até agora. Neste caso as perdas non importan.

Resulta evidente que por parte do Governo francés, e da Unión Europa, pretendese que os custes desta recomposición económica e política, que ten como finalidade a medio prazo manter a hexemonía occidental, evitando a consolidación da actual tendencia que fortalece a configuración dun mundo multipolar, o paguen as clases populares. Especialmente a clase traballadora, e aqueles territorios que teñen un papel subalterno, tanto países soberanos, como nacionalidades que xoguen ese rol no ámbito dos estados centrais (que é o caso de Galiza).

Daquela que sexan moitas as frontes abertas, como a perda do valor real dos salarios pola inflación, a redución de servizos e axudas públicas básicas,... Unha evolución que se xustifica coa crise, mais non se pode agochar que as grandes empresas, por exemplo financeiras e da enerxía, están obtendo beneficios inmensos (a gran banca 20.800 millóns en 2022 no Estado español). É verdade que, onde hai governos progresistas, tómanse medidas para atender as situacións de precariedade máis graves, porén non se toman medidas que eviten a concentración da riqueza... e do poder... como pode ser a nacionalización das empresas en sectores estratéxicos.

Por último destacar que en Francia esta reforma regresiva das pensións ten en contra todos os sindicatos, forzas sociais e partidos progresistas, que se mobilizaron nas rúas das cidades do país máis de dous millóns de persoas. O tema está agora a debate no Parlamento, e temese que de non pasar Macron utilice outros camiños para aprobar o esencial desta contrarreforma. En calquera caso as folgas e manifestacións contra esta reforma, non só da clase traballadora senón tamén do estudantado e outros sectores sociais, amosan que existe unha ampla capacidade de resposta, como xa se amosou cos chaleques amarelos hai uns anos. As contradicións sistémicas non deixan de medrar. As mobilizacións contra as medidas de axuste e a guerra, con esta ou máis forza que en Francia, estenderanse a toda a UE?... Todo indica que aínda que se demoren sucederá.