Opinión

Pastor-Popular, capitalismo en estado puro

Seica para evitar un mal maior, vendeuse con nocturnidade e por un euro o Banco Popular-Pastor ao Santander, cunha saída á carta e coa complicidade do Banco Central Europeo e do Governo español. Con seguridade esta operación terá unha forte repercusión sobre a economía e o emprego na Galiza. Malia que o segundo de abordo do Santander diga que ambas as entidades seguirán a funcionar coas súas marcas, semella que se trata de verbas dirixidas a tranquilizar os/as clientes, e gañar tempo para artellar un plano que elimine as duplicidades negociando cos sindicatos e adiantando xubilacións. E se esta vía non funciona irán pola brava. Crer que non vai ser así, sería ignorar a tendencia dominante no sector bancario que elimina oficinas e reduce ao máximo o cadro de persoal. Algo que está facendo o Santander neste mesmo intre. No noso país, o Pastor-Popular conta cunha nómina de 1.400 persoas, polo que a perda de postos de traballo pode ser considerábel.

A posíbel perda de emprego é o aspecto de maior transcendencia desta operación, dada a alta taxa de paro e de temporalidade dos contratos existente na Galiza. Mais non é a única consecuencia negativa da absorción, a medio e longo prazo. As máis afectadas pola futura reestruturación na Galiza poderían ser as oficinas rurais. Algo que agravaría a xa preocupante situación demográfica polos prexuízos que causan as reducións de servizos á povoación rural. Lembremos que o Pastor tiña unha ampla rede de oficinas, que o Popular herdou despois da fusión, mentres que o Santander ten centrado o negocio no medio urbano. Outro aspecto a termos en consideración é que unha parte dos ingresos da Fundación Barrié procedía do seu paquete de accións no Pastor-Popular, que agora equivalen a cero. Esta Fundación desenvolve unha importante actividade no eido cultural na Galiza, aínda que diminuíu nos últimos anos pola redución dos ingresos dos dividendos das accións no Pastor-Popular. A concentración do capital reflicte efectos centralizadores preocupantes no económico, mais tamén no social e cultural.

Ademais desta rápida análise das consecuencias negativas da “venda” do Popular (por un euro), pódese e débese tirar unha conclusión máis xeral e fundamental: que o capitalismo é funcional, ou sexa que dá un trato preferente, aos grandes grupos empresariais, vinculados ás potencias e aos/ás donos dos cartos. Por esta razón, tanto a dirección do banco como o portavoz do Governo central emitían mensaxes de tranquilidade, e poucas horas despois, máis de 300.000 accionistas (rente dun 20% deles na Galiza) perderon o investido, e en moitos casos todos os seus aforros. Acaso mudou tanto a situación nunhas horas? Outro tanto pasaralle aos 9.000 pequenos investidores en Pescanova, a empresa de referencia do sector pesqueiro no país. Non son casos illados, e de cada vez prodúcense máis acotío. Porén, o Governo, e o BCE, consideran que esta foi unha solución acaída, e o resto dos grandes bancos españois e europeos consenten ou apoian, malia que o acordo fose feito sen ningunha transparencia, con total opacidade respecto dos usuarios e da povoación en xeral.

O capitalismo é funcional, ou sexa que dá un trato preferente, aos grandes grupos empresariais

 

Sen dúbida, a dirección do Banco Popular ten unha grande responsabilidade na desfeita. E todo indica que carecía doutras saídas para que terminase aceptando regalar a entidade ao Santander. Tamén resulta evidente que o Banco de España e a Comisión Nacional do Mercado de Valores non fixeron os seguimentos correspondentes, ou, sinxelamente deixaron correr a auga esperando unha solución deste tipo, tan favorábel ao gran capital. Digo isto porque son moi repetidas as veces que estes organismos “non se decatan” do que sucede. Demasiada casualidade. Non será que este xeito de proceder é propio do capitalismo? Non será que o capital, ademais de explotar a clase traballadora, concentra e centraliza a riqueza e o poder a costa de espremer a pequena e mediana burguesía, especialmente nas etapas nas que a taxa de máis-valía se reduce? Sendo así, podemos afirmar que non hai un capitalismo bo e outro malo, polo que se debe cuestionar o propio sistema. Máxime cando a súa esencia é tan visíbel e con consecuencias tan graves. Isto é o que debe facer a esquerda sempre.

Por outra banda, non era esta a única solución, nen a máis xusta. Existía a posibilidade de que o Estado español se fixese cargo da entidade, despois de todo xa contaba no seu haber cos 5.226 millóns de euros en activos fiscais diferidos (que agora pasaran a engrosar a liquidez do Santander). Isto permitiría manter o cadro de persoal, evitar a perda dos investimentos dos/as accionistas (ou diferenciar os que teñen todos seus aforros na entidade, ou poñer un tope de exclusión). Resulta evidente que, se o Banco Santander se fixo cargo do Popular-Pastor, non é por solidariedade, senón porque considera a operación un negocio. Isto contradí a opinión daqueles que coidan que o sector público non se pode facer cargo deste banco. Asemade, o que pasou con esta empresa privada, así como con Pescanova, e tantas outras, reflicte que o privado non é sinónimo de boa xestión por principio. Este é un momento oportuno para clarificar este tipo de ideas trabucadas, que os medios divulgan coa intención de crear un áurea arredor do empresario/a triunfador, do paradigma do/da capitalista emprendedor. Fan deles heroes modernos, para agochar a progresiva degradación das condicións laborais e o aumento da desigualdade, e mesmo consideralas necesarias para xerar emprego.

Outro aspecto que non se pode ignorar é que a Unión Europea, ademais de implantar normativas que favorecen o gran capital, axe con criterios distintos segundo o país e o momento. Hai formas de proceder diferentes en Chipre, Italia e o Estado español. En Chipre co resgate bancario, non só perderon o investimento os accionistas, senón tamén os/as aforradores con depósitos superiores a 100.000 euros. En Italia, no caso Monte dei Paschi, a vía pola que se optou foi permitir inxectar cartos públicos. Evitando así liquidalo e que tivesen que asumir as perdas os accionistas e preferentistas, coa escusa de que neste caso “é un banco viábel a longo prazo”. Unha postura distinta tomouse en relación ao Popular- Pastor, sacrificando os accionistas neste caso.

A Unión Europea, ademais de implantar normativas que favorecen o gran capital, axe con criterios distintos segundo o país e o momento

 

En calquera caso, o que salienta é que os grandes bancos teñen un trato preferente, tal como se evidencia no préstamo de todos os recursos necesarios por parte do Banco Central Europeo, a unha taxa de xuros de cero puntos, que estas entidades despois prestan aos governos e clientes a xuros moito máis elevados (mentres pagan unha porcentaxe ridícula polos depósitos dos/as usuarios). Hai tamén unha morea de mecanismos legais e excepcións fiscais polos que cotizan menores impostos que outras empresas. Benefícianse dos chamados activos fiscais diferidos (AFD), que no caso do Santander suman 8.166 millóns de euros, e para todo o sector financeiro 32.752 millóns de euros (os AFD entre outros responden a que no imposto de sociedades se unha empresa ten perdas, ademais de non facer ingresos fiscais, pode reducir as perdas en liquidacións futuras).

Foi moi grave para Galiza o acontecido no seu día con NovaCaixaGalicia. E agora repítese co Pastor-Popular

 

Foi moi grave para Galiza o acontecido no seu día con NovaCaixaGalicia. E agora repítese co Pastor-Popular. Tamén o foi o que sucedeu coas preferentes, coas miserábeis taxas de xuro dos depósitos, e coa falta de seguridade de accionistas e aforradores. Estes feitos colocan no imaxinario colectivo, como única garantía de seguridade nun sector tan esencial como a banca, a necesidade de que esta teña un carácter público. Non abonda cun Banco Público que cubra certos aspectos (por exemplo, o de potenciar a actividade empresarial). Unha proposta que abranga todo o sector beneficiaría a clase traballadora, mais tamén a pequenos e medianos empresario/as, e limitaría moito a especulación, xa que non empurraría os aforradores a acudir á Bolsa para evitar o deterioro dos seus depósitos (como sucede hoxe). Débese asemade, nacionalizar o sector enerxético (electricidade, gas, carburantes), e o das telecomunicacións, trasporte por ferrocarril e aéreo. Todas estas son actividades oligopólicas, ao servizo dos intereses económicos máis concentrados (reforzando o capitalismo e a colonización). Son sectores que dependen no esencial do consumo interno, e que representan unha gran parte do gasto fixo de familias e empresas. Converter en públicos estes sectores estratéxicos é o menos que se pode propoñer no eido económico, para comezar a cuestionar con eficacia o capitalismo, e para ter algún control sobre o desenvolvemento de Galiza.

http://manuelmera.blogaliza.org/