Opinión

Un paso adiante, hoxe e mañá

O BNG aproveitou o aniversario da aprobación do Estatuto de 1936 para dar a coñecer unha declaración política. Está constituída por un limiar no que se reafirma o ideario galeguista, e unha táboa reivindicativa de dez puntos. Para alén da difusión pública desta declaración, nunha data que tivo gran simbolismo como un paso adiante para o galeguismo histórico, até a aprobación do actual Estatuto de Autonomía, seica os dez puntos serán a base para debater unha proposta no Parlamento Galego.

A resolución que se aprobe tería como obxectivo adoptar medidas que desenvolvan a economía e melloren as prestacións e servizos públicos, elevar o teito das competencias propias, e o aspecto central: conseguir que se recoñeza a Galiza como nación e o seu dereito de autodeterminación. Aínda que desposuído de efecto práctico, o carácter de nación de Galiza está recoñecido na aceptación formal de que se trata dunha nacionalidade histórica.

Esta moción do Bloque, ademais de lle outorgar a iniciativa, permite que o Parlamento Galego discuta cuestións de transcendencia política, económica e social. Aspectos que normalmente só se tratan en Madrid e Bruxelas, debido ao modo no que están xerarquizadas estas institucións, en prexuízo da soberanía do povo galego. Polo tanto, trátase dunha iniciativa positiva, que devolve protagonismo ás institucións galegas mentres dure a tramitación da moción e o debate parlamentar. Iso, sempre que os demais partidos da oposición, ou parte deles, vexan a necesidade de dar este tipo de debates, para alén de que o Parlamento Galego teña ou non capacidade administrativa sobre o tema. É evidente que calquera institución ten dereito de opinión, e debería exercitalo normalmente naqueles temas que teñen un carácter estratéxico para o ámbito que representa (cando menos está debería ser a postura das forzas de esquerda).

Esta moción do Bloque, ademais de lle outorgar iniciativa, permite que o Parlamento Galego discuta cuestións de transcendencia política, económica e social

 

Dado que se oporá o PP, e haberá aspectos que o PSOE non acepte, como o dereito de autodeterminación, o único apoio probábel sería o de En Marea. Contando con estas limitacións, a proposta de resolución seguramente terá como finalidade que Galiza non fique á marxe do debate sobre a cuestión nacional, divulgar as reivindicacións do BNG para esta etapa e, como xa se dixo, tomar a iniciativa. Sendo así, resulta lóxico que a fronte nacionalista procure que o debate forme parte dunha intensa campaña de discusión no eido das ideas e da mobilización. Só así a iniciativa non ficará no estreito ámbito do institucional, na interpretación que fagan os medios de información hexemónicos da proposta e do debate, ou da importancia que lle dean á iniciativa as outras forzas con presenza no Parlamento Galego.

Sendo esta unha proposta positiva, un paso adiante, como afirma na cabeceira a declaración do BNG, son evidentes algúns esquecementos e eivas no texto. Entre eles quero destacar que o nacionalismo galego, tal como hoxe o coñecemos, non é herdeiro somentes do provincialismo-rexionalismo-nacionalismo, nen esencialmente do Partido Galeguista. Estas foron distintas etapas da loita pola soberanía, nas que a eliminación do antigo Reino de Galiza foi un punto de inflexión. En todo este período a conflitividade social tivo un papel fundamental, tanto na conformación da conciencia nacional como no papel que conquistaron as clases populares. Foi un proceso de experiencias acumuladas na Galiza, ao que se sumaron as análises e teorizacións doutras nacións. Daquela que choque un chisco, que non se faga mención no limiar á Revolución Rusa, aos movementos de liberación nacional e anti-coloniais do século XX, á Revolución Cubana, etc.

Sendo esta unha proposta positiva, un paso adiante, como afirma na cabeceira a declaración do BNG, son evidentes algúns esquecementos e eivas no texto

 

Agora ben, máis chamativos son os esquecementos internos. Por exemplo, a loita labrega contra os foros, á que tanto espazo lle adicou a histórica A Nosa Terra, e a folga xeral de 1932 contra a paralización da construción do carril de ferro (ao abeiro deste conflito en 1931 proclamouse o Estado Galego). Por non falar de feitos máis achegados que forman parte importante do contributo ao nacionalismo nesta etapa. Un nacionalismo de esquerda que xorde dunha base popular que non se pode obviar: obreira, labrega, mariñeira, estudantil. Sen dúbida, o nacionalismo ten unha historia nas institucións de boa xestión e un importante papel no ámbito da cultura galega. Porén, o seu medre político, especialmente na mocidade, debeuse a que foi quen de tomar postura na loita de clases, confrontando cos pactos sociais e a concertación laboral, e sendo a principal forza motriz nas folgas xerais e nas mobilizacións de sector e empresa. Asemade o nacionalismo gañou méritos na oposición á cota empresarial agraria, e contra os límites na produción leiteira, no rexeitamento da LOU, na oposición á entrada no Mercado Común e ao Tratado de Maastricht, na mobilización contra o desastre ecolóxico do afundimento do Prestige. Só por destacar algunhas das reivindicacións laborais, sociais e medioambientais máis significativas.

Dadas estas eivas no limiar da declaración, semella lóxico que despois, nas reivindicacións, mentres se trata polo miúdo algúns temas, outros non se mencionen ou se propoñan sobre eles medidas xenéricas. Non é o mesmo o control de sectores estratéxicos, que a nacionalización, por exemplo, da banca, enerxía, as telecomunicacións, ferrocarrís, etc. Tampouco figura na declaración unha reivindicación fundamental e histórica do nacionalismo, como é a do Marco Galego de Relacións Laborais. Ignóranse no texto as clases sociais, e polo tanto a confrontación que se dá no ámbito laboral (que é o primeiro problema para o noso povo, segundo as enquisas), e pásase por alto a importante conflitividade laboral neste momento. Non é un tema menor, porque a postura en relación con este tema implica o modelo de sociedade que desexa, e ademais define para que queremos a soberanía. Todo elo nun contexto no que medra o desemprego, a explotación laboral, e como consecuencia directa, a pobreza, a emigración forzada e a queda demográfica. Tampouco se pode ignorar ou esquecer que a loita de clases non se expresa só no económico, senón tamén no cultural e lingüístico, cando analizamos a actitude das empresas. Existe unha interdependencia.

Tampouco figura na declaración unha reivindicación fundamental e histórica do nacionalismo, como é a do Marco Galego de Relacións Laborais

 

En resumo. Esta iniciativa do BNG é un acerto. Aínda que, como xa dixen, deberíanselle sumar algúns aspectos que lle darían maior fortaleza ao proxecto, e por suposto, cómpre procurar complicidades sociais moi amplas e realizar unha campaña de divulgación estendida no tempo. Agora ben, sería un erro estratéxico do nacionalismo galego non priorizar a un mesmo nivel, tanto a loita pola soberanía (que ten un carácter principal), como a loita de clases por un reparto xusto da riqueza e do traballo (que é urxente e fundamental). A subordinación de calquera destes aspectos hipoteca o proceso de liberación nacional e social, xa que resta efectivos ao cambio. Na práctica forza as persoas a definirse entre o urxente e un aspecto estratéxico. Esta falsa disxuntiva valorámola axeitadamente no movemento nacional popular galego hai máis de catro décadas. Daquela consideramos que clases populares e nación eran o mesmo, e impulsamos organizacións propias para a clase traballadora, o ámbito agrario, estudantil, cultural, ecolóxico, etc.

http://manuelmera.blogaliza.org/

Comentarios