Opinión

Paredes de vidro, proxecto de aceiro

Sería un erro por parte da Unión do Povo Galego (UPG) e máis do Movemento Galego ao Socialismo (MGS)

Sería un erro por parte da Unión do Povo Galego (UPG) e máis do Movemento Galego ao Socialismo (MGS) non dar resposta á intervención dos medios hexemónicos no debate interno do BNG, para ofrecer a lectores e oíntes a súa interpretación. Lembremos que tanto a UPG como o MGS gañaron o debate interno en Amio, porén perdérono en boa medida entre moitos/as simpatizantes, ao non ofrecer para o exterior do BNG as súas análises e propostas, co argumento de que se trataba de discusións e decisión que se tiñan que tomar exclusivamente no seo do Bloque. Daquela que Beiras terminase por representar para moitos/as votantes da fronte a opción de esquerda do nacionalismo, o cal non era certo. Por se non abondase, a opción maioritaria acentuou o perfil soberanista, que non estaba en disputa, xa que os que marcharon colocaron o social (mais non o laboral) como prioritario no discurso. 

Faltou compresión de que vivimos en sociedades da información, onde o debate no eido das ideas debe contar coa máxima socialización para dar resposta inmediata a todas as inquedanzas e incertezas, tanto da militancia como das clases populares. De non facelo, só chegará a versión dos medios hexemónicos (que son expresión das clases dominantes), e daquelas voces do BNG que o fagan. Sen dúbida, esta sempre foi unha das tarefas fundamentais dos partidos e correntes que forman parte dunha fronte, xa que en caso contrario ficarían reducidas na súa praxe a disputar as estruturas de poder interno, renunciando á defensa e divulgación do seu proxecto estratéxico (ou significaría que partido e fronte son a mesma cousa). Esta tarefa é compatíbel co respecto polo programa para esta etapa que defende o Bloque, e coas normas democráticas de funcionamento do mesmo e coas opinións doutras correntes ou da militancia independente que a integran. Ademais, a socialización dos puntos de diferenza e converxencia son parte do ADN de toda fronte (como pasa noutros países, por exemplo na Fronte Ampla do Uruguai), e hai que convertelos nunha fortaleza diante dos ataques exteriores que procuran abrir fendas entre o BNG e o povo.

Faltou compresión de que vivimos en sociedades da información, onde o debate no eido das ideas debe contar coa máxima socialización

Nestes días, a única versión orgánica do Bloque para o exterior é a do portavoz da fronte, que teima na proposta de unidade coas Mareas, malia ser esta unha postura minoritaria na fronte, como todos os medios recoñecen. Este engade agora a desaparición dos partidos e correntes e a cuestión lingüística. É verdade que as súas intervencións non son de ruptura co bloque, mais nelas non representa o sentir da organización. Polo tanto, de non se corrixir este discurso (ou dimitir), terá consecuencias políticas entre moitos/as simpatizantes, reproducindo máis unha vez o acontecido en Amio. Será así porque non hai unha versión da dirección do BNG, dos partidos da fronte, ou de membros da executiva, e os medios xa comezaron a xogar forte no tema, para abrir fendas e dar pulo ao derrotismo naqueles sectores menos informados. Concretamente, La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El Correo Gallego, sinalan que por unha banda están os dialogantes, realistas, aperturistas e valentes (Vence, Abrente) e pola outra os conservadores e inmobilistas (UPG, MGS). O domingo todos estes xornais valoraban que a renuncia de Vence a se presentar de novo como portavoz significa a perda da “voz tranquila”, debuxando no imaxinario do lector que se inicia un camiño de arroutadas e sobresaltos. Segundo estes medios, na Asemblea do BNG decidirase entre abertura e conservadurismo, entre progresismo e resistencialismo (deberían dicir loita de clases). Afirman que a postura de Vence representa aos independentes, cando na práctica somos estes os que damos as maiorías á UPG e MGS. Quérese restar valor democrático á fronte, convertendo aos partidos en setas afastadas da realidade. 

Por se non abondase coa interferencia dos medios sistémicos, tamén están a meter baza as Mareas, que alentan a que o Bloque cambie ou rache, rematando coa política “resistencialista” da UPG (ou sexa, facer do soberanismo un obxectivo irrenunciábel). Non se trata dunha casualidade que tanto uns coma outros lle dean agora tanta importancia ao BNG, cando hai tan pouco afirmaban, tanto as Mareas como a maior parte dos medios, que a fronte estaba camiño da defunción. Esta actitude amosa que sabían que non era así, que o BNG, ademais dunha estrutura electoral (como o son tamén en esencia as Mareas e Podemos), conta cunha militancia importante e unha significativa presenza nos movementos sindical e social máis combativos, tamén en todo o relativo á cultura.  

Segundo estes medios, na Asemblea do BNG decidirase entre abertura e conservadurismo, entre progresismo e resistencialismo (deberían dicir loita de clases)

O principal argumento que se dá para unha alianza electoral coas Mareas non son as coincidencias no proxecto, senón que deste xeito se facilitaría un governo alternativo ao PP na Xunta de Galiza. Porén, contribuír nesta tarefa pódese facer igual apoiando cos votos dos deputados/as do BNG o cambio, entrando ou non na Xunta. Ademais, ninguén pode ignorar que, con seguridade, serán necesarios os votos do PSOE. O argumento da candidatura única carece de valor. A menos que se considere que o BNG está derrotado, que non vai conseguir ningún deputado/a nas autonómicas, e que hai que buscar unha saída institucional meténdose no autobús das Mareas, porque o institucional é a cerna do proxecto (evidentemente non o da liberación). Se esta fose a valoración, que se manteñan ou non as siglas, e facer unha coligazón técnica para obter deputados/as, non solucionaría os problemas de fondo da fronte. Cunha liña tan derrotista terminaríase diluído nas Mareas, ou minguaría ate se converter nunha alternativa residual. Non se recupera un proxecto con solucións técnicas ou oportunistas, senón con coherencia, firmeza, propostas, discurso, ...  

A cuestión básica sempre é a mesma. Se a autoorganización é fundamental para a formación da conciencia nacional, para conquistar a liberación, ou se este obxectivo se pode conseguir a través dun pequeno grupo de persoas que escale no poder e nun momento dado mude radicalmente de  políticas para dar un pulo na conquista da liberación nacional e social. Mais, esta folla de ruta está probada, e non é practicábel, ante todo porque o povo apoia uns obxectivos determinados, e as institucións representan intereses de clase e dependen da correlación de forzas na sociedade. Daquela que as únicas vías para a ruptura sexan: ou contar co poder económico e militar (ou sexa co apoio das clases dominantes ou unha fracción significativa delas cando o camiño é a vía institucional), ou que exista unha masa social organizada, formada e combativa, poder institucional e hexemonía no ámbito da loita das ideas. Polo tanto, non existen atallos! 

O principal argumento que se dá para unha alianza electoral coas Mareas non son as coincidencias no proxecto, senón que deste xeito se facilitaría un governo alternativo ao PP na Xunta de Galiza

Ademais, a pertenza a unha candidatura única xera compromisos que limitan o discurso e as críticas ás propostas e valoracións das outras organizacións que a integran, significa que as Mareas non teñen que confrontar e competir no discurso e obxectivos soberanistas. Daquela, poden relaxar as reivindicacións nese ámbito, unha vez que teñen absorbido a franxa que prioriza a cuestión social (por urxencia) sen renunciar á reivindicación soberanista, cando hoxe as Mareas necesítano para gañar a fracción do electorado que vota en clave nacionalista, aínda que sexa esporadicamente e a nivel formal. Neste caso, mesmo poderían deixar nun moi segundo plano a cuestión nacional (co custe que tería no imaxinario colectivo) e disputar só o espazo da esquerda españolista na Galiza, sen perder peso electoral na que foi base do BNG (como xa teoriza o líder galego de Podemos, adiantando tácticas futuras, polo que Pablo Iglesias chamoulle á orde). En resumo, a non existencia dunha opción nacionalista independente en todos os ámbitos, que disputa espazo e liña, tamén tería custes no discurso en relación coa soberanía de proxectos en disputa como son as Mareas. 

O máis lóxico e positivo sería que o BNG puidese pechar acordos de governo coas Mareas nos concellos e na Xunta, e sobre todo, realizar mobilizacións conxuntas en todos aqueles temas nos que fose necesario. O PSOE debería ser sempre para o Bloque unha opción secundaria, en último extremo, para garantir governos alternativos fronte á dereita. Hai máis en común coas Mareas, porén isto non significa que se trate do mesmo proxecto. Non o digo como unha afirmación teórica, ou de sectarismo partidista. A práctica demostra, tanto en programas, como en folla de ruta, como no discurso, que se trata de proxectos distintos. Asemade, nunha morea de concellos nos que governa o Bloque as mareas están na oposición, mentres que nas cidades que estas presiden, e nas que non contan co BNG, a fronte votou a prol delas para que governen. O único caso que coñezo dun governo compartido é Cangas. A praxe non se pode ignorar cando se propón unha candidatura única para as autonómicas. Tampouco hai que esquecer que as Mareas non confrontan con Podemos cando esta cuestiona o dereito de Catalunya a decidir o seu futuro, sen ter que se someter para a realización dun referendo ao visto bo do Estado español.

A non existencia dunha opción nacionalista independente en todos os ámbitos, que disputa espazo e liña, tamén tería custes no discurso en relación coa soberanía de proxectos en disputa como son as Mareas

Son dos que quixera que as Mareas tivesen grupo propio nas Cortes, e de non conseguilo, pola actitude antidemocrática do PP, PSOE e Ciudadanos, que optasen polo grupo mixto. Isto sería garantía da súa independencia nas decisións, mesmo sabendo que hai deputados/as de Podemos e EU que están sometidos á disciplina de partidos estatais. Sería un paso adiante no camiño correcto, contribuiría a que se ollase a Galiza como unha realidade nacional diferenciada. Daquelas As Mareas trataríase realmente dun grupo en disputa. Mais mesmo así, non implicaría que se garante a autoorganización, nen un proxecto de ruptura no social e no nacional acorde coas necesidades urxentes das clases populares galegas. Tal como se ollou estes días cando as Mareas escenificaron en Madrid a súa dependencia de Podemos para conformar o grupo parlamentar. 

Non se pode obviar que Podemos, mesmo recoñecendo o dereito a decidir, aposta pola unidade do Estado español, facendo concesións só na terminoloxía: Estado plurinacional, dereito a decidir, etc. No Reino Unido, onde o carácter plurinacional está recoñecido, deuse o caso de que Escocia puido decidir, porén iso non significou que a proposta de unidade, malia que Londres  prometeu reformas para gañar o referendo, dera lugar a un estado confederal. Un Estado onde as decisións no eido económico, social, cultural, democrático dependesen do consenso das nacións que o integran. Alguén sabe cal é o proxecto de Estado que ten Podemos, e como se concreta o carácter plurinacional e a capacidade de decidir? 

Hai posibilidades de que o vindeiro governo da Xunta teña un presidente das Mareas, co apoio do PSOE e do BNG. Sería un paso adiante

Hai posibilidades de que o vindeiro governo da Xunta teña un presidente das Mareas, co apoio do PSOE e do BNG. Sería un paso adiante. Porén, darase nunhas condicións económicas e sociais máis complexas que as do bipartito, nun marco onde o capital esta máis centralizado e concentrado, e os problemas laborais e sociais, tamén culturais e de exclusión, son moito máis graves, e onde todas as propostas da UE fanse á costa da clase traballadora e dos países máis débiles (véxase Grecia). Agora ben, nese intre as promesas ao povo terán que se converter en realidade. O BNG debería neste contexto apoiar e empurrar os cambios, mais de ningún xeito contribuír a dar folgos ás ideas trabucadas, que converten (coa axuda dos medios) “os reis e os tribunos en salvadores supremos”, á marxe da sociedade organizada e da mobilización consciente das clases populares (ou sexa á marxe  da construción do poder popular). 

Sei que transformar a realidade non é doado, porén subirse ás nubes (ou ás mareas) pode ser un suicidio para un proxecto transformador, a menos que se trate de mudalo todo nas formas para non cambiar o esencial no contido. Estes días, a televisión, a mesma que centra todo nas catro opcións de partidos políticos españois, destacaba unha e outra vez como o importante, se un levaba rastas e as opinións de Celia Villalobos sobre elas, se Bescansa daba de mamar ao neno na Cámara, e se os deputados/as atopaban onde se sentar. O outro tema destacado era como se repartía o poder, a través das diversas posibilidades de alianza. Deste xeito agochaban as declaracións da toma de posesión con contido (por exemplo as das Mareas), aínda que posteriormente, seguindo o reaxer dos medios, Podemos valoraba como desproporcionadas as mensaxes. Ao día seguinte, ningún dos catro partidos (tampouco Podemos) se saía do novo guión marcado polos medios sistémicos, os problemas da xente ficaban nun segundo lugar. Mentres que as corporacións e grandes fortunas seguían gañando diñeiro, explotando a clase traballadora, e estreitando e controlando a economía de Galiza, e outros territorios periféricos (por dependentes e/ou colonizados). 

As clases populares galegas precisan de referencias, de proxectos coherentes e alternativos. O BNG, sen deixar de debater e mudar o que faga falla, debería ser quen de manter o debate das ideas, e a mobilización cun carácter estratéxico, de clase, de país. Debe facelo dando carácter nacional aos problemas sectoriais, como os do cerco e leite, identitarios, como os da lingua, fundamentais, como os dos ecosistemas, das pensións, da dependencia, e da violencia de xénero, ou aqueles que son cerna para as condicións de vida, como a protección aos desempregados/as e garantir traballo fixo e un salario digno, etc. 

O BNG, sen deixar de debater e mudar o que faga falla, debería ser quen de manter o debate das ideas, e a mobilización cun carácter estratéxico, de clase, de país

Non haberá liberación, nen tampouco un cambio de tendencia que permita mellorar as condicións de vida da maioría social significativamente, e avanzar nos dereitos democráticos e nacionais, sen unha organización construída de aceiro para confrontar co sistema e que sexa de vidro na relación coas clases subordinadas. E esta tarefa non a poden cumprir axeitadamente dirixentes “tranquilos”, tendo en consideración cal é o estado de ánimo das clases populares nun contexto en que a precarización, a exclusión, e a regresión en dereitos son o pan de cada día. 

O BNG, na sociedade da comunicación, necesita de referentes con xenio e atrevemento, serenos, coherentes, teimosos, con capacidade para a análise e para transmitir emocións e ideas ao povo. E isto non é un problema de idade, nen de xénero, nen sequera de títulos ou profesións, porque “o que natura non dá, Salamanca non presta” (máxime cando faltan escolas de formación de cadros, e desapareceron as células, que en boa medida cumprían esta función). 

manuelmera.blogaliza.org/