Opinión

O papel estratéxico do partido

No artigo da semana pasada referirame á importancia que ten, para conquistar a liberación nacional e a xustiza social, contar coa máxima participación, e moi especialmente o protagonismo das clases populares. Agora ben, para lograr este salto cuantitativo e cualitativo, que implicaría un cambio na correlación de forzas na sociedade, cómpre contar cunha forte e ampla organización política con obxectivos estratéxicos e para un proceso que pode implicar varias etapas.

Un partido da clase traballadora, que representa a maioría social, que tería como finalidade rematar con todo tipo de explotación e a opresión, e preservar os ecosistemas. E ademais unha fronte, cun programa especifico para cada etapa, que sumase outros segmentos sociais que están e se senten afectados por outras problemáticas urxentes e importantes.

Resulta evidente que nos países oprimidos, con ou sen estado propio, a reclamación de xustiza social está estreitamente vinculada á soberanía nacional (tamén a cuestións de xénero, etnia, etc.). Máxime, nesta conxuntura dun capitalismo senil, cun medre da desigualdade, o intervencionismo, a desfeita do ecosistema,... e mesmo con situacións triplo dependencia (Estado español, Unión Europea, Estados Unidos)

Os partidos, e as persoas a titulo individual, unidos nunha fronte cun programa en común de mínimos para esta etapa, é fundamental que manteñan vivo no debate interno e no discurso as reclamacións dos obxectivos estratéxicos de cada suxeito político integrado, de xeito que fortaleza a mensaxe da unidade na diversidade (neste ámbito a experiencia da Fronte Ampla no Uruguai resulta interesante).

Poñendo nun primeiro plano e destacando aqueles obxectivos que son comúns: o programa mínimo. Neste aspecto xogan moito as formas, os momentos, os lugares nos que se dá o debate, mais a experiencia axuda máis que a negación do debate no interno, comezando pola critica e autocrítica da práctica da organización.

Cando falo dunha fronte cun papel transformador, que ren ten que ver coas frontes electorais, que teñen normalmente unha finalidade defensiva, táctica e circunstancial (tanto sexa para evitar os retrocesos e represións futuras da ultradereita, como para poder obter representación institucional). Aínda menos relación ten esta fronte transformadora coas forzas interclasistas, que naceron da man da chamada doutrina social da igrexa católica e organizacións da súa orbita, para conseguir hipotéticos avances no capitalismo para as maiorías, dentro dunha orde e desbotando a loita de clases.

Daquela que resulte chocante que haxa forzas de esquerda que asuman o “interclasismo”. Non sería estraño que, con este marco teórico, podase dar un afastamento entre fronte e sindicato cando se trata de conflitos que enfrontan ao proletariado e á patronal, por exemplo en todo o relacionado aos salarios, xornada, condicións laborais.

Se facemos un repaso á historia do movemento obreiro e as loitas de liberación nacional no último século os partidos foron claves para as conquistas que se acadaron. Así se amosa nos países onde houbo transformacións profundas, tanto fosen estas pola vía armada (Rusia, china, Cuba,...) como pola vía electoral e da mobilización de masas (Chile con Allende, Brasil con Vargas, México con Cardenas, Bolivia con Evo...). Ali onde non existía un partido que asumise a vangarda houbo que construílo no proceso (como na Arxentina con Péron, Venezuela con Chaves...). É verdade que foron transformacións distintas en intensidade, mais en todas houbo un gran avance en materia de soberanía, e de dereitos laborais e sociais.

Daquela que o gran capital, o poder eclesiástico, e o imperialismo apoiasen todo tipo de golpes, guerras mediáticas, e illamentos económicos, para destruír estas experiencias. É verdade que a consolidación non foi a mesma en todas estas experiencias, mais foron procesos que en todos os casos se mantiveron durante algún tempo. E unha  das principais eivas coa que se atoparon foi a debilidade do partido e da fronte, ou  a ruptura con estas, como consecuencia das cesións á burguesía ou das actitudes burocráticas e elitistas. Ou sexa, a debilidade do partido e/ou da fronte implicou un retroceso na participación e no protagonismo das clases populares, (hoxe temos como exemplo a Chile).

En resumo, o partido é estratéxico, tamén esencial a fronte ampla para cada etapa, así como as organizacións de masas en todos os ámbitos da sociedade. Só con forzas moi organizadas e cunha militancia activa, pódense conquistar sociedades libres de explotación e opresión. Véxanse os atrancos cos que confronta unha resposta social tan forte como a que se dá no Perú, reclamando a restitución de Pedro Castillo, por falta dun partido e/ou fronte que lle dea obxectivos e unha folla de ruta común... 

Son fundamentais para o cambio os partidos con militancia activa; mais tamén con vida política interna, que valore a unidade, e ao mesmo tempo reflexione criticamente en todos os niveis da estrutura sobre a situación, as propostas, as tarefas...

Só así se trasladará con forza ao povo o debate político, a formación dunha conciencia a prol do cambio. Mobilización, loita das ideas, organización e disputa do poder. Estas son as catro tarefas principais, tanto para o partido como para a fronte cando se loita por un cambio sistémico.

Comentarios