Opinión

A pandemia agudizou as contradicións. Tamén a resposta popular?

O capitalismo nesta etapa de globalización neoliberal xa estaba en crise antes do covid-19, mais sen dúbida a pandemia agudizou as contradicións do sistema: a desigualdade e precariedade, a desfeita ecolóxica, as guerras interminábeis... Ademais reforzou nalgúns países a mobilización social, que vai a máis, o que que permite caracterizar con máis claridade os escenarios futuros, moi mediatizados nesta etapa pola confrontación entre as grandes potencias. Sobre este aspecto, que coido esencial para a xustiza social e a soberanía popular, quérome centrar neste artigo, porque condiciona os obxectivos intermedios, e polo tanto aqueles que son estratéxicos, a folla de ruta e os métodos de traballo das forzas populares.

Ficamos nunha crise sanitaria, porén tamén económica e social, que os grandes avances científico técnicos non foron quen de evitar. Asemade todo indica que tampouco a aportación da enerxía verde e a dixitalización permitiran superar con rapidez a caída do PIB polo covid-19, e sobre todo reverter a tendencia de aumento da centralización e concentración do poder e da riqueza, e polo tanto da desigualdade entre clases e territorios. Resulta ilustrativo que nos Estados Unidos, o imperialismo hexemónico, e na UE seu principal socio e que representa ás vellas potencias, tamén se agudizaron moito as contradicións, especialmente na primeira. É así porque a cuestión central é o carácter senil do capitalismo neste etapa, polo que xa non abonda con algunhas rectificacións temporais, como pode ser o aumento do gasto para fortalecer o consumo e curar as feridas do tecido empresarial; especialmente nas nacións periféricas, subalternas, coloniais, ou sexa, a gran maioría do mundo.

Resulta cada vez máis evidente que China e o leste de Asia vanse convertendo de vagar no centro da economía mundial 

Ante todo, resulta cada vez máis evidente que China e o leste de Asia vanse convertendo de vagar no centro da economía mundial, se temos en consideración como lles afectou a pandemia e o medre do PIB neste período de pandemia. Segundo o FMI, no seu informe de outubro, o PIB das chamados países con economías avanzadas  (Estados Unidos, Canada, UE, Xapón, etc) retrocederán este ano -5,8% e terán un crecemento do 3,1% no ano 2021, é dicir non recuperaran os niveis de antes da pandemia até 2022 ou máis tarde. Mentres que nas economías emerxentes e en vías de desenvolvemento (entre elas a China, Rusia, Brasil, India, etc) o PIB recuará este ano un -3,3% e aumentará no 2021 un 6%. No caso concreto dos Estados Unidos as cifras son de -4,3% e 3,1% respectivamente, e as de China son positivas en ambos casos, de: 1,9% e 8,2%. Ademais, neste país mantense o comercio exterior, cun pequeno retroceso nas importacións, e utiliza cada vez máis as moedas alternativas ao dólar. Polo tanto a pandemia, a esta altura, reforza o papel de China no eido económico, un aspecto que se consolida co acordo de libre comercio asinado hai uns días entre 15 nacións de Asia Pacifico, que representan 1/3 da povoación mundial e un 30% do PIB. Un acordo do que Washington ficou á marxe.

No eido militar os Estados Unidos seguen sendo a potencia hexemónica, abonda con ver a inmensa cantidade de bases coas que conta na maior parte dos países do mundo, o que isto implica respecto da súa capacidade de imposición, así como que o dólar siga sendo a moeda de refuxio, coa vantaxe que isto representa á hora de emitir moeda. Agora ben, na derradeira década tanto Rusia como China convertéronse en potencias competidoras dos Estados Unidos no ámbito militar. E, no caso de Pequín dados seus avances na tecnoloxía 5G (xa se fala da 6G) cuestiona a superioridade de Estados Unidos nunha guerra convencional ou hibrida, tanto en relación co armamento como respecto da propaganda ligada ao conflito (Rusia tamén tería un papel relevante neste ámbito). Asemade, resulta evidente que Estados Unidos e a OTAN contan cunha enorme capacidade destrutiva, porén teñen limitacións para manter o control sobre o territorio ocupado e non amosan ningún empeño na reconstrución, co que isto sementa no imaxinario colectivo, e a inestabilidade que crea en áreas cada vez máis extensas. A relevancia que están a ter algunhas potencias rexionais, como India, Turquía, Iran... é consecuencia do retroceso do poder de Washington. Estas buscan unha fenda favorábel aos seus intereses expansionistas, nun contexto nos que están rotas moitas das canles de dialogo construídas despois da Segunda Guerra Mundial, que axudaban a manter un certo orde na disputa de intereses, evitando que se impuxese a lei da selva e un conflito nuclear.

Agora ben, pode que tanto Estados Unidos como China practiquen unha política expansionista, mais a primeira vai acompañada por unha inxerencia  nas políticas internas e mesmo de incursión e destrución para conseguir seus obxectivos, mais non semella ser o caso de Pequín neste intre, e historicamente. Non é unha pequena diferenza. Máxime cando a existencia dun mundo multipolar reforzaría os organismos multilaterais, e daría máis xogo as nacións que teñen un papel subalterno, dependente ou colonial (ou sen estado propio, como Galiza). Evidentemente este cambio levará tempo, especialmente cando Estados Unidos non está disposto a aceptar compartir a primeira liña, tal como o deixou en evidencia Trump, e o acaba de afirmar nas súas primeiras declaracións Biden.

Na derradeira década tanto Rusia como China convertéronse en potencias competidoras dos Estados Unidos no ámbito militar

O terceiro aspecto que quero remarcar é o aumento da mobilización nacional e popular. É verdade que os sindicatos e os partidos de esquerda, tal como eran antes da caída da Unión Soviética, foron perdendo militancia, e peso social e institucional. Nuns casos porque se impuxo o oportunismo de virar deica as posturas da socialdemocracia, que rapidamente xirou ao social-liberalismo, e noutros casos venceu o inmobilismo negándose a ver os grandes cambios económicos, sociais, tecnolóxicos, e polo tanto políticos e na correlación de forzas, que abría esta etapa da globalización neoliberal e hexemonía estadounidense. Deste período cómpre destacar que unha máis unha vez ficou en evidencia a estreita relación que hai entre a cuestión da soberanía, nas nacións oprimidas, e a loita de clases. Aqueles/as que pensaron que a independencia dos países do leste implicaba o recoñecemento do dereito de autodeterminación, viron axiña como este se negaba cando non respondía aos planos de fragmentar e debilitar ás ex-repúblicas populares ou á URSS, ou sexa era unha resposta táctica do capital. A globalización, a carencia dun capitalismo nacional na maioría dos países do mundo, mesmo con estado propio, debilita o dereito á soberanía, ao mesmo tempo que alenta a desigualdade, porque a opresión e explotación son os alicerces do capitalismo nesta etapa imperialista. Que se expresa no cultural a través do individualismo e o cosmopoliticismo.

Mais neste intre concreto todo fai pensar que a pandemia non só agudizou as contradicións do sistema e o conflito entre potencias. A medida que pasa o tempo e vai tomando corpo na sociedade a idea de que o virus non é algo excepcional, senón que se pode repetir, porque está roto o equilibrio coa natureza e o sistema favorece os contaxios, medra na conciencia colectiva a idea de que a resposta debe ser estratéxica, creando un estado de ánimo favorábel á mobilización e os cambios nas institucións. Crece a oposición a que se repita unha saída semellante a da anterior crise que aumentou a desigualdade entre clases e territorios, malia as promesas de desenvolvemento equitativo. Polo que a protesta vai adquirindo consistencia en moitos países, especialmente ali onde xa había partidos políticos e forzas sindicais e sociais rupturistas minimamente organizadas e combativas (malia que a mobilización de masas estea condicionada pola pandemia).

E neste aspecto América Latina ten un papel destacado, tanto pola masividade das protestas (Chile, Ecuador, Colombia, Perú, Bolivia, Guatemala...) como pola súa duración e capacidade para transformar a mobilización en poder institucional (Bolivia, Chile, Perú). É verdade que en moi distinto nivel, porén en todos os casos reflicte unha gran participación e protagonismo das clases populares, e da mocidade. Son procesos que parten de situacións distintas máis que teñen moito en común nos seus obxectivos, na folla de ruta e nos métodos de traballo, xa que son quen de concretar os obxectivos inmediatos e intermedios, lograr unha gran convocatoria, e conquistar a complicidade de sectores moi amplos da sociedade. Isto esta conseguindo un aumento da participación nos procesos electorais, un paso necesario para disputar as institucións, xa que a abstención sempre foi unha xeito de emigración forzada dos/as descontentes co sistema. Coido que temos que seguir de preto e analizar estes procesos, sobre todo en Bolivia e Chile. 

A globalización, a carencia dun capitalismo nacional na maioría dos países do mundo, mesmo con estado propio, debilita o dereito á soberanía

Moi distinta é a situación na Unión Europea, carente dun proxecto propio, cunha dependencia gran dos Estados Unidos (no económico, militar, cultural), que o triunfo de Biden non cambiará aínda que muden as formas. Mentres que as diverxencias internas van a máis, non tanto por que haxa grandes diferenzas no modelo económico e social, senón por mor do reparto de recursos e poder. Dálle pulo a esta confrontación o medre da desigualdade, social e territorial, máxime cando a pandemia semella que está a servir como escusa para unha maior centralización, co argumento da rexionalización de certas actividades produtivas hoxe internacionalizadas, e de facer fronte ao virus. Pensemos que para alén da existencia dalgunhas burguesías “nacionais” tamén teñen un peso importante os partidos sistémicos e a burocracia do poder en cada estado. Esta última tamén en Bruxelas e ligada á propia existencia da UE. Daquela que dende sectores do poder económico e estruturas ligadas ao poder do Estado se apostase por fortalecer á estrema dereita, para contestar tanto os procesos soberanistas nas nacións negadas no interno, como a perda de peso diante da UE.

Aínda sendo estas as contradicións máis evidentes, na UE fóronse reforzando os movementos soberanistas das clases populares nas nacións cun papel subalterno (con ou sen estado propio). Daquela que representen hoxe no Estado español, non só unha importante forza social senón tamén un bloque no ámbito institucional que condiciona nalgúns casos as políticas a medio prazo do Governo central. Este bloque de partidos soberanistas conta cunha maioría progresista. Será un avance estratéxico do campo popular se implica conquistas no plano económico, laboral, social e democrático, que estean ligadas á mobilización e a un fortalecemento das organizacións sindicais, sociais e partidarias. Que a negociación coas nacións periféricas do Estado sexa algo normal, mesmo sendo consecuencia da presión e da necesidade da governabilidade, sería un gran paso adiante para un futuro recoñecemento do dereito de autodeterminación, e parte importante da construción dun mundo multipolar e no que prime o multilateralismo.

https://obloguedemera.wordpress.com/