Opinión

Os orzamentos como retrato político

O debate dos orzamentos do Estado español amosaron máis unha vez, neste caso cunha claridade tremenda, tanto o papel que ten asignado o noso país, como a actitude daqueles que sendo elixidos polo povo galego forman parte de partidos con cabeceira en Madrid, mesmo para alén de que sexan de dereita ou esquerda. Axudou para que fose así que o BNG tivese representación no Parlamento, aínda que fose a dun só deputado, e as contradicións e disputa que xera a crise económico-social alentada pola pandemia do covid-19. Ou sexa déronse as condicións subxectivas e obxectivas necesarias, e a conxuntura histórica precisa.

É dicir, sumouse o feito de que o BNG acadase representación no Congreso e que seu voto fose clave no último momento para nomear a Sánchez como presidente, e este se vise obrigado a facer concesións, deixando en evidencia que o voto pode ter valor cando se defende sobre todo os intereses do país. Neste caso entre outras a rebaixa da AP9. Un feito que contrastaba coa inoperancia do PP, PSOE e Podemos, a efectos de reivindicacións necesarias e urxentes para Galiza, malia contar cunha representación moito maior. Reflectindo que o número conta, porén o esencial é o proxecto que se defende.

Agora máis unha vez, aínda que con outra escenificación e correlación de forzas, a situación repetise, co agravante de que neste caso o resultado, para alén dalgunhas melloras globais, se non se conquistan cambios na andaina en marcha, marca cun diferencial inicial negativo o proceso de reconstrución na Galiza. Xa que retrocedemos un 11% no investimento, 104 millóns, fronte a un medre do 68% no Estado español. Asemade, non se pode obviar a débeda histórica en investimento e obras públicas (como exemplo o AVE aínda non se rematou), e o desmantelamento en distinto grao de sectores claves para o país, como son os estaleiros, aluminio, enerxía tradicional,... cunha perda de man de obra directa e indirecta que ameaza comarcas enteiras.

Están dadas todas as condicións para que siga aumentando o diferencial negativo co resto do Estado, e especialmente con aquelas autonomías que xogan un papel central

Ou sexa, están dadas todas as condicións para que siga aumentando o diferencial negativo co resto do Estado, e especialmente con aquelas autonomías que xogan un papel central, por exemplo pola capitalidade, coas graves consecuencias que iso implica, en aumento do control por capital foráneo ads empresas máis dinámicas, perda de emprego, precariedade, baixos salarios, emigración e retroceso demográfico. Intensificándose así a tendencia dominante das últimas décadas. Neste aspecto para alén do papel que xogan os centros de poder exterior (Madrid, Bruxelas) non hai dúbida de que contribúen negativamente o entreguismo interior, tradicionalmente do PP. Abonda con ver como Núñez Feijóo, e ningún membro da Xunta, fixo unha critica contundente aos orzamentos do Estado, malia a discriminación con Galiza. Mentres que en cambio saíu a defender que o español sexa a única lingua vehicular no ensino, obviando ao idioma propio do país, e o papel subalterno que xoga nos medios, no mundo empresarial e nos circulo de poder.

O acontecido no Congreso non é ningunha novidade, se non fose así Galiza estaría noutra situación. Mais deixa en evidencia que para alén das boas palabras no esencial non podemos esperar cambios que veñan dende o exterior ¡temos que conquistalos nos! aínda que axude unha situación de governabilidade que necesita do soberanismo periférico. Unha mudanza deste tipo implica clarificar e gañar a vontade popular, organizar aos sectores de primeira liña, mobilizar ás clases populares e facelas protagonistas da historia, manter unha política de alianzas correcta, e forzar ás institucións para que referenden os cambios a prol da xustiza social, igualdade, democracia e dereito de autodeterminación. Daquela que estas cinco tarefas teñan unha importancia fundamental e a mesma prioridade. Son as cinco patas sobre as que se asenta o cambio, neste momento histórico e neste rexión do mundo. Non se pode descoidar ningunha delas.

Por certo, notase en falta a critica de Anova, e outras forzas, a estes orzamentos e o papel dos seus ex-socios nas “mareas”. Que a fixesen sería clarificador para o soberanismo e para a nación galega.

https://obloguedemera.wordpress.com/