Opinión

Orzamento e salario mínimo

Aumentar o salario mínimo nun 8%, incrementar unha milésima máis do previsto a capacidade de gasto para as nacionalidades e autonomías, e con seguridade, algunha outra “cesión” menor do PP, son as escusas que necesitaba o PSOE. E deste xeito poder cumprir a súa parte dos compromisos do axuste coa Unión Europea e as grandes corporacións empresariais. Non é unha novidade, este foi o guión que seguiu con González e Zapatero cando exerceron o governo, e a razón para botar a Pedro Sánchez da dirección do partido. Seguramente tamén lle darán algunha compensación a Ciudadanos, para que se gabe da súa capacidade de presión diante dos seus seguidores e asegurar o apoio incondicional que lle vén prestando ao PP. Polo tanto, a dereita ten garantida a aprobación das contas globais dos orzamentos para 2017. 

Aínda que o acordo co PSOE non significa que o proceso de aprobación dos orzamentos sexa un simple trámite, xa que haberá moito debate sobre as partidas concretas, tendo en consideración a oposición dos demais partidos, que son unha parte considerábel da Cámara de Deputados/as. E, malia que o PSOE, para gañar algunha credibilidade, diga que fará múltiples emendas, o certo é que nas contías específicas, o PP poderá contar cos distintos intereses que podan existir na oposición en relación con cada partida. Pódese afirmar que o PSOE, para alén da leria para desinformados, garantiulle ao PP a governabilidade na lexislatura, máxime cando Rajoy ten unha estratexia para este escenario. Como dixo con claridade, só vai cumprir os acordos do Parlamento aos que estea obrigado por lei. Ou sexa, pouco ou nada do que se aprobe coa oposición do PP, tendo en conta que posúe maioría no Senado, e que as diverxencias terminarán no Tribunal Constitucional, que ten unha maioría conservadora, e pode demorar anos nas súas decisións cando interesa. 

Pódese afirmar que o PSOE, para alén da leria para desinformados, garantiulle ao PP a governabilidade na lexislatura

O aumento do salario mínimo nun 8%, que o PSOE presenta como a gran conquista, xa que seica racharía coa austeridade en favor dos máis desfavorecidos, merece algunhas matizacións. Sen dúbida, supera o medre do IPC do último ano, mais está moi lonxe de compensar a perda do valor adquisitivo que se produciu dende o inicio da crise, malia que en termos macro e en beneficios para a patronal, esta xa foi superada con superávit. Ademais este aumento está moi afastado da reclamación  dos sindicatos, mesmo dos sistémicos, que pedían que se fixase en 800 euros este ano e que chegase aos 1.000 no ano 2020. Esta última contía ten a súa lóxica, dado que esta cifra é a que marca na sociedade o mínimo necesario para poder facer fronte aos gastos cotiás; evidentemente sen permitir ningún extra. Daquela que o/a mil-eurista sexa un termo que fixa a diferenza en moitas análises sobre os ingresos laborais. O pacto do PSOE co PP deixa o salario mínimo para o 2017 en 655,20 euros (para 14 pagas); no ano 2009, no inicio do axuste, era de 624 euros.

O novo salario mínimo afecta positivamente a moitos asalariados/as, aínda que menos do que se di, tanto pola contía como polo número. Porque non todos os que ingresan por debaixo desa contía están atinxidos polo salario mínimo, senón por contratos temporais ou a tempo parcial. Por exemplo, na Galiza este últimos colectivos abranguían no 2015 ao 31,18% daqueles que traballaron durante ese ano, aínda que durante un tempo estivesen no paro. Este é un aspecto que non se pode ignorar e que pon en primeiro plano o problema do subemprego (como se denomina correctamente en moitos países). E daquela a urxencia e importancia política de limitar o emprego a tempo parcial e temporal exclusivamente ao necesario por razóns estruturais e circunstanciais, impedindo que se utilice pola patronal (tamén a do sector público) para aumentar a explotación laboral. O aumento do salario mínimo tamén incide sobre as cotizacións á Seguridade Social, tanto de asalariados/as como de autónomos/as (estes teñen un desfase inmenso entre ingreso e gasto por pensións). Queda por saber se o aumento do salario mínimo, como sería lóxico, servirá na Lei de Orzamentos como criterio para fixar o IPREM, que se utiliza como referencia en múltiples prestacións públicas (aluguer, asesoramento xurídico gratuíto, subsidio de desemprego, etc).

O novo salario mínimo afecta positivamente a moitos asalariados/as, aínda que menos do que se di, tanto pola contía como polo número

Por último, destacar que de existir realmente no PSOE vontade de negociar desde unha postura de forza, ao servizo dos intereses populares, tería posto sobre a mesa aspectos tan básicos e urxentes como a reforma laboral, a lei mordaza e unha modificación en profundidade da presión fiscal. Son propostas que fixo durante a campaña electoral. Tampouco puxo sobre a mesa  problemas tan graves como o financiamento das pensións, as prestacións por desemprego (a cobertura está en mínimos) e as da dependencia. Ningunha destas reclamacións a curto prazo cuestiona a explotación e opresión, están dentro do programa dos “socialdemócratas”. A sustentabilidade a longo prazo e a xustiza social son outra cousa. Sería un debate sobre o sistema.

 http://manuelmera.blogaliza.org/