Opinión

Orde de prioridades: a abstención ou a base do PP?

Cando se afirma que o PP é maioritario na Galiza, pártese dunha visión da realidade socio-política restrinxida exclusivamente aos resultados electorais. Esta valoración ignora a abstención e os/as novos votantes. Tamén obvia o feito de que a abstención comprende persoas que o son de xeito permanente e outras que, segundo a conxuntura, deixan de participar. Por exemplo, porque se senten defraudadas polo partido ao que votaban, ou non se ven representadas por ningún dos existentes. E esta actitude de afastamento da política institucional afecta hoxe, por distintas razóns, tanto á dereita, como aos social-liberais, socialdemócratas e nacionalistas. Falamos dunha porcentaxe significativa do censo electoral, aínda que varía segundo o tipo de elección e a conxuntura socio-política.

Nas autonómicas de 2016, abstivéronse 817.000 persoas, 140.000 máis que as que votaron o PP. Nestas eleccións a abstención atinxiu o 36,25% do censo. Nas xerais dese mesmo ano, o 30,37%. E nas municipais de 2015, foi do 30,51%. A estes dados hai que sumar un 2%, aproximadamente, de votos en branco ou nulos. Polo tanto, o 41% do voto ao PP nas xerais e o 47% nas autonómicas, só representou entre un 29-30% do electorado. Menos dun terzo dos posíbeis votantes. Non é polo tanto a maioría social do país. Tampouco se pode ignorar que a maioría de deputados/as que tivo o PP en varias lexislaturas no Parlamento galego débese a que os votos non valen igual segundo a provincia, e a que o sistema d'Hondt distorsiona o resultado en favor dos partidos máis votados. Daquela a necesidade dunha circunscrición única para as autonómicas (e nas xerais), que o sistema sexa proporcional, e que o chanzo mínimo se baixe a un 2% ou non exista. Deste xeito reflectiríase mellor a vontade dos e das votantes.

Nas autonómicas de 2016, abstivéronse 817.000 persoas, 140.000 máis que as que votaron o PP

Ademais, sabemos, xa que así o manifestan todas as enquisas e estudos electorais, que tanto na Galiza como en toda a Unión Europea, agás votacións moi excepcionais, os segmentos sociais nos que a abstención é mais alta son os da clase obreira, a mocidade, e as persoas desempregadas. Ou sexa, sectores que tradicionalmente foron o apoio dos partidos de esquerda e das frontes de liberación nacional antiimperialistas. Por exemplo, nas eleccións presidenciais de 2017 na Francia, nas que foi electo Macron, segundo varias enquisas un 66% da clase obreira non votou. Entendendo que esta abrangue a industria, construción, transporte, e outras actividades manuais.

De todos os xeitos, para aquelas forzas que teñen implantación nas organizacións de masas, a pescuda máis realista é realizar unha sondaxe constante entre os/as activistas e cadros intermedios. Eles saben mellor ca ninguén, pola múltiples conversas e a relación cotiá, cal é o estado de ánimo político da base social, por exemplo do nacionalismo de esquerda. Reunir esa información, analizala, obter unha visión sectorial e de conxunto, é unha das funcións primarias dos partidos antisistémicos, tanto para pulsar a situación electoral como para dar folgos á mobilización e ao debate no eido das ideas. Neste aspecto, as células axudaban moito nesta metodoloxía de traballo, así como na planificación das tarefas concretas por empresa, sector e localidade. Tamén eran básicas para a formación dos cadros, garantir a presenza nos organismos de dirección de persoas provenientes da clase obreira, do agro e mundo rural, e para dar pulo á democracia interna.

A escuda máis realista é realizar unha sondaxe constante entre os/as activistas e cadros intermedios

 

Volvendo ao tema central deste artigo. Para unha forza rupturista que perdeu parte da súa base organizada e achegada (e que polo tanto tamén a perdeu no ámbito electoral), o lóxico sería ter como primeira tarefa recuperar estes/as simpatizantes, da clase obreira e doutras camadas populares. Máxime cando estes sectores sociais eran (e aínda son) a súa base fundamental, e constitúen a inmensa maioría da povoación do país. E esta tarefa é máis coherente e doada de realizar, en relación con aqueles/as simpatizantes que se refuxiaron na abstención ou no voto en branco. E nunha segunda fase, correspondería facer o propio con aquelas persoas que mudaron o voto a outras forzas próximas no espazo político-ideolóxico. Logo, como terceiro paso, unha vez consolidada a hexemonía nos sectores populares, tería sentido arrastrar segmentos importantes da periferia dos partidos sistémicos, para consolidar deste xeito unha forza social e electoral considerábel.

Sen ter claro que intereses de clase se defende, sen que estes formen polo tanto parte dos obxectivos inmediatos, do discurso e das accións reivindicativas, sexa na rúa ou nas institucións, é imposíbel gañar a clase traballadora e outros sectores populares. Especialmente nun contexto de globalización neoliberal, no que están tan golpeados polo capital. O no caso especifico da clase traballadora non abonda con lembrar a precariedade, os baixos salarios, o desemprego. Cómpren medidas contra a explotación. Polo tanto, a diferenza non está marcada polo programa e a mensaxe, senón polas propostas concretas, a medio e longo prazo, polas que se pelexa na actividade política cotiá (programa, discurso, actos, manifestacións, etc.). Das consecuencias tamén falan os partidos e medios que representan o capital. Mais nunca lle dan saídas. Todo se reduce a producir máis, ser máis competitivos, e a botarlle toda a responsabilidade ao mercado mundial. Nunca está en primeiro lugar un reparto xusto da riqueza e do poder. Ademais, a composición e orixe de clase dos/as representantes dos partidos do abano parlamentar non se diferencia moito entre os da dereita e esquerda. Son aspectos importantes, que non se poden obviar. Cómpre, nesta conxuntura, nacionalizar sectores estratéxicos e especulativos como a banca, enerxía e telecomunicacións (como mínimo), rematar co traballo temporal, sancionar con dureza (mesmo coa cárcere) os/as empresarios que forzan os/as traballadores a realizar horas extras polas que non cotizan nen pagan, hai que reducir a xornada laboral, elevar o salario mínimo por riba dos mil euros en catorce pagas, garantir unha cobertura digna para as pensións, dependencia e prestacións por desemprego, e unha fiscalidade progresista, etc.

Non abonda con lembrar a precariedade, os baixos salarios, o desemprego. Cómpren medidas contra a explotación

 

Sería unha política errada, e realizar unha lectura equivocada, por parcial, en relación coa base electoral e a estrutura social, entender que o nacionalismo galego, tradicionalmente unha forza de esquerda, debe ter como unha tarefa prioritaria gañar as bases do PP. Ante todo porque non son a maioría social. E ademais, porque isto implicaría unha viraxe á dereita, e fuxir de todos aqueles conflitos que esixan cambios importantes na relación Galiza-Estado español (confederación, estado libre asociado ou independencia) e defendan intereses da clase traballadora, na distribución do traballo e da renda, e unha democracia popular. Salientar a capacidade para atraer votantes da base da dereita dende o nacionalismo, por parte dos concellos con maioría do BNG, obvia o momento histórico no que se produciu ese cambio e o seu carácter circunstancial. Non ten en conta por que ese votante elixe outros partidos ou abstense nas eleccións autonómicas, xerais e europeas. Ademais esta é unha tendencia consolidada, aínda que se produza con distinta intensidade segundo o concello, e poida existir algunha excepción.

Non será que ademais da boa xestión nos marcos do sistema, e de consignas circunstanciais a prol da soberanía, hai que manter presente en todo momento o proxecto estratéxico?

 

Sen dúbida este é un debate pendente no nacionalismo. É dicir: a boa xestión nos concellos, recoñecida polos veciños e veciñas, permitiu crear unha maior conciencia política e aumentar a organización e activismo en correspondencia co esforzo realizado e o peso electoral obtido nas municipais? E se non foi así: cal é a razón? Non será que ademais da boa xestión nos marcos do sistema, e de consignas circunstanciais a prol da soberanía, hai que manter presente en todo momento o proxecto estratéxico, a confrontación co sistema? Ou sexa, propoñer alternativas que busquen abrir fendas no imperialismo e mobilicen o povo, para deixar en evidencia as súas características clasistas, negadoras da xustiza social, e sustentadoras da opresión colonial da nación galega. Evidentemente, non é doado de realizar isto na práctica. Unha relación correcta entre a xestión no marco do sistema e manter posturas rupturistas, precisa de moito cálculo, de analizar os temas, o momento, o estado de ánimo da xente e a correlación de forzas. Mais para isto están os partidos, se queren ser vangarda.

http://manuelmera.blogaliza.org/