Opinión

Ollo! As estatísticas non son imparciais

Desde que comecei a ter interese na cuestión política, sendo un mociño, dinlle moita importancia aos dados estatísticos, porque permitían contrastar as vivencias persoais cunha avaliación da realidade que podía ser máis obxectiva. Esta tendencia a procurar unha base estatística para a análise fortaleceuse na Universidade de Bos Aires participando na actividade política nunha esquerda marxista que todo o contrastaba. Mais as enquisas non reflicten sempre con exactitude a realidade económica e social, xa que as persoas que as elaboran non viven á marxe dos intereses políticos e económicos. De aí que unha utilización mecánica conduce moitas veces a realizar valoracións que acaban sendo erradas, que non contribúen ou mesmo poden restar ao obxectivo liberador. Non é un tema secundario, máxime cando aspectos como a loita de clases e a cuestión nacional son temas moi sensíbeis, centrais para consolidar a hexemonía do capitalismo.

Polo tanto, os dados que producen o Ministerio de Traballo, ou o INE e outras entidades, deben ser peneirados detidamente, especialmente no relativo ás condicións de traballo. Ante todo, porque neste intre, unha parte importante das relacións laborais estabelécese por fóra da normativa legal. Por exemplo, en materia de xornada laboral, e no concreto nas horas extras e salarios. Isto é posíbel, porque existe unha complicidade das institucións públicas cun determinado proxecto de sociedade, dado que están controladas por partidos ao servizo do capitalismo. Aínda que despois, nas declaracións para consumo do povo, algúns condenen as prácticas que alargan a pobreza e a desigualdade, na actividade cotiá aléntanas. Fago mención a este tema, porque mesmo dirixentes, xornalistas e analistas progresistas dan por certos todos os dados estatísticos, sen ter en consideración a súa finalidade, sen contrastalos co que se olla e ouve na contorna social. Ao pasar por alto a súa contextualización e non realizar as matizacións que resultan necesarias, contribúese sen pretendelo a divulgar o discurso do sistema, mesmo que se manteña unha actitude crítica coa desigualdade e a dependencia.

Neste intre, unha parte importante das relacións laborais estabelécese por fóra da normativa legal

Como mostra da pouca rigorosidade estatística, temos os dados sobre horas extras. Lembremos que a lei só permite facer un máximo de 80 horas por ano, a non ser por situacións moi excepcionais. Segundo o INE, no terceiro trimestre de 2016 o número de horas extras por mes e traballador/a era na Galiza de 0,54 horas fronte a 0,78 no ano 2008. E sería a industria onde máis horas extras se realizarían, 1,92 por mes. Ambos dados estatísticos chocan coa realidade cotiá. Sendo verdade que as horas extras non se utilizan tanto no sector público e grandes corporacións, como nas medianas e pequenas empresas, que empregan a maioría da clase traballadora, é normal que se realicen en todas as actividades, e que a inmensa maioría non se paguen ou que se paguen en negro. Por exemplo, en sectores como os servizos é frecuente realizar máis dunha ou dúas horas “extras” ao día. Tamén nos talleres e na construción. Na hostalaría asúmese como unha xornada “normal” que os camareiros/as traballen 9 horas, seis días á semana. Tremendo! Mais é a dura realidade. Ademais, esta práctica medrou coa crise, que foi un axuste no reparto do PIB entre clases sociais e entre territorios, en beneficio dos máis poderosos. Pódese afirmar que a taxa de desemprego baixaría a niveis mínimos de se cumpriren os convenios e a normativa laboral. A temporalidade, o traballo que non se paga e/ou que se retribúe en negro (un 25% da economía está mergullada), e os baixos salarios teñen ademais consecuencias nefastas para a prestación por desemprego e as pensións actuais e futuras (dado que se trata dun sistema de solidariedade interxeracional).

Pódese afirmar que a taxa de desemprego baixaría a niveis mínimos de se cumpriren os convenios e a normativa laboral

As estatísticas oficiais sobre horas extras ilegais non son críbeis. Agochan intencionadamente que existe unha base estrutural que permite a sobre-explotación da clase traballadora. A permisividade do Governo neste tema, para alén de que se anuncien inspeccións, dá pulo a un aumento progresivo da xornada laboral real. Esta lacra vaise estendendo dunha empresa a outra, e dun sector a outro, impóndose a lei da selva co pretexto da competitividade, todo ao servizo da concentración da riqueza producida e do lucro, na clase dominante, na burguesía. O propio pódese dicir respecto das estatísticas sobre as dificultades das familias para chegar a final de mes. Non é críbel que o empobrecemento polas dificultades económicas diminuíse co avance da crise (segundo o IGE, o número de familias que chegaban con dificultade ou moita dificultade a final de mes pasou na Galiza do 66,01% en 2007 ao 57,86% en 2014). Se fose así, teríamos que concluír que o axuste é unha bendición para as clases populares. Un absurdo.

En resumo, as enquisas hai que consultalas, serven para estudar as tendencias e ter máis elementos para interpretar a realidade. Mais nalgúns casos, son pura propaganda, son parciais ou teñen un carácter nesgado a prol do capital e do Governo intermediario do momento. Polo tanto, desde a esquerda, especialmente a nacionalista, para utilizalas na análise e tirar conclusións hai que contrastalas coa realidade, cos/as activistas vinculados a cada problemática, co estado de ánimo da xente en relación a cada cuestión e á situación en xeral. E só despois utilizalas, matizalas, ou desbotalas. Deste xeito a información e a análise que se realice será eficaz, e contribuirá á construción dun imaxinario colectivo sólido, e a elevar a conciencia nacional e social. Os dados non se poden coller nen utilizar ao chou ou á lixeira.

http://manuelmera.blogaliza.org/