Opinión

Ollo coa nova dereita

Neste intre, para alén de que os focos estean localizados nos conflitos armados, na desfeita ecolóxica e na violencia de xénero, todos eles temas sen dúbida moi graves, asistimos ao mesmo tempo e de xeito silandeiro a unha nova vaga de grandes transformacións económicas e sociais, coas que o capitalismo pretende superar a súa etapa senil. Entre elas, cabe destacar un aumento da explotación laboral, unha maior opresión das nacións dependentes, unha restrición dos dereitos democráticos, e un aumento da economía especulativa e delituosa a través de novas iniciativas.

Para levar adiante esta axenda regresiva, que aumenta a desigualdade e a pobreza, xa non lles serven (en moitos lugares) os partidos da dereita tradicional, e tampouco a socialdemocracia (esta última, como alternativa que aparenta ser reformadora e termina aceptando as regras do sistema). Cada vez son máis extensos os sectores da sociedade que se opoñen ou non participan do sistema, como reflicte o aumento da abstención electoral e o pulo de forzas populistas de esquerda, co arroupe de sectores das clases medias e dalgúns medios. A complicidade entre os vellos partidos de dereita e os poderes fácticos era demasiado evidente, e ademais deron pulo a unha corrupción de “amiguiños” que afecta os intereses dos grandes grupos económicos, aos que lles prexudica usar eses métodos ilícitos, xa que teñen os mecanismos necesarios para regular a lexislación e as normas no seu beneficio.

É neste contexto que debemos entender o nacemento de partidos como Ciudadanos, Cambiemos na Arxentina, e En Marcha! en Francia. Así como o papel determinante que teñen nos seus programas a loita contra a corrupción, ou que recollan dereitos individuais secularmente postergados, asumindo bandeiras da esquerda (con trampas, xa que non hai igualdade nen eliminación da depredación nun mundo orientado polas ansias de poder e cobiza). Non é circunstancial que poñan un énfase tan grande na meritocracia, ou sexa, en que abonda coa igualdade formal de oportunidades, sen ter en consideración que a desigualdade económica e a discriminación cultural e lingüística, condicionan a vida das persoas. Tanto nas posibilidades de conseguir traballo, como no tipo de emprego, e limitan ou favorecen ter cargos executivos e de representación. A nova dereita obvia intencionadamente as diferenzas de clase, e a súa mesma existencia. Naceu para limpar a imaxe dos ricos e poderosos, convertelos en emprendedores (como se outros e outras non o foran cando levan adiante iniciativas solidarias na cultura, deporte, política, etc.): queren xustificar a desigualdade como produto consubstancial co troco, á marxe de calquera control, ou como consecuencia da competencia de China, India, etc.

É neste contexto que debemos entender o nacemento de partidos como Ciudadanos, Cambiemos na Arxentina, e En Marcha! en Francia

 

O ascenso desta nova dereita está asociado a un papel determinante dos medios de información, e ademais está potenciado por estes. Os medios ocupan hoxe unha gran parte do tempo das persoas, tanto recreando o espectáculo, como construíndo o imaxinario colectivo en todos os aspectos, dende o consumo até o cultural e político. Asemade, como parte desta actualización do capitalismo, quérese dar un lugar máis destacado ás forzas de seguridade e ao sistema xudicial, tal como se pode comprobar acotío nas múltiples series televisivas. Faise en detrimento mesmo do poder lexislativo e executivo, coa escusa de que así os dereitos democráticos estarían mellor salvagardados, por profesionais. O problema é que estes non son electos pola poboación, que perde así o control sobre un poder determinante. Tamén ten importancia as sentenzas que dita, xa que cada vez son máis as que teñen consecuencias políticas, e outras fixan ou condicionan normas de comportamento social. Todos estes cambios danse en prexuízo, non só da capacidade de decisión política, senón da cidadanía, e dos dereitos democráticos. Reformas que no capitalismo benefician as grandes fortunas e executivos/as das corporacións, que contan cun enorme poder económico e incidencia no tecido do Estado, e que teñen relacións de clase con estes ámbitos de poder decisivos.

Este novo contexto coloca a esquerda antisitémica diante de novos retos. A cuestión é que o populismo de esquerda, que uniu os sectores mellor situados das clases populares, e que se viu como a substitución da esquerda tradicional, está en vías de esgotamento polas contradicións na súa praxe. Malia que sexa unha forza tan recente e manteña aínda un peso importante nalgúns estados, ten unha eiva de orixe: unha gran fragmentación no ideolóxico. Véxase os casos de Syriza en Grecia e Podemos no Estado español. Pola contra, a nova dereita, ligada aos intereses e aos métodos empresariais, atópase en plena expansión, mesmo en relación cunha parte do movemento obreiro, base tradicional da esquerda. Daquela que as forzas antisistémicas deben realizar unha lectura acaída do momento, da situación económica e social e das tendencias dominantes, dos métodos de traballo, da mensaxe. Deben analizar como tratar as contradicións, cales son prioritarias para garantir a liberación. Ou sexa, unha maioría institucional e social, que estea acompañada por unha militancia coherente, organizada, mobilizada e referencia nos seus centros de traballo.

Estes cambios danse en prexuízo, non só da capacidade de decisión política, senón da cidadanía, e dos dereitos democráticos

 

Sen enganchar a punta do fío, ou sexa, sen facermos obxecto de prioridade as reivindicacións inmediatas das clases que necesitan obxectivamente un cambio de sistema, non será posíbel acadar a hexemonía, xa que estas son as únicas dispostas a entregalo todo, porque teñen pouco que perder. Isto é un aspecto esencial para a construción dunha ferramenta transformadora, capaz de confrontar cos atrancos dun sistema poderoso e disposto a utilizar todos seus medios, mesmo os máis sanguinarios e depredadores, para defender seus privilexios. As clases populares, e especialmente a clase obreira, non son substituíbeis como suxeitos do cambio. Sen a súa participación masiva, e o seu protagonismo, nunca se poderá avanzar na liberación nacional, nesta etapa do capitalismo senil. Daquela que a liberación social ten que necesariamente formar parte da andaina en todo seu percorrido. Nun mundo globalizado, dominado por grandes potencias e corporacións, ambas as cuestións, social e nacional, son interdependentes tanto no táctico como no estratéxico. E isto non pode quedar nunha consigna teórica.

Sen facermos obxecto de prioridade as reivindicacións inmediatas das clases que necesitan obxectivamente un cambio de sistema, non será posíbel acadar a hexemonía

 

Agora ben, a prioridade táctica na conxuntura ou no lugar concreto está directamente relacionada co estado de ánimo da xente, co seu nivel de conciencia, e cos debates dominantes na sociedade. Esta prioridade poucas veces será determinada polas forzas a prol do cambio, só en conxunturas moi concretas, de revolución, dun estoupido social. Asumilo, e marcarse tarefas para modificar o contexto, é practicamente imposíbel cando se pensa que o final da obra é por onde debe comezar a tarefa política (confundindo desexos con realidades). Isto non implica o abandono do estratéxico na mensaxe, na propaganda e no debate das ideas, porque o estratéxico é determinante. Tratase de ligar axeitadamente o cotiá e o concreto co xeral, e o táctico co estratéxico. Por iso, ademais dos obxectivos e da folla de ruta, son fundamentais para construír o cambio: a política de alianzas, a mensaxe, marcar as tarefas, analizar os métodos de traballo, darlle importancia á loita das ideas, realizar campañas de mobilización que se sosteñan no tempo, para que sirvan de escola, para que incidan na conciencia colectiva. Evidentemente falo de formación e de práctica: de praxe. Só sendo os/as mellores é posíbel derrotar a dereita. Á vella e á nova. Non desprecemos súa capacidade.

http://manuelmera.blogaliza.org/

Comentarios