Opinión

A ofensiva imperial na Ucraína, consecuencias e ensinanzas

Os últimos acontecementos na Ucraína terán repercusións nas relacións internacionais, mesmo de carácter xeoestratéxico. Resulta evidente que os Estados Unidos, na práctica, alentan o conflito con Rusia e que queren eliminar un competidor militar equivalente no ámbito nuclear. 

Os últimos acontecementos na Ucraína terán repercusións nas relacións internacionais, mesmo de carácter xeoestratéxico. Resulta evidente que os Estados Unidos, na práctica, alentan o conflito con Rusia e que queren eliminar un competidor militar equivalente no ámbito nuclear. Por iso Victoria Nuland, a secretaria adxunta para asuntos europeos dos Estados Unidos, afirmaba nunha conversa (interceptada) co  embaixador do seu país en Ucraína: “que se foda a UE”, deixando claro que tiñan unha dinámica propia. E, asemade, nunha conferencia o pasado mes de decembro, no Club Nacional de Prensa en Washington, Nuland concretou que os “Estados Unidos tiñan investido 5 mil millóns de dólares en Ucraína para obter obxectivos políticos dende a declaración da independencia en 1991”. No miolo desta estratexia está a decisión dos Estados Unidos de non compartir a súa hexemonía mundial e mesmo a súa pretensión de aumentala. Ademais, neste caso, a diferenza de Alemaña, unha confrontación directa non lle atinxe directamente no económico, e debilita tanto o seu principal adversario como o seu principal aliado, dando máis pulo á súa centralidade. 

"Nesta lóxica imperialista é cando ten sentido que, malia as eivas económicas e sociais internas, o orzamento militar de Washington represente a metade do mundial, que manteña arredor do mundo 200 bases"

Nesta lóxica imperialista é cando ten sentido que, malia as eivas económicas e sociais internas, o orzamento militar de Washington represente a metade do mundial, que manteña arredor do mundo 200 bases, e que o complexo industrial-militar represente un 25% da economía norteamericana. Ou que, dentro da mesma lóxica, se privaticen aspectos das intervencións no exterior, e o inmenso esforzo en materia de espionaxe e control e manipulación da información que está a realizar, que mesmo lle xera conflitos cos seus aliados máis próximos. Ademais, non se pode ignorar que o peso dos Estados Unidos no eido militar, da información e cultura de masas, da moeda de referencia, das exportacións alimenticias, etc, permitíronlle manexar o déficit exterior, e transferir á súa periferia a crise inmobiliaria e da especulación financeira. Agora quere frear o ascenso económico e social  das potencias emerxentes e, ao mesmo tempo, evitar o nacemento de novas ameazas ao seu dominio imperial. Nesta lóxica hai que entender os TLCs na área do Pacifico e o que se está a negociar sen ningunha transparencia coa Unión Europea.

Que Estados Unidos intervén directamente na política interna de Ucraína non ten dúbidas, mais ¿ate onde son capaces de chegar para reverter a situación ao seu favor? Fixérono na revolución laranxa de 2004 e estano a facer agora, mesmo coa presenza na praza Maidan de importantes cargos públicos (tamén da UE) arengando e alentando as protestas. Que van por todas, que se saltan todas as regras democrática e humanitarias, fica demostrado coa interceptación dunha conversa entre Catherine Ashton, responsábel da política exterior da UE, e máis Urmas Paet, ministro de Asuntos Exteriores de Estonia (que admitiu os feitos) cando este último comunicou á primeira que existían indicios para pensar que a matanza ocorrida o 19 de febreiro en Kiev, tanto de manifestantes como de policías, fora planificada por membros do actual goberno de Ucraína. Así se entende que se sepultaran os mortos a toda presa, sen lles facer sequera autopsias controladas xudicialmente, e que ademais se eviten as investigacións (que Rusia pediu ao emisario da ONU). Tamén que Klitschko, o candidato de Merkel, ficase fóra do goberno golpista (agardando ás vindeiras eleccións?) Polo tanto, resulta evidente que non foi por mor do reaxer espontáneo da xente polo que non se cumpriron os acordos entres as partes que garantían Polonia, Francia, Alemaña e Rusia. A violencia contra os parlamentarios en Kiev, para forzar un desenlace favorábel ás teses atlantistas, foi consecuencia da lóxica da folla de ruta dos EE.UU. Foi un Golpe de Estado de novo tipo. Esta trama foi favorecida porque tanto o partido de Yanucovich como os da oposición defenden o mesmo modelo neoliberal. Por certo, nuns e noutros, os dirixentes son persoas enriquecidas no rebufo da corrupción.

"A violencia contra os parlamentarios en Kiev, para forzar un desenlace favorábel ás teses atlantistas, foi consecuencia da lóxica da folla de ruta dos EE.UU. Foi un Golpe de Estado de novo tipo". 

Malia que a confrontación se estea a dar no eido político, informativo e de mobilización social, ambas as partes tamén fan acenos no campo militar para amosar ate onde están dispostas a chegar. Así, os Estados Unidos incrementaron ao dobre os cazas que patrullan o espazo aéreo de Estonia, Letonia e Lituania, e reforzou con 12 cazas F16 e 300 efectivos a súa presenza na base de Lask en Polonia. Pola súa banda Rusia, despois de rematar as manobras de 150.000 efectivos, con tanques e material mecanizado, no oeste e centro da Rusia Europea, iniciaba un exercicio de defensa antiaérea na rexión de Astrakhan, no que se fixeron prácticas de tiro con mísiles antiaéreos S-300 e BUK-M1. 

Todo indica que a maior parte dos ucraínos/as está descontente coa situación económica e social, e segundo as enquisas un 68% quere ter unhas relacións de amizade con Rusia. Mais, para alén do sentir da maioría, todo amosa que o Goberno golpista neoliberal vaise consolidar, máxime cunhas eleccións tan próximas e unha oposición carente de organización. Ucraína entrará na área da OTAN. Resta saber se será maior a influencia dos Estados Unidos ou a da Alemaña no futuro; hoxe é do primeiro. A contestación nas zonas do leste e sul do país non ten un maior peso demográfico nen proxecto económico e social alternativo. O acontecido demostrou que non hai partidos de oposición capaces de mobilizar o descontente pola grave situación social cara posturas non seguidistas das manipulacións do imperialismo hexemónico. De todos os xeitos fican algúns interrogantes. Manterase o peso actual dos nazis no Goberno? Ate onde se forzará a fenda con Rusia?... A integración de Crimea na Federación Rusa é a única saída que lle queda a Putin para garantir a seguridade militar desta potencia no flanco sul. Non é tanto unha decisión estratéxica, como unha solución defensiva forzada polos acontecementos. Por outra banda, que se cuestione o status quo das fronteiras favorece os procesos de liberación das nacións sen estado propio.

"Como engadido a ter moi en consideración, o acontecido en Ucraína entre as potencias atlantistas e Rusia terá consecuencias económicas e sociais moi directas no espazo europeo"

Agora ben, como engadido a ter moi en consideración, o acontecido en Ucraína entre as potencias atlantistas e Rusia terá consecuencias económicas e sociais moi directas no espazo europeo. O gas ruso representa un 30% do consumo da Unión Europea, e aquel país é o maior exportador do mundo, polo que non se trata dun fornecedor doado de substituír. Por outra banda, Moscú ten a man o mercado Chino, país co que acaba de asinar un acordo moi importante para a venda deste recurso enerxético, claro que desenvolver a infraestrutura levará o seu tempo, mais sabe onde fica o final do túnel. Malia que as intencións de Berlín eran expandirse a Ucraína evitando un choque frontal, todo fai pensar que as relacións comerciais con Rusia van ficar moi tocadas, con consecuencias económicas negativas a medio prazo. Non é un aspecto menor tendo en conta a debilidade da recuperación económica na UE. Ademais, substituír a Rusia neste país implica un desembolso importante de recursos que teremos que pagar todos e todas na Unión, só este ano serán dez mil millóns de euros, aínda que no futuro as grandes empresas da UE vanllo facer pagar a Ucraína varias veces, como aconteceu con outros estados da periferia dentro da propia UE. 

Sen dubida todo retroceso económico na Alemaña e os estados máis fortes da UE terminará afectando negativamente aos países periféricos desta área. Será deste xeito, porque, o centro do sistema tende a transferir os aspectos negativos das súas iniciativas aos máis débiles, mentres que recolle todos os beneficios. Unha tendencia que facilita a globalización neoliberal, que tende a centralizar e concentrar con máis folgos a riqueza e o poder. Para comprobar isto abonda con analizar como se está a desenvolver a crise actual do capitalismo. Por iso, aínda que  á maioría olla o que sucede na Ucraína como algo lonxano e alleo, e os partidos sistémicos, a patronal e os medios fan de coro á ultradereita ideolóxica, o certo é que a nación galega será un dos territorios prexudicados. Lembremos que a economía galega é cada vez máis aberta (e polo tanto moi débil) e que as exportacións van dirixidas especialmente, pola seguinte orde a: Estado Español, Francia, Portugal, Italia, Alemaña e Reino Unido.

"Aínda que  á maioría olla o que sucede na Ucraína como algo lonxano e alleo, e os partidos sistémicos, a patronal e os medios fan de coro á ultradereita ideolóxica, o certo é que a nación galega será un dos territorios prexudicados".

Chama a atención que aqueles que fan previsións económicas e de emprego, pensen que estes aspectos carecen de importancia, e que todo vai seguir como se non pasase ren. Mais, para Rusia, e outras potencias emerxentes, o que sucedeu en Libia, despois en Siria, e agora en Ucraína, seguramente son actitudes e accións que superan o límite. Se a isto engadimos a espionaxe masiva, mediante o control das telecomunicacións, e a manipulación informativa dos grandes medios sistémicos, as únicas disxuntivas son: someterse ou resistir e gañar tempo para fortalecer o campo militar e das comunicacións e cultura de masas. 

Coa análise anterior quero deixar patente que nesta conxuntura os Estados Unidos, e detrás deles submisamente a Unión Europea, atópanse á ofensiva. E, en moitos casos, empregan métodos probados durante décadas pola esquerda revolucionaria, como a mobilización combativa de masas na rúa coa ocupación de espazos públicos, porén neste caso con obxectivos contrarios aos intereses das clases populares e que ademais esmagan a soberanía das nacións máis débiles. O que amosa que a mobilización social non é, nunca o foi, unha forma de loita utilizada en exclusiva pola esquerda (aínda que algúns no seu infantilismo así o pensen). O acontecido en Ucraína, e noutros países, deixa en evidencia que o descontente social fronte á explotación laboral e á opresión pode ser recollida tamén por organizacións contrarias aos intereses do pobo, cando as forzas utilizadas para este fin contan con gran apoio mediatico e recursos económicos. E isto é posíbel porque, nalgúns lugares e conxunturas, dende as organizacións con contido popular faltan propostas alternativas claras e unha folla de ruta, que se vexa como factíbel neste intre histórico.

"O que está a acontecer en Ucraína, e en Venezuela (sendo conflitos moi distintos), amosa a importancia da comunicación e da cultura de masas, a necesidade de forzas organizadas e con militancia moi formada e activa"

O que está a acontecer en Ucraína, e en Venezuela (sendo conflitos moi distintos), amosa a importancia da comunicación e da cultura de masas, a necesidade de forzas organizadas e con militancia moi formada e activa, mais tamén que cómpre que as clases populares se manteñan mobilizadas para defender ou conquistar a soberanía, a democracia e a xustiza social. 

A evolución desta confrontación tamén reflicte que Rusia non representa ningún modelo alternativo (nen sequera diante dun proxecto cada vez máis regresivo como o de Estados Unidos e da Unión Europea). Por esta razón, Putín acentúa os aspectos identitarios e defensivos fronte ao inimigo exterior. Aínda con estas eivas, todo o que evite o fortalecemento do imperialismo hexemónico é positivo para construír un mundo máis plural. Este sempre será un contexto máis propicio para a conquista da xustiza social e das liberdades nacionais, por nacións dependentes e colonizadas, como Galiza, así como para as clases populares de todo o mundo.