Opinión

Obxectivos, folla de ruta, e politización

As consecuencias económicas e sociais da pandemia tardaran seu tempo en resolverse, ante todo porque atinxe a todos os países en maior ou menor medida, nun mundo moi globalizado baixo o modelo dun capitalismo neoliberal, ou sexa, que é consubstancial coa explotación e opresión. A pandemia deixou ao descuberto as limitacións do sistema, e agudizou as contradicións en todos os ámbitos, comenzando polo existente entre as clases sociais, o rol que xoga cada nación na cadea de valor, a cuestión da violencia e da igualdade, e tamén a ruptura do equilibrio coa natureza. 

Agora ben, esta agudización das contradicións está hoxe moi focalizada na confrontación entre as grandes potencias, e súas corporacións correspondentes, deixando nun segundo plano o resto das contradicións, moi especialmente a de clase. Incide nestas tendencias diverxentes, na contestación ás contradicións, a evidencia da fraxilidade da humanidade, o confinamento e limitacións que afectan á produción, a actividade laboral e a convivencia, a mesma disciplina social necesaria para evitar o virus. Todo evidencia que a resposta pasará por varias fases. Neste primeiro momento a contestación centrarase, ademais de nos centros de poder, no segmento máis politizado, aquel que ve as responsabilidades do sistema no que está a suceder. Tamén naquelas persoas que por mor da pandemia, ou porque esta se usa como escusa, perden o emprego ou seu pequeno negocio ou teñen que aceptar condicións laborais e sociais indignas.

Haberá unha segunda fase, na que a resposta pode ser masiva e os cambios significativos.

Haberá unha segunda fase, na que a resposta pode ser masiva e os cambios significativos. Todo dependerá de como se aproveite a presente conxuntura. Este será un aspecto clave mesmo sabendo que non é igual un mundo unipolar, multipolar, ou fracturado en bloques. En calquera destes futuros escenarios as contradicións de clase, a soberanía das nacións, a cuestión da igualdade e do equilibrio ecolóxico, estarán presentes coa mesma ou maior forza que hoxe. E sendo verdade que a pandemia, o temor a perder o emprego, as limitacións nas relacións e na mobilidade son hoxe un freo para unha resposta masiva e capaz de cambiar a realidade, tamén é certo que todos estes aspectos están presentes no sentir cotiá da xente. Polo tanto hai condicións excepcionais para que aumente a conciencia política en sectores cada vez máis amplos da sociedade respecto do carácter básico e esencial dos grandes retos a superar pola humanidade. Nunca foi tan golpeada a rutina, a actitude de manterse á marxe. Xa non existe ese marxe ou é tan estreito que poucos caben nel. Nos resultados do BNG nas eleccións autonómicas tamén hai parte desta nova lectura en sectores da sociedade.

Neste intre é esencial realizar un gran esforzo para socializar en que momento nos atopamos e clarificar cales son as etapas que hai que superar

Polo tanto, coido que neste intre é esencial realizar un gran esforzo para socializar en que momento nos atopamos e clarificar cales son as etapas que hai que superar. O que implica unha folla de ruta e un programa de mínimos e máximos, e que estes temas sexan coñecidos e compartidos polo povo. Este é o momento apropiado para reforzar o debate no eido das ideas, das alternativas, do camiño axeitado, aproveitando as contradicións e a referencialidade que implica o medre na representación institucional e estar presentes na primeira liña nas loitas sociais e laborais, na defensa da cultura, da igualdade de xénero, na protección dos ecosistemas, etc. Isto é necesario, fundamental, para que a mobilización no futuro sexa masiva, duradeira e con obxectivos políticos, para que o movemento nacional galego, democrático e popular, poda ser unha forza hexemónica para alén dunha situacion  conxuntural debida a factores externos. O que sementemos hoxe poderémolo recoller mañá. 

https://obloguedemera.wordpress.com/