Opinión

Obxectivos do TLC entre a UE e USA

O tratado de libre comercio que se rematou de negociar con Canada (CETA), xa debatido e aprobado nas Cortes españolas e no Parlamento Europeo (neste último caso cun minuto de tempo para as intervencións no debate), pódese considerar o cabalo de troia do que se está a negociar en segredo cos Estados Unidos (TTIP), e doutro máis ambicioso no que participan dúas ducias de países (TISA). Hai que lembrar que, para ter vixencia na Unión Europea, estes tratados deben ser aprobados tanto polo Parlamento da Unión, como por cada un dos estados membros.

O tratado de libre comercio que se rematou de negociar con Canada (CETA), xa debatido e aprobado nas Cortes españolas e no Parlamento Europeo (neste último caso cun minuto de tempo para as intervencións no debate), pódese considerar o cabalo de troia do que se está a negociar en segredo cos Estados Unidos (TTIP), e doutro máis ambicioso no que participan dúas ducias de países (TISA). Hai que lembrar que, para ter vixencia na Unión Europea, estes tratados deben ser aprobados tanto polo Parlamento da Unión, como por cada un dos estados membros. Preténdese xustificar o TTIP como a única alternativa das vellas potencias imperialistas (Estados Unidos, Unión Europea e Xapón) para competir cos BRICS, polo que se está a negociar outro semellante na área do Pacífico. 

"A estratexia do libre comercio complementase co medre da guerra informativa e nas finanzas, así como dos conflitos militares localizados" 

A estratexia do libre comercio complementase co medre da guerra informativa e nas finanzas, así como dos conflitos militares localizados (Siria, Ucraína, etc) e do movemento de tropas en zonas sensíbeis. Polo que resulta evidente que as potencias hexemónicas exclúen a solución dun reparto do poder e da riqueza coas potencias emerxentes. E atópanse nas antípodas de considerar a opción dun acordo solidario, respectuoso co medio ambiente, e para un desenvolvemento autocentrado, sustentábel, e baseado na xustiza social. Esta vía beneficiaria a toda a humanidade, mais prexudicaría os lucros das corporacións e os ingresos das grandes fortunas (así como dos altos directivos, dos que viven da especulación, a economía delituosa e a guerra; que, por certo, son máis que o 1% da sociedade, e resístense a un cambio sistémico). Esta vía tamén socializaría a distribución territorial do poder, do traballo, e da riqueza producida. Porén, as clases dominantes e as potencias hexemónicas optaron historicamente pola cobiza e a acumulación do poder. Fixérono malia que o capitalismo resulta a causa de todos os males, e neste intre é incapaz de resolver a confrontación territorial e entre clases, a destrución da natureza, o esgotamento de recursos, a cuestión demográfica, o desemprego a emigración masiva, a violencia...

Non me vou deter nos aspectos concretos dos tratados, xa que publiquei nestes dous últimos anos varios artigos sobre os TLCs (ollar nota ao final). Só quero lembrar que estes acordos chamados de “libre comercio” teñen como finalidade impulsar a economía de escala mediante a internacionalización das empresas. Polo tanto, unificarán á baixa a normativa en materia laboral (salarios, negociación colectiva, organización sindical na empresa, etc.), de calidade, medioambiental, fiscal e de investimento. E ademais limitarase a intervención pública, por exemplo na sanidade e no ensino, por considerar que en moitos casos son unha competencia desleal. Ou sexa, que se reformarán as normas en prexuízo das clases e territorios máis débiles ou dependentes, coa xustificación da “igualdade de trato”.

"Os seus promotores afirman cinicamente que estes acordos alentarán o comercio e polo tanto a xeración de emprego en ambas as marxes do Atlántico; un engado que non ten ningunha veracidade"

Os seus promotores afirman cinicamente que estes acordos alentarán o comercio e polo tanto a xeración de emprego en ambas as marxes do Atlántico; un engado que non ten ningunha veracidade. Pola contra, temos o exemplo do TLC asinado por Estados Unidos e Canada con México, e máis recentemente o asinado con Colombia, con resultados negativos para os países latinoamericanos. Tanto en México como Colombia esmagouse unha gran parte do sector agrícola e déuselle pulo á precariedade e desigualdade, mentres aumentou artificiosamente o PIB. No referente ao TTIP, un informe do Instituto de Desenvolvemento Global e Medio Ambiente da Tufts University (Massachusetts, USA) calcula  que suporía a perda de ate 600.000 empregos na Unión Europa, así como unha queda do PIB, aumento da desigualdade e inestabilidade.

En resumo, este novo pulo na globalización neoliberal tería consecuencias regresivas. Para Galiza implicaría efectos moi semellantes ás que se deron coa integración da economía na Unión Europea, e previamente no Estado español. O resultado non foi o desenvolvemento do país, senón que a “modernidade” fíxose a costa da destrución do mundo rural, a emigración, a desaparición de sectores estratéxicos e o aumento do control foráneo sobre a economía e a alienación cultural.  

"O PP impulsou unha iniciativa no Congreso, para requirir que o Goberno central instase a Unión Europea a que acelerasen as negociación do tratado de libre comercio cos Estados Unidos (TTIP)"

Feita esta pequena síntese sobre os tratados de libre comercio e as súas consecuencias, voume centrar nos pasos que se están a dar por parte das clases dominantes dos países que apoian estas políticas, e nalgunhas contradicións que apareceron entre eles. Vexamos.

A finais do pasado mes de novembro, o PP impulsou unha iniciativa no Congreso, para requirir que o Goberno central instase a Unión Europea a que acelerasen as negociación do tratado de libre comercio cos Estados Unidos (TTIP). A proposta contou cos votos favorábeis de CiU, e  en contra da Esquerda Plural así como do grupo mixto. Rosana Pérez, deputada do BNG no Congreso, cualificaba o TTIP como un secuestro da soberanía, segundo os medios. Nesta ocasión tamén votaron en contra da iniciativa o PSOE e máis o PNV, pedindo unha maior transparencia, mais clarificando que están dacordo co TTIP. No pasado mes de maio, IU presentou unha proposta no Congreso solicitando que se realizase un referendo sobre o tema, dada a súa transcendencia, sendo rexeitada cos votos do PP, PSOE, CIU e UpyD; e que contou co apoio do grupo mixto (no que está o BNG). Estas dúas votacións nas Cortes do Estado danos unha fotografía da postura de cada partido (e especificamente do nacionalismo galego) nun tema que divide augas entre as forzas favorábeis ao gran capital e aquelas que, como mínimo, cuestionan a globalización neoliberal.

Un dos aspectos máis regresivos é a cláusula ISDS (Investor-State Dispute Settlemen). Trátase dun mecanismo que permite ás corporacións demandar os estados asinantes, se estas consideran que os seus negocios son prexudicados por normas ou decisións dalgún goberno. Os conflitos serían resoltos en tribunais privados, nos que teñen un papel destacado os grandes bufetes de avogados. Este mecanismo xa se está a utilizar hoxe en caso de controversia, naqueles tratados nos que as partes se obrigaron a aceptar este tipo de procedementos, con resultados moi negativos para os estados e o sector público. Hai sentencias que obrigan aos gobernos a compensar ás corporacións, por exemplo, porque se considera negativa para a conta de resultados das empresas os “privilexios” do sector público ou a normativa de calidade. Aceptar o ISDS significa unha cesión da soberanía do pobo aos grandes grupos empresariais privados, que adquiren unha situación legal que os coloca por riba da vontade da maioría social.

"Coa ISDS a perda de soberanía é tan grande que mesmo Alemaña (á que se lle uniu Francia) considera que se debe excluír esta cláusula do tratado con Canada"

Coa ISDS a perda de soberanía é tan grande que mesmo Alemaña (á que se lle uniu Francia) considera que se debe excluír esta cláusula do tratado con Canada, e que tampouco debe figurar no que se está a negociar cos Estados Unidos. A postura do Estado español é a contraria de Berlín e París. Será porque favorece ao sector bancario, enerxético e das telecomunicacións? Lembremos que estas empresas teñen grandes investimentos no exterior. 

Máis unha vez o Goberno español dobrégase aos intereses das clases dominantes, mesmo a costa da perda de soberanía. Unha actitude ben distinta neste caso, así como nas cesións que acotío fai a Bruxelas, ca que mantén cando se trata de recoñecer o carácter plurinacional do Estado español ou aceitar o dereito democrático a decidir das nacionalidades históricas. Unha maneira de proceder que reflicte a dobre moral do patriotismo españolista, tanto da dereita como o que se agocha detrás de moitas decisións e iniciativas da socialdemocracia. Que tomen nota aqueles que coidan que o imperialismo e o colonialismo é cousa do pasado.

http://manuelmera.blogaliza.org/


Nota: artigos publicados sobre este tema previamente en La Región o 19/02/2013 e o 9/07/2013; en Sermos Galiza o 9/07/2013 e o 17/10/2013; no último Tempo Sindical.