Opinión

Obama e a súa visita imperial á Arxentina

Non foi unha boa idea por parte de Obama facer coincidir a súa visita á Arxentina co 40º aniversario do golpe militar do 24 de marzo de 1976. Deixouse ver axiña a contestación dunha parte moi grande da sociedade, que non pode perdoar a complicidade de Washington coa ditadura militar e o xenocidio de 30.000 persoas. Así o evidenciaba a CTA-Autónoma nun comunicado: “Hoxe, a 40 anos, os traballadores e traballadoras arxentinos estamos indignados que nesta data tan sensíbel para o noso pobo, Macri reciba a visita do presidente do imperio, absolutamente responsábel de todas as miserias que levou adiante Estados Unidos neste planeta, Barack Obama. Por iso dicimos, non só aos ¡30 mil detidos-desaparecidos, presente! senón tamén: fóra Obama da Arxentina!” . Daquela que diante deste rexeitamento, o Presidente norteamericano fixese a última hora unha rectificación, suspendendo os actos públicos do día 24, agás a participación no organizado a posta polo Goberno, a primeira hora da mañá, para repudiar a violencia institucional (non o xenocidio e crime de Estado). Obama aproveitou o resto do tempo para facer unha visita privada a Bariloche, centro turístico nos Andes Patagónicos, na provincia de Río Negro, onde se desprazou tamén Macri, nunha demostración máis de complicidade. 

O día anterior, durante o encontro oficial, Obama non deixou de gabar a Macri e as súas políticas de axuste contar as clases populares, augurándolle un rol destacado na rexión. En coherencia co seu papel, o primeiro fixo unha autocrítica moi morna da actitude de Washington durante a ditadura militar, recoñecendo só que o reaxer do seu país “foi moi lento”. Unha postura que amosa, con total claridade, que Estados Unidos non realizou ningunha rectificación real, só pura táctica cando é necesario, como antes na visita a Cuba. O imperialismo non pode mudar gratuitamente de esencia, só cambia cando se lle obriga mediante a forza. Como afirmaba acertadamente en opinión o xornal mexicano La Jornada: “Aínda que Obama -acompañado por Macri- rendese onte en Bos Aires unha homenaxe ás vítimas da ditadura, a súa autocrítica foi equívoca e insignificante, porque o problema non é que Washington "tardase moito en defender os dereitos humanos" -como expresou-, na Arxentina e en Suramérica en xeral, senón que participou de xeito activo e ata protagónico na comisión de crimes de lesa humanidade, e ata hoxe as responsabilidades non foron investigadas nin castigadas”. (http://www.jornada.unam.mx/2016/03/25/opinion/002a1edi)

O percorrido latinoamericano de Obama non semella casual. Ten que ver co feito de que esta é a rexión onde máis avances vai obter o seu goberno, malia que hai pouco semellaba todo o contrario. Todo indica que, aínda que a nivel mediático o establecemento de relacións con Cuba ocupa as primeiras páxinas dos xornais, o seu maior éxito para os intereses de Washington conseguiuse en Venezuela e na Arxentina, onde os partidos de dereita venceron nas últimas eleccións. Asemade, no Brasil, a maior potencia rexional, Dilma e Lula, e polo tanto o PT, están contra as cordas. Isto é produto da dependencia no Parlamento de partidos como o PMDB, de que o poder xudicial está a intervir no ámbito da política, da forte inxerencia exterior, mais tamén dos erros propios que se agrandan nun contexto de baixos prezos das materias primas e do medre da especulación financeira dirixida e alentada pola flexibilidade cuantitativa da Reserva Federal. Se cadra, a eiva común destes gobernos antiimperialistas sexa que se lle deu máis valor ao paternalismo, o chamado reformismo progresista, que á construción de poder popular. Este só se pode sustentar sobre cambios no modelo económico e social. Non se formou base consciente, organizada, protagonista, fíxose esencialmente clientelismo de esquerda a través das institucións. Cómpre tomar nota.

Resulta evidente que a viaxe de Obama ten unha dose importante de consumo interno para os Estados Unidos, e pretende recuperar valor para unha xestión chea de eivas e contradicións. Quérese deixar nun segundo plano o retroceso das condicións laborais e o fracaso da política internacional en Libia, Iraq e Siria. Daquela que non estean previstas declaracións ou acordos importantes, cando menos públicos. Xa se fala de pactos segredos que van garantir a inxerencia de Washington. O fundamental son noticias que tapen o mal trago de Siria. Lembremos que o tratado de libre comercio do Pacífico xa está pechado, e que ren fai pensar que a corto prazo os Estados Unidos podan recuperar o protagonismo comercial que perderon nalgúns países de América Latina diante de China. Iso levará o seu tempo, e a situación internacional é abondo volátil como para poder realizar prognósticos a longo prazo. 

A Obama élle funcional ignorar que o goberno de Macri na Arxentina xa perdeu unha parte do seu engado. De continuar esta tendencia descendente, en pouco tempo poderíase atopar cunha marxe de manobra moi estreita, dado que unha parte dos seus apoios son produto do oportunismo ou das prebendas. Mesmo así, e que Macri sexa próximo aos republicanos, Obama gabou as políticas antipopulares do primeiro, e o Presidente arxentino contestoulle afirmando que “Arxentina volveu ao mundo”. Pola súa banda, a secretaria do Departamento de Comercio de Estados Unidos, Penny Pritzker, nun encontro con empresarios, segundo recolle o xornal Página12: “destacou que “as perspectivas económicas da Arxentina están mellorando moi rapidamente” (...) sostivo diante do acordo ao que arribou o goberno de Mauricio Macri cos fondos voitre. No medio dun contexto de despedimentos tanto no ámbito público como privado e forte fuga de capitais e incrementos de prezos, a funcionaria estadounidense falou dun 'cambio de clima' en materia de negocios nos últimos meses” .

Agora ben, para alén do éxito mediatico da viaxe, algo que estaba garantido pola hexemonía neste aspecto dos Estados Unidos, nos países da América Latina pesa moito na sociedade o trato vexatorio, o intercambio desigual, a guerra sucia, e o sangue do pasado. Por exemplo, na Arxentina  asasináronse con total impunidade milleiros de dirixentes sociais, sindicais, estudantís, e persoas do ámbito da cultura, coa complicidade e alento norteamericano. Na súa inmensa maioría eran persoas que non tiñan ningunha relación coa guerrilla; o seu único crime era ser molestos para as clases dominantes, para o imperialismo. Entre eles había centos, milleiros, de fillos e fillas de emigrantes de Galiza. Porén, mesmo que todo isto pese (e moito!), o esencial sempre será, xa que foi polo que deron as súas vidas tantos milleiros de persoas, a dependencia, o intercambio desigual, o recreo do atraso, a desigualdade social, malia as potencialidades da rexión. 

As masivas manifestacións do 24 de marzo en varias cidades do país, e moi especialmente a que  concentrou diante da Casa Rosada, na Praza de Maio da cidade de Bos Aires a 300.000 persoas – en Córdoba 50.000 e Rosario 35.000-, reflicten que o xenocidio segue vivo na conciencia colectiva, e que o repudio á presenza do Presidente norteamericano é moi grande. Os medios destacan asemade o protagonismo das centrais sindicais, tanto polo lugar que ocuparon na manifestación, como porque as agresións do macrismo deron moita forza ás reivindicacións laborais. No comunicado conxunto da CGT e CTA (CTA-dos Traballadores), ambas próximas ao kirchnerismo, dicían: “Por iso hoxe están nesta Praza as centrais obreiras, porque os traballadores son a Patria, porque non imos permitir que nos rouben o dereito ao traballo, nin que lle poñan teito ás paritarias, nin que estigmaticen os traballadores e traballadoras. Logo de máis de 12 anos dun proxecto de inclusión, hoxe as políticas de Estado comezan a ser de exclusión social, política, económica e cultura. A Praza respondeu: ¡Macri, ti es a ditadura!” .

A masiva mobilización en Bos Aires, rexeitando o xenocidio e contra o imperialismo, é a outra cara da moeda, oposta ao retroceso electoral das forzas progresistas. Polo tanto, pode fracasar o lulismo, o kirchnerismo, Correa e Maduro, ou sexa a reforma do capitalismo, a ilusión de facelo autocentrado e sustentábel en lugar de globalizado e neoliberal, evitando unha confrontación directa, mais iso non significa a liquidación da loita pola liberación nacional e social na rexión. Abonda con ler a historia desa parte do mundo, que nunca deixou de loitar pola soberanía e a xustiza social. Aprenderase dos erros, corrixiranse as eivas, rectificaranse a mensaxe e os métodos de traballo. Hai moita inxustiza, loita e sangue recente, que empurra a prol do cambio, e iso ás veces non se entende en toda a súa dimensión nas potencias hexemónicas, nas clases dominantes (e ás veces non só nelas), xa que todo o valoran en diñeiro, en relacións de poder, no inmediato