Opinión

O urxente e o fundamental

Botarlle toda a culpa ao Covid-19 pola magnitude da crise económica que anticipan os organismos internacionais, despois de considerala como algo conxuntural ao principio da pandemia, amosa até que punto moitos/as analistas reducen o seu campo de visión á área da súa especialidade. Ou sexa teñen unha panorámica da realidade funcional estruturalista. Esquecen que se viña anunciando unha crise de débeda soberana, que a desfeita ecolóxica era cada vez maior, que as migracións masivas van a mais, que as zonas de guerra no mundo non teñen fin e non deixan de medrar, por non falar da confrontación entre Estados Unidos e aliados, con China e Rusia, da puxa petroleira, etc.

O Covid-19, os millóns de contaxios, as ducias de milleiros de mortes, mais de medio mundo confinado, a agudización das contradicións entre clases e entre nacións, e tanto ou mais expresión do carácter senil do sistema económico e social que dos efectos intrínsecos do virus, este só aproveitou a fraxilidade e as autoestradas da globalización neoliberal. Ou sexa, dun modo de vida, do turismo masivo, de metrópoles inmensas, dos desprazamentos de persoas e mercadorías, da deslocalización da produción esencial, das privatizacións de servizos esenciais... aspectos que facilitaron a súa rápida difusión, como se fose un lostrego, e de calquera outro virus no futuro se non se realizan reformas de profundidade.

Non abonda con des-privatizar e mellorar o sistema sanitario e facelo propio coas residencias da terceira idade,

Polo tanto, non abonda con des-privatizar e mellorar o sistema sanitario e facelo propio coas residencias da terceira idade, porque o fundamental sempre será o contexto, ou sexa garantir que os coronavirus ou calquera outro desafío para a humanidade atope atrancos que reduzan á mínima expresión a exposición das persoas na sociedade. Un cambio así esixe vontade e tempo. Hai respostas que son urxentes (sanidade, loita contra o desemprego e a precariedade, plena igualdade de dereitos, recuperar o tecido produtivo, nacionalizacións); outras débense concretar no inmediato e a medio prazo (reparto do traballo, xustiza social, democracia participativa, defensa ecosistemas, soberanía alimentar e diversificación industrial, revalorización do rural, autodeterminación nacional, etc).

Daquela que sexa negativo que se coloque ao Covid-19 como o aspecto fundamental da crise económica actual, co evidente obxectivo de frear calquera cambio de fondo, e reducir as concesións das clases dominantes a unha limitada mellora da sanidade pública e a recoñecer o papel do Estado para salvar a empresa privada. É dicir, para repetir o guión da crise de 2008. Semella que isto é o que pretende o actual Governo central (con matices entre o PSOE e UP) cando propón un “Pacto da Moncloa” colocando o acento nas formas e non no contido, tal como denuncia o deputado Néstor Rego do BNG. Tamén cuestiona de onde van a saír os recursos para a “reconstrución”. Daquela que Rego manifeste a súa desconfianza sobre as pretensións de Pedro Sánchez e sospeite, tendo en conta os antecedentes, que se busca a recreación das políticas económicas, laborais e sociais da anterior crise (que foron un duro reaxuste entre clases e entre países).

Hai que recuperar a actividade produtiva marcando unha folla de ruta superadora do sistema económico e social actual!

Ou sexa, non se trata de restituír e mesmo agrandar o modelo que nos levou ao desastre neste século dúas veces (no 2008 e agora). Hai que recuperar a actividade produtiva marcando unha folla de ruta superadora do sistema económico e social actual! E facelo sobre as bases comentadas, sabendo que os ritmos estarán condicionados pola correlación de forzas, o grao de politización, o estado de animo, e o contexto no Estado español, en Europa e no mundo. Un cambio que implica modificacións radicais no eido produtivo, porén tamén e ao mesmo tempo nas concepcións da sociedade respecto do papel do sector público e o privado, do ámbito do nacional e o internacional, do individual e o colectivo. En todos estes aspectos o coronavirus, pola magnitude da súa incidencia, malia que deixa un custe moi grande para as clases populares tamén aporta ensinanzas. Agudizáronse ao máximo as contradicións fortalecendo as propostas e o modelo alternativo da esquerda (no Estado español representada especialmente polo soberanísimo galego, vasco e catalá), e para alén do aspecto represivo, debilitouse o proxecto de sociedade imposto polas clases dominantes e o imperialismo.

https://obloguedemera.wordpress.com/