Opinión

O rural rebelde

Celebrouse en Sobredo (Guillarei-Tui) o acto homenaxe que lembra aos mártires da represión nesta aldea. Aconteceu no ano 1922, cando ó día 28 de novembro morreron por tiros da Garda Civil dous homes e unha muller, ademais foron feridos/as máis dunha ducia. Este tipo de accións represivas contra as xentes do rural deuse con gran intensidade perante o século XX, como en Oseira (Cea), Nerga (Porto do Son), Sofán (Carballo), etc. Contra a opinión que hoxe moitas veces se ten do mundo rural galego como un verxel carente de conflitividade, agás por cuestións moi especificas, en comparanza coa mobilización ligada ás cidades e grandes vilas nunca foi así. Trátase dunha valoración incorrecta, que esquece que até hai poucas décadas, antes do proceso que baleirou de  persoas estas áreas, as xentes do rural tiveron un papel destacado nas loitas reivindicativas e defensivas diante dos múltiples atropelos.

No ano 1922 o rural galego fervía. Así o afirmaba un xornal de Pontevedra do 17 de febreiro: “A anarquía social que hoxe reina nas provincias de Ourense, Pontevedra e unha parte de Lugo, é tan grande, que sen temor a nos trabucar, pódese dicir que isto non é máis que un paso para implantación do réxime soviético, en prazo non moi lonxano, triste é dicilo!” Como se ve a Revolución Rusa causaba preocupación tamén neste estremo de Europa.

En xullo dese ano realizouse en Tui un Congreso Agrario de toda Galiza, organizado pola Federación Provincial Agraria de Ourense ao que asistiron centos de asociacións representando a uns 50.000 labregos/as. No xornal A Nosa Terra (ANT) destacábase que se fundou a “Central Regional Agraria Gallega”. O derradeiro día do Congreso Agrario realizouse un mitin ao que asistiron milleiros de persoas, e agasallouse ao presidente deste Congreso, Basilio Álvarez, cun banquete por “ser a alma mater do actual renacer agrario”. ANT criticaba duramente que Asemblea Agraria da Coruña caera en mans de caciques, e aclaraba que, aínda que a esta última se lle chamase asemblea rexional no futuro había que denominala nacional. O vicepresidente desta asemblea foi Dionisio Quintillán. Días despois realizouse un mitin en Ourense onde falaron Melquiades Álvarez e Basilio Álvarez.

No mes de novembro foron detidos directivos da “Sociedad Agraria de Ribadelouro” e da “Federación Local de Trabajadores” de Tui, esixíndolles o xuíz para os deixar en liberdade unha fianza de 85.000 pesetas, cinco mil por cada un dos directivos. Días despois sumáronse ao paro en solidariedade os obreiros do concello. Dúas semans despois, o 25 de novembro, o Governador Civil suspendía o funcionamento de varias sociedades agrarias do concello. Ao día seguinte os xornais indican que continuaban os embargos, e que eran uns corenta. En todo este período tamén informan da entrada e saída da prisión de numerosas persoas relacionadas co conflito.

Neste contexto, quíxose executar o embargo por orde xudicial dalgúns campesiños, que se negaran a pagar por inxustas as rendas dos foros, polo que pra impedilo axuntáronse no lugar  unhas 2.000 persoas. Os titulares dos xornais falaban ao día seguinte de “veciñanza amotinada”. Os efectivos que acompañaban aos representantes do xulgado eran dez parellas de infantería da Garda Civil e outras tres de cabaleira. A xente oponse á execución do embargo e as forzas da orde reprimen coas armas. O xornal “La Zarpa”, do 30 de novembro, co subtitulo de “o caciquismo escribe na Galiza outra páxina de sangue” eleva o número de mortos/as a catro, ao engadir o deceso dun dos feridos graves; e un total de 14 persoas feridas/os. Ademais houbo numerosas detencións. O día 2 de decembro os obreiros da localidade en folga (por solidariedade) acordan volver ao traballo, e o día 5 iría á folga toda a provincia de Pontevedra para denunciar á represión e en apoio coa loita labrega, esixindo que se solucionase axiña a cuestión dos foros. Os xornais destacaban que o paro fora total en Vigo. O que amosa a unidade obreiro-campesiña.

Sobre estes feitos Basilio Álvarez, ese crego axitador que apoiaba a causa labrega, dixo que o país xa tiña un exército de seu: “xa temos bandeira: os mortos. Xa temos soldados: os campesiños. Xa temos patria: Galiza”. En resumo que o rural reivindicativo ten unha longa historia, ligada en moitos casos á mobilización da clase obreira. O sucedido en Sobredo non é máis que un exemplo.

Ramón Cabanillas adicou un poema do seu libro “Da Terra Asoballada” aos combativos e tráxicos acontecementos de Sobredo:

¡Galicia encadeada cos ferros de Castela

por fillos treizoeiros e por caciques-lobos,

no teu ceo azuado hai unha nova estrela!

¡ardente e sanguiñenta, agoira tempos novos!

¡Irmáns! ¡Erguede o berro

de amor e santidade!

¡Galicia e Liberdade

do traballo e do Chan!

https://obloguedemera.wordpress.com/