Opinión

O enfoque

Na actividade política ademais do programa, da folla de ruta e da política de alianzas, son fundamentais os métodos de traballo e o debate das ideas. E, respecto destes últimos dous aspectos é fundamental o enfoque. Ou sexa, saber a que clases sociais se dirixe prioritariamente o proxecto, ou sectores dentro delas, e, en función das contradicións principais do momento, do grao de conciencia e do estado de animo, como se debe desenvolver a mensaxe e cales deben ser as propostas prioritarias. E neste aspecto, para alén daquilo que os medios hexemónicos destacan, ou das sensibilidades da vangarda política ou/e cultural, o máis importante é o que sente o povo, o que reflexa a mobilización cotiá das persoas máis activas, mesmo que sexa silenciada polos medios.

Neste aspecto resulta de interese, ante todo, ter en consideración a valoración que fai base da organización, cando esta ten un amplo traballo social, como sería o caso do nacionalismo na Galiza. Isto implica primar a participación, a análise e o debate. E, asemade, para confirmar e axustar estas valoracións produto da práctica, sempre é positivo consultar traballos de campo sobre o tema. Por exemplo, os dados sobre as mobilizacións realizadas na Galiza así como, entre outros estudos sobre o tema, a enquisa do CIS respecto de cales son os problemas que os/as consultados consideran que máis lles afectan. Sen dúbida estes dados aportan unha dose de realismo que non se pode obviar, respecto de cal é o punto de partida para aqueles que teñan como obxectivo a transformación da realidade, por exemplo, para conquistar a liberación nacional e social de Galiza. Vexamos. 

No ano 2018 realizáronse 3.432 manifestacións no noso país, ou sexa, máis de nove de media ao día

No ano 2018 realizáronse 3.432 manifestacións no noso país, ou sexa, máis de nove de media ao día. Delas 553 fixéronse en Vigo, 438 en Compostela, e 423 na Coruña. A máis numerosa foi a da defensa da sanidade pública no mes de decembro en Vigo, segundo os cálculos da policía. Segundo o Informe do Ministerio de Interior para o ano 2017, realizáronse na Galiza 3.525 mobilizacións. Delas 1.291 teñen motivos laborais, e 1.187 son por cuestións veciñais. A moita distancia están 189 que foron relativas á sanidade, 80 polo ensino, e 61 contra a violencia de xénero. Un aspecto a termos en consideración, o noso país está moi por riba da media do Estado español en número de mobilizacións e tamén de participantes.

Ademais da cantidade de manifestacións conta o número de participantes, e neste caso, se collemos o ano 2018, resulta evidente que o tema laboral e as pensións, a igualdade e contra a violencia de xénero (8 de marzo), a sanidade, os dereitos nacionais (Día da Patria), a defensa da cultura e lingua (17 de maio), e a problemática ecolóxica, foron as que acadaron maior número de participantes. Agora ben, existen diferencias que non se poden ignorar na resposta social, xa que nuns casos debese a que se implica tanto a militancia como importantes segmentos das clases sociais afectadas e noutros a participación redúcese á militancia activa e sectores politizados. Tampouco a actitude dos medios é semellante, agochan ou desinforman no relativo a conflitos que agudicen a loita de clases ou reivindiquen a autodeterminación do povo galego. As enquisas do CIS, como outras realizadas e coincidentes, son as que marcan estas diferenzas que non se deben obviar.

As prioridades sociais son as seguintes: desemprego o 20,3%, problemas económicos o 12,7%, pensións 9,5%, sanidade 9,4% 

No macro-barometro de marzo do CIS, que abrangue a 1.098 persoas na Galiza, co gallo das eleccións xerais, cando se realiza a pregunta de: cal é o problema que persoalmente máis lle afecta? As prioridades sociais son as seguintes: desemprego o 20,3%, problemas económicos o 12,7%, pensións 9,5%, sanidade 9,4%, calidade do emprego 6,6%, e ensino 4,7%; un 19,8% non dá unha resposta ou  alega temas persoais. Respecto dos problemas que lles preocupan en segundo lugar son: índole económica o 12,1%, sanidade 8,8%, calidade do emprego 6,8%, ensino 6,4%, corrupción e fraude 6,2%, o paro 5,2%, e as pensións 4,7%. Estes dados dannos ás urxencias da povoación galega, son unhas respostas lóxicas tendo en consideración o grao de desemprego, precariedade, emigración da mocidade, que se reflicte en que un 47,82% das familias teñan problemas para chegar a final de mes e no retroceso demográfico. Polo tanto son o punto de partida. Pola contra só ao 0,5% consideran que lles afecta a independencia de Cataluña, malia toda a presión mediática e da dereita; e respecto dos atrancos que podan ter os autónomos a porcentaxe tamén é cativa, o 0,6%; así como en relación coa gravísima violencia de xénero un 0,8%, ou a desfeita do medio ambiente, o 0,1%.

As tarefas e a mensaxe dun proxecto rupturista, de cambio, non as poden marcar unicamente as urxencias sociais. Agora ben, tampouco se pode esquecer a súa relevancia. Elas son a panca que fai posíbel a conquista dos obxectivos estratéxicos, especialmente os dunha primeira etapa. Asentar o proxecto nas urxencias da sociedade (da clase traballadora e outros segmentos populares), no grao de conciencia e no estado de animo, é básico para poder transformar a conciencia a través da acción social e política, ligando as propostas inmediatas e sectoriais coas estratéxicas, e para dar o debate no eido das ideas. Obvialo, ou pretender facelo ao envés, con criterios sectarios ou preconcibidos, fai dunha organización un proxecto elitista, aínda que en certas conxunturas reúna por outras reivindicacións xustas e necesarias milleiros de persoas, e que as propostas teóricas que faga sexan as correctas para liberar ao povo. En resumo, se o programa, se a mensaxe, non parten das mesmas urxencias que as clases populares e ofrece solucións concretas e pelexa por elas, dándolles protagonismo, nunca poderá ser maioría na rúa e nas institucións, nen transformar a realidade. Evidentemente estas prioridades non son as que marcan os medios de comunicación hexemónicos, senón as que a sociedade manifesta, nos centros de traballo, na rúa, nos bares, tamén nas enquisas. A cuestión é o peso, lugar e o momento, que ocupa cada problemática, cada reivindicación, cada obxectivo e cal é o nexo entre todos eles (por exemplo, clase e nación).

O enfoque, o contido da mensaxe, non é algo secundario, senón un aspecto esencial

Polo tanto, o enfoque, o contido da mensaxe, non é algo secundario, senón un aspecto esencial para ligar as preocupacións elementais, de sobre-vivencia das clases populares, e moi especialmente da clase traballadora galega (que representa o 83% da povoación activa), cun proxecto máis amplo e transformador. Logrando unha ruptura a prol da xustiza no económico, no laboral, no social, no ecolóxico, na igualdade, na loita contra o machismo, na defensa da cultura e lingua, na conquista da soberanía nacional e popular, democrática e solidaria.

Como exemplo práctico do dito. Por onde se debe comezar a práctica social e o mensaxe. Non é o mesmo encetar o discurso polas preocupacións inmediatas da maioría e rematar cunha visión máis ampla que engade temas esenciais, sistémicos (soberanía, defensa cultura e lingua, igualdade, loita contra a violencia, socialización, etc) que facelo ao envés. Nun caso gañamos novas simpatías, ampliando a base e o activismo ¡politizamos! No outro caso fortalecemos aos/as convencidos por unhas horas. Os métodos de traballo, o enfoque, non son unha cuestión secundaria. Outra cousa é ser un partido do sistema, deixarse levar pola corrente. Se fose así, os métodos de traballo xa os marcan as clases dominantes que contan co monopolio do poder represivo, con inmensos recursos económicos e controlan os medios de comunicación de masas. É verdade que este dominio ten fendas, e as veces contradicións e por intereses tácticos mesmo poden dar espazo a forzas que non controlan, mais o poder popular só se pode construír cuestionando a hexemonía do capital e ofrecendo e defendendo un proxecto alternativo.

Comentarios