Opinión

Un novo experimento: depender dunha criptomoeda no cotiá

O sete de setembro O Salvador adoptou o bitcoin, unha criptomoeda, como divisa oficial, mediante unha lei aprobada a todo bulir, e con importantes protestas na rúa. Os medios salientaban que as enquisas reflectían que a maioría da povoación rexeitaba a medida, e un 66% pedía a derrogación da Lei. No ámbito institucional non houbo grandes atrancos para que saíra adiante a decisión, xa que o presidente Nayib Bukele ten maioría absoluta no Parlamento. Por certo, este presentou a iniciativa en inglés na cidade de Miami nos Estados Unidos.

Como dato anecdótico, mais tamén ilustrativo, ese mesmo día o bitcoin perdía un 13% do seu valor. Algúns especialistas no tema din que a medio prazo a tendencia será a dunha subida do valor, pode ser, aínda que este tipo de moedas dixitais se por algo se distinguen é porque ninguén pode apostar que valor terá ao día seguinte (a menos que se mova nos circulo de grandes investidores en divisas). Teñamos en consideración que O Salvador ten uns 7 millóns de habitantes, un PIB nominal de 29 mil millóns de dólares, que hai 1.600.000 emigrados/as nos Estados Unidos que envían remesas por 6 mil millóns cada ano. O bitcoin permitiríalles canear calquera bloqueo ou sanción de Washington, poren non evitar que o valor de troque dependa da variación desta criptomoeda, que é constante.

O dólar é a moeda que se utiliza en El Salvador dende hai anos, á que se lle suma o bitcoin. Agora ben, dado que a lei obriga a aceptar como moeda de pago o bitcoin: que sucedería se alguén recibe  unha transferencia nesta criptomoeda pola venda dunha casa ou un coche, ou o consumo nun restaurante, e en poucas horas o valor sube ou baixa un 13% ou mais? É verdade que nalgúns países a moeda física perde moito valor pola inflación (daquela ques e utilice o dólar para os depósitos e pagos grandes), mais considerar unha solución para a vida cotiá unha moeda dixital ligada á especulación, que carece de responsábeis aos que reclamar, coloca nunha situación de indefensión ao cidadán común. Daquela á oposición da xente, as manifestacións e protestas.

Considerar unha solución para a vida cotiá unha moeda dixital ligada á especulación, que carece de responsábeis aos que reclamar, coloca nunha situación de indefensión ao cidadán común

A cuestión de fondo respecto das criptomoedas é: se responden á iniciativa privada ou contan co respaldo dun Estado soberano (seica hai uns cen países que están facendo probas a este respecto). Non se pode valorar igual o bitcoin que o yuan dixital que ten o respaldo do Estado chino. Esta é a diferencia fundamental, e non é pouca cousa, xa que neste último caso desde o seu nacemento estará ligada a un determinado valor de troque, porque o Estado ten moito interese en que se manteña estábel. Téñase en conta que non só afectará a capacidade de adquisitiva da povoación senón todo o relativo ao comercio exterior. O Estado terá un control dos movementos e da orixe e destino das transaccións, substituíndo o papel dos bancos, e ademais evita a fraude fiscal, así como os bloqueos e sancións que lle poda impoñer unha potencia agresiva. Mentres que as criptomoedas xurdidas da iniciativa privada destacan pola total opacidade da orixe e destino das transaccións, por variacións moi grandes e constantes, xa que se consideran un investimento. Ou sexa, convertéronse nun xogo de azar, que capta capital especulativo, ou que busca canear impostos ou o control fiscal, daquela que sexan moi utilizadas pola delincuencia ligada ás drogas, prostitución, venda de armas, etc. .

Polo tanto a cuestión central é a que obxectivos sirve unha moeda dixital: ten como finalidade facilitar o pago, evitar os bloqueos e sancións de Estados Unidos e potencias occidentais, ou trátase dun xogo especulativo e para canear o control dos estados e do pago de impostos? No caso de El Salvador semella ser no esencial unha aposta por evitar as presións norteamericanas, mais facendo unha manobra tan arriscada, que pode no mesmo ano, e dado as variacións do bitcoin, tanto dobrar seus depósitos como reducilos á metade. E neste tipo de xogos, mesmo por casualidade, tamén hai quen sae gañando como aqueles que perden, dependendo exclusivamente de cal foi o mes, ou o día, en que entraron e saíron do xogo. A política, governar un país, tomar decisións sobre a economía das persoas e empresas, non é cuestión de experimentos.

https://obloguedemera.wordpress.com/