Opinión

O noso povo, nen máis nen menos submiso que outros

O imperialismo sementa todo tipo de tópicos sobre os povos dependentes e colonizados, para manter e xustificar así unha situación que é funcional ás clases dominantes.

O imperialismo sementa todo tipo de tópicos sobre os povos dependentes e colonizados, para manter e xustificar así unha situación que é funcional ás clases dominantes. Por exemplo, afírmase acotío que os galegos/as que foron ás colonias, como parte da metrópole, terían partillado das prebendas da potencia conquistadora, na que se presume estaban totalmente integrados, e en igualdade de oportunidades. Mais, o seguinte paragrafo recollido do libro Historia del Movimiento Obrero Cubano 1865-1935, tomo 1, da Editora Política da Habana, amosa que non era así, mesmo nun tempo tan achegado como mediados do século XIX. Daquela, fronte ás necesidades de man de obra, polo recuar da povoación escrava e a expansión da industria do azucre, optouse pola importación, “baixo o disfrace de contratados, de traballadores das Illas Canarias, Galiza, Cataluña, Iucatán e China”. No texto en cuestión, no apartado relativo ao nacemento das primeiras organizacións obreiras na illa, díse o seguinte: 

“Outro caso ilustrativo é o da importación de traballadores galegos en 1854. No primeiro lote de 774 embarcados na península, faleceron 167: unha parte, durante a travesía, e outra, inmediatamente logo da súa chegada a Cuba. Enviouse os superviventes a traballar na construción de vías férreas en Cienfuegos, Trinidad e Puerto Príncipe. Estes tiñan dereito a un soldo mensual de cinco pesos, do cal se lles descontaba un 10% para aboar gastos de asistencia médica. A xornada de traballo era de 13 horas diarias, incluídos os domingos e días feriados. Defraudados e desesperados polas condicións inhumanas, os "contratados" expresaban a súa indignación e protesta en forma de motíns e paralización do traballo. Para reprimilos, eran encadeados, metidos no cepo e sometidos a outros castigos vexatorios. En 1854 na zona de Casilda, Trinidad, realizaron unha folga que durou catro meses. Participaron nela uns 250 traballadores. Os escándalos que estes casos provocaban en Cuba e en España obrigaron o gobernador da illa, xeneral José Gutiérrez de la Concha, a intervir e dar por terminados os devanditos "contratos"”. 

“Outro caso ilustrativo é o da importación de traballadores galegos en 1854. No primeiro lote de 774 embarcados na península, faleceron 167"

Algunhas consideracións en relación co texto anterior. A primeira, que o xeneral Gutiérrez de la Concha era o mesmo que reprimira o levantamento cívico-militar na Galiza en 1846, no que Antolín Faraldo definiu no voceiro La Revolución o noso país como unha colonia da Corte, e daba como obxectivo da revolta que nos “temeran e respectaran”. A segunda, que contra a idea de que somos un povo submiso, máis como emigrantes, os nosos paisanos responderon á inxustiza con catro meses de folga, ate obrigar o governo a rectificar a súa situación. A terceira, que esta actitude reivindicativa dábase nun contexto social e político nada favorábel. 

Encol da situación económica e social da Galiza nese intre, hai cento sesenta anos, dinos o historiador Barreiro Fernández (Historia de Galicia, Idade Contemporánea, Galaxia): “O aviso da fame fíxose máis urxente en 1843 e 1847 cos consabidos motíns populares. En 1852 a fame xa non se anuncia, preséntase de súpeto (...) arruínan as colleitas dese ano e impiden sementar pra 1853 (...) a fame deixa tamén o ronsel de motíns, roubos, saqueos das tullas, e asasinatos (...) a xente morría realmente de fame nas rúas e nos portais das casas de Santiago, mentres se improvisaban ranchos colectivos por conta do concello e da Xunta de Beneficencia na que tanta parte tivo a Igrexa, o Estado español seguía cobrando puntualmente os impostos e embargando os bens dos que non podían pagar”. Aínda no ano 1855, moitos concellos de Ourense láianse que “a provincia está extenuada pola fame” e que os campesiños non poden pagar a contribución. 

"A fame deixa tamén o ronsel de motíns, roubos, saqueos das tullas, e asasinatos (...) a xente morría realmente de fame nas rúas e nos portais das casas de Santiago"

No ámbito político, no Estado español o governo estaba presidido polos conservadores, ou sexa, un marco moi represivo para as reivindicacións sociais e os dereitos nacionais de Galiza. No ano 1854 dáse un levantamento progresista por parte do xeneral O'Donnell, que fracasa, malia que a revolta se estende por varias cidades incluída Madrid. Reinaba Isabel II. No ano seguinte, forzado pola situación Espartero convocou Cortes Constituíntes, que abriron o chamado bienio progresista coa aprobación da Constitución de 1855. No veciño e irmán Portugal, despois da guerra civil de 1820 até 1834, segue un período liberal de 1834 a 1851. A continuación ábrese unha etapa que vai de 1851 a 1890 que se coñece como de “regeneração e o fontismo” que coincide cos feitos que lembramos dos galegos “contratados” en Cuba. Este é un tempo de desenvolvemento en Portugal; por exemplo, no ano 1856 inaugúrase a primeira vía de tren en Lisboa. Porén, mantíñase a sombra da dependencia de Inglaterra e das desigualdades sociais. Compárese o contraste coa situación política no Estado español. Nese ano no ámbito europeo salienta a guerra por Crimea, e seguen presentes no imaxinario popular as revoltas sociais e nacionais de 1848 que abanearon Europa toda. 

No ano 1857, o Estado español tiña 15.455.000 habitantes, dos que Galiza constituía o 11,5 % (hoxe é o 5,8 %)

E a cuarta consideración que quero facer é a demográfica e económica. No ano 1857, o Estado español tiña 15.455.000 habitantes, dos que Galiza constituía o 11,5 % (hoxe é o 5,8 %), ou sexa que daquela vivían nesta antiga nación 1.622.000 persoas. Pola súa banda Portugal chegaba aos 3.411.000 habitantes no ano 1849. Agora ben, óllese a diverxencia da evolución da povoación (ate hoxe) do Estado español e Portugal en comparanza coa Galiza. Non é casual polo tanto a importancia que tivo o noso país no Estado español naquel intre, mesmo en situación de subordinación, xa que representabamos dende principios do século XVIII ate a guerra civil máis do 10% da povoación do Estado. Este saldo demográfico positivo foi consecuencia da introdución da pataca e do millo, mais tamén da evolución da pesca, do viño e da artesanía do liño. Este avance demográfico amosou as virtualidades da economía de subsistencia, tendo en conta como prexudicaron ao noso comercio exterior a independencia de América Latina e a guerra de España con Inglaterra, socios comerciais esenciais. 

En resumo, o noso povo sempre se comportou coa mesma valentía que calquera outro, mesmo cando o inimigo tiña máis lanzas e armamento máis moderno. O contrario tampouco xustificaría que os reis Católicos ocuparan e iniciaran a doma e castración de Galiza (colonización), completando un proceso centralizador iniciado con Enrique de Trastámara. Se o cínico argumento de aceptar con ledicia a conquista fose válido para xustificar a asimilación e a explotación, tamén o sería para o caso da colonización en América, África ou Asia, convertendo as vítimas en cómplices. Convén lembrar que os povos máis pequenos non se liberaron da opresión das potencias imperialistas só a través da súa loita e sacrificio, aínda que esta fose esencial; normalmente, beneficiáronse dun contexto internacional favorábel e mesmo da axuda doutras potencias que se disputaban a hexemonía. Así foi en Portugal no século XIV, cando este país estivo a piques de perder a súa independencia esmagado pola monarquía castelá, moito máis poderosa. Foi nese intre, e non antes, que a unidade de Galiza cos nosos irmáns do sur ficou en vía morta. Unha unidade que se intentara unha e outra vez durante os 250 anos anteriores. A ruptura foi unha cuestión de forza, de supervivencia para o Reino de Portugal. O momento histórico internacional non nos favoreceu durante séculos, só iso. Mais, seguimos aquí, resistindo e loitando. Todo pode mudar no futuro, se temos a organización e a acumulación de forzas necesaria para aproveitar a conxuntura. 

Do que se trata polo tanto é de mudar as regras do xogo, para que impere a xustiza. Do que se trata é de facer as cousas o mellor posíbel

A cuestión non é que fósemos menos patriotas que outros povos, só que non estabamos no lugar apropiado no intre acaído. Así é a historia dos povos pequenos, dos perdedores, ou sexa: dunha boa parte do mundo. Do que se trata polo tanto é de mudar as regras do xogo, para que impere a xustiza. Do que se trata é de facer as cousas o mellor posíbel, con intelixencia, con teimosía, con visión do conxunto, e procurando a complicidade do povo sentíndose parte del. Do que se trata é de entender que a liberación dun país como o noso, neste contexto, non ten oportunidade no capitalismo, na Unión Europea, no Estado español, porque estes marcos son funcionais á lei da selva, ou sexa, aos intereses das clases dominantes, das corporacións, das potencias. A folga, a protesta, daqueles galegos emigrantes enganados hai 160 anos en Cuba (baixo o dominio español), discriminados e isolados, non foi unha casualidade, era resultado da conciencia social dun povo que nunca deixou de loitar, en todas as épocas históricas. Reaxeu igual que calquera outra nacionalidade, en calquera lugar do mundo, dende os aymaras ate os vietnamitas (cos que temos sufrimentos e reivindicacións en común). Aínda que isto nunca contou para os historiadores e intelectuais que se axeonllan diante do poder, mesmo aqueles que casualmente naceron neste país. Galiza é o seu povo, a xente do común, as clases populares, os de abaixo!!! 

http://manuelmera.blogaliza.org/