Opinión

Para que nos teman e respecten

O periódico Revolución da Xunta Superior de Galiza afirmaba en 1846:  “galegos, contando co voso apoio lograrase que a nosa provincia [que definía como unha colonia da Corte] sexa temida e respectada”. 

O periódico Revolución da Xunta Superior de Galiza afirmaba en 1846:  “galegos, contando co voso apoio lograrase que a nosa provincia [que definía como unha colonia da Corte] sexa temida e respectada”. Todo comezou coa insurrección dun batallón en Lugo o 2 de abril dese ano, e sumáronse axiña Compostela, Pontevedra, Vigo e Tui, mais ningunha cidade do Estado español. O levantamento foi adquirindo un carácter pre-nacionalista, xa que cuestionaba o goberno conservador de Narváez e pedía recobrar a unidade territorial da Galiza, eliminada coa desaparición do Reino no ano 1833 e a creación do Reino de España. Coruña sería o centro do apoio ao Goberno, malia ser a cidade máis liberal do país, e na que se esperaba que o levantamento acadase maior éxito. 

"O 15 de abril constituíase en Compostela a Xunta Superior de Galiza, da que eran nomeados presidente Pío Rodríguez Terrazo, e secretario Antolín Faraldo".

O 15 de abril constituíase en Compostela a Xunta Superior de Galiza, da que eran nomeados presidente Pío Rodríguez Terrazo, e secretario Antolín Faraldo. En total as forzas rebeldes sumaban uns 5.000 homes, polo que eran equivalentes ás que permaneceron fieis ao Goberno, aínda que se trataba dun exército moi heteroxéneo xa que estaba composto por militares, garda civís, carabineiros, milicias “nacionais”, licenciados e dúas compañías de literatos. 

Decididos a tomar o resto das cidades, os insurrectos comandados por Miguel Solís crean dúas columnas, unha ao seu mando que se dirixe á Coruña e ao Ferrol, e outra comandada por Rubín de Celis para ocupar Ourense. En ambos os casos dominou a falta de iniciativa e evitar a confrontación; polo que para alén dalgunha escaramuza en Sigüeiro, Ourense e perto de Ferrol, non se conseguiron os obxectivos marcados, dando tempo a que chegasen as forzas de Narváez dirixidas polo xeneral Concha, para esmagar os  rebeldes. 

"Solís e 10 capitáns son fusilados o 26 de abril en Carral, e un sarxento días despois en Betanzos".

Os efectivos de Concha eran superiores en número e sobre todo en cabalaría, e serían reforzados con tropas de refresco. Da parte galega a forza era heteroxénea, xa que estaba formada por militares, estudantes e paisanos, e mal armada; ademais, agardaron en balde reforzos de Rubín. Despois das primeiras escaramuzas en Cacheiras, onde houbo uns 60 mortos e 180 feridos por ambas partes, os insurrectos víronse forzados a recuar a Compostela onde a loita sería corpo a corpo. Na cidade o Goberno concentrou o dobre de forzas que os rebeldes para a batalla. O mosteiro de San Martiño Pinario converteuse no último reduto duns 2.000 combatentes revolucionarios até que se lles remataron as municións. A maior parte rendéronse, outros fuxiron ás montañas.

Cincuenta e seis xefes e oficiais foron conducidos á Coruña e xulgados por un Tribunal Militar no traxecto, carecendo de defensa. Solís e 10 capitáns son fusilados o 26 de abril en Carral, e un sarxento días despois en Betanzos. Hoxe existe na vila de Carral un monumento que lembra esta xesta heroica contra o goberno conservador e a prol dos dereitos de Galiza. Mil trescentos condenados foron enviados aos presidios de Ceuta e ultramar, e centos de rebeldes fuxiron a Portugal, entre eles Antolín Faraldo. Este sería o segundo grande exilio, en palabras do historiador Emilio González López, só comparábel ao que provocou Enrique de Trastamara no século XIV, cando a maioría da nobreza galega tamén se exiliou no país irmán.
  
http://manuelmera.blogaliza.org/