domingo 05.07.2020

Para que nos teman e nos respecten. A revolución galega de abril de 1846


Van cento setenta anos do levantamento militar que fixo que os ollos de todo o Estado español miraran cara a Galiza. Unha insurrección que tivo dous eixos reivindicativos: cuestionar o goberno do conservador Narváez do Partido Moderado (sería substituído por Istúriz en plena insurrección), e recobrar a unidade territorial de Galiza, perdida por mor da Constitución de 1833. O levantamento de 1846 na Galiza “en principio foi un pronunciamento propio do progresismo español, no que tamén participaron destacados progresistas galegos, pero logo do fracaso fóra de Galiza 'provincialízase' a través da Xunta Superior do Goberno de Galiza, instalada en Santiago, que preside Rodríguez Terrazo e da que é secretario Antolín Faraldo” (Historia de Galiza, Ramon Villares, Alhambra).

No ano 1860 a poboación galega atinxía 1.799.224 habitantes, ou sexa, o 11,49% do total do Estado español. Este gran peso demográfico dáballe moito valor estratéxico a todo o que acontecese na Galiza. Non había no país grandes centros urbanos. As maiores cidades eran Compostela e A Coruña, que superaban en pouco os vinte mil habitantes. Ferrol contaba algo máis de dez mil, Vigo uns seis mil, Ourense arredor de cinco mil e así o resto das cidades galegas. Ou sexa, era unha sociedade rural. Agora ben, o peso demográfico de Galiza non se correspondía co económico, xa que no ano 1849, representaba o 6,3% do total do Estado español (14,7% de Cataluña, 20,7% de Andalucía e o 11,6% de Madrid). En 1860 o sector secundario representaba o 7,1% do total da poboación activa (en Cataluña un 23,7%).

No ano 1860 a poboación galega atinxía 1.799.224 habitantes, ou sexa, o 11,49% do total do Estado español. Este gran peso demográfico dáballe moito valor estratéxico a todo o que acontecese na Galiza

Europa comezaba a vivir un acelerado proceso de transformacións. Son momentos de industrialización, de tensión, no laboral, na reivindicación nacional e democrática. Grecia independízase do Imperio Otomán en 1830. Tamén destacou a fame, que se cebou en Irlanda en 1845-46 deixando unha fonda ferida. As contradicións sociais estouparon en París en febreiro de 1848, e rapidamente se alargaron a outros países.

No Estado español, o “moderado” Narváez accede ao Goberno en 1844, logo de que Espartero fose substituído en 1843, cando o “progresismo” se dividiu por mor do bombardeo da revolta de Barcelona de 1842. Con Narváez e a nova Constitución de 1845, colle un verniz conservador: proclámase a catolicidade do Reino, non se especifican os dereitos cidadáns, os senadores sono por nomeamento real; retállase o poder dos concellos, etc. Daquela só tiñan dereito ao voto os maiores contribuíntes de cada provincia (Lei de 1837). Estas limitacións e os retrocesos darán lugar a unha morea de insurreccións progresistas.

No país irmán, Portugal, a situación era moi semellante. Tiña daquela unha poboación de 3.800.000 habitantes, concentrados esencialmente no norte do país. Concretamente, o Minho e a Beira litoral atinxían un 40% do total. Lisboa tiña uns 200.000 habitantes e Porto (máis Gaia) sobre uns 100.000. Existía unha monarquía constitucional. Mais isto non trouxo a paz, e entre 1834 e 1851 houbo polo menos cinco golpes de Estado triunfantes e dúas guerras civís. Dende 1842, o consello de ministros estará presidido por Costa Cabral, que manterá estreitas relacións con Narváez, que coma el era moderado nesa altura. En 1841 Cabral fora nomeado gran mestre da masonería. Daquela, “a masonería servía (...) sobre todo para organizar apoio político, con templos improvisados e ritual reducido ao mínimo (...) entre eles atopábanse a metade dos deputados” (Historia de Portugal, coordinador Rui Ramos; A esfera dos livros). Cómpre dicir que outro tanto pasaba no resto de Europa occidental. A aplicación dun novo sistema contributivo dará lugar a unha revolta popular no Minho, que comeza o 15 de abril de 1846, ou sexa, coincidindo coa insurrección na Galiza. A protesta colleu o nome de “María da Fonte”, dado o carácter popular da mesma.

Trátase polo tanto dun período revolto, de cambios económicos e administrativos, onde a correlación de forzas entre progresistas e moderados non está resolta, e non exenta de mudanzas nas alianzas e nas adscricións. Lembremos a insurrección de 1843 para derrocar Espartero, propiciada polos progresistas, que se uniron para este fin cos moderados, os cales aproveitaron a situación para comezar a copar o goberno. No noso país, pronúncianse A Coruña, Lugo, Vigo e Ourense, mais nesta última cidade e Ferrol amplos sectores do exército seguiron fieis a Espartero. Constituíuse na Galiza unha Xunta Central que asumía o goberno do país mentres non se decidise en Madrid quen exercía o poder; repítese así a experiencia de 1808 cando Galiza recobra a soberanía, neste caso por menos tempo e de xeito máis simbólico. En maio de 1844, coa entrada de Narváez, os moderados consolídanse no goberno, e tendo coñecemento do peso do progresismo na Galiza envían persoas da súa confianza aos postos máis importantes, como o gobernador civil da Coruña, xeneral Martínez, perseguidor de toda idea liberal.

Trátase polo tanto dun período revolto, de cambios económicos e administrativos, onde a correlación de forzas entre progresistas e moderados non está resolta

O papel do exército é central nesta confrontación, así como o papel dos militares exiliados, polo que a conspiración forma parte da batalla política. Na Coruña adquire protagonismo neste aspecto a Condesa de Espoz y Mina, Juana de Vega, destacada progresista. Tanto o capitán xeneral Villalonga que substituíu Puig Samper, como o Gobernador da Coruña, coidaban que fora ela a que alentou o levantamento de abril de 1846, así como outros anteriores acontecidos na Galiza, aínda que non o puidesen demostrar (Historia de Galicia, volume XV, Ediciones Gamma).  

A insurrección comezou o 2 de abril de 1846 cando se pronunciou en Lugo o Segundo Batallón do Rexemento de Zamora, ao mando do comandante Miguel Solís Cuetos, que estaba de paso para Valladolid. Días despois, sumaríanse as cidades de Compostela, Pontevedra, Vigo e Tui. Mentres, as tropas con base na Coruña convertíanse no centro do apoio ao goberno. Contra o esperado, a insurrección non prendeu no resto do Estado, e colleu en Galiza un carácter reivindicativo provincialista (pre-nacionalista). Reflicte con claridade esta tendencia que o voceiro dos sublevados “Revolución” caracterizase Galiza como unha colonia da Corte.

A insurrección comezou o 2 de abril de 1846 cando se pronunciou en Lugo o Segundo Batallón do Rexemento de Zamora, ao mando do comandante Miguel Solís Cuetos

O día 5 súmase Compostela. Posteriormente Pontevedra, Vigo e Tui. Na primeira terá un papel destacado Manuel Buceta e na segunda o brigadier Leoncio Rubín de Celis. Ficaban á marxe do levantamento A Coruña, Ferrol e Ourense. A esta altura, os rebeldes contaban con cinco batallóns de soldados de liña, ademais de numerosos garda civís, carabineiros, milicias “nacionais”, licenciados e dúas compañías de literarios, e algo de cabalaría. Por volta dun pouco máis de cinco mil homes en armas. Unha forza moi equivalente á que tiña o goberno na Coruña, Ferrol e Ourense, xa que estes sumaban en total sete batallóns, malia que dous deles eran de tipo defensivo ou que non se podían empregar en terra –artillaría e mariña-.

O día 6 chegan as forzas de Solís á cidade. O día 7 o goberno que envía tropas dende A Coruña ao mando do capitán xeneral Puig Samper (xa demitido daquela, mais que decide facerse cargo da tropa ao saber do levantamento). O día 9 súmase Pontevedra á insurrección e o 10, Vigo. O primeiro confronto darase en Sigüeiro, o 13 de abril. Dura cinco horas, sen un resultado claro, retrocedendo ambas as forzas ás respectivas cidades de orixe. Dimite Samper, sendo substituído por Villalonga. O día 15, decididos a tomar a iniciativa, os rebeldes crean dúas divisións. Unha mandada por Miguel Solis, chamada “Exército Libertador de Galiza” que tiña a finalidade de incorporar ao levantamento a Coruña e Ferrol, e outra dirixida por Rubín de Celis que pretendía tomar Ourense. Ningunha das dúas, duns 2.500 homes cada unha, conseguiría o seu obxectivo.

No aspecto político, constituíronse Xuntas Revolucionarias en todas as cidades nas que se produciran pronunciamentos. E xuntas locais en moitas vilas, como Muros, Noia, Rianxo, Pobra, Vilagarcía, Cambados, Cangas, Padrón, Caldas, Tui, Redondela, Baiona e máis a Guarda, así como en diversos lugares da provincia de Lugo. O día 15 realizouse unha reunión en Compostela. A esta xuntanza non acudiu a de Lugo, sexa por estar daquela asediada ou por desavinzas sobre onde se debía celebrar o encontro.

Constituíronse Xuntas Revolucionarias en todas as cidades nas que se produciran pronunciamentos. E xuntas locais en moitas vilas

Constituíase pois, o día 15 de abril, a Xunta Suprema de Goberno de Galiza, sendo nomeado presidente Pío Rodríguez Terrazo e secretario Antolín Faraldo. O resto dos membros eran Xosé María Santos, por Pontevedra, e Ramón Buch, por Vigo. Ademais dos anteriores, asistiron á xuntanza en representación do exército Miguel Solís Cuetos e Leoncio Rubín de Celis. Entre outras decisións, a Xunta acordou publicar o periódico Revolución. Saíu o primeiro número o 17 de abril, e nel afírmase: “Galiza arrastrando ata aquí unha existencia oprobiosa, convertida nunha colonia da Corte, vaise levantar desta humillación e abatemento. Esta Xunta, amiga sincera do país, consagrarase constantemente a engrandecer o antigo reino de Galiza (...) galegos contando co voso apoio logrará –a Xunta- que a nosa provincia sexa temida e respectada”. Unha boa parte do texto está adicado a xustificar o levantamento progresista contra o Goberno, oporse ao sistema tributario e exixir unhas Cortes Constituíntes.

Entre as medidas que se tomaron pola Xunta, ademais das de orde militar, figuran as seguintes: derrogación dos aranceis xudiciais de 1845, reforma do plan de estudos, reforma dos pasaportes, modificación do imposto de consumos e portas,  supresión do sistema tributario, supresión da policía, rebaixa do sal, arranxo do culto e clero, substitución dos concellos establecidos no 1846 polos de 1843, declarar auxiliares todas as xuntas de Galiza.

Estas propostas amosan que a insurrección non tiña un carácter estritamente militar, e que os problemas económicos e sociais foron tratados dende o primeiro intre. O feito de que todas as medidas se tomasen en relación con Galiza demostra a importancia que tiña para os revolucionarios darlle un contido galeguista, ou provincialista, recuperando de feito a unidade administrativa perdida coa reforma centralista de 1833.

Despois das dúas expedicións fracasaren no intento por unir á revolta todas as cidades galegas, as tropas de Solís que voltaron a Compostela decidiron repregarse sobre Pontevedra. Por esta razón, o día 23 as forzas de Solís entraron en contacto en Cacheiras coas enviadas polo goberno ás ordes do xeneral Gutiérrez de la Concha. Solís, sabedor de que as forzas de Rubín estaban próximas, agardou que estas se puidesen incorporar á batalla mudando a correlación de forzas a prol dos rebeldes. Mais Rubín xogaba a canear o confronto, levando a súa columna dun lugar a outro sen rumbo claro.

O día 23 as forzas de Solís entraron en contacto en Cacheiras coas enviadas polo goberno ás ordes do xeneral Gutiérrez de la Concha

As forzas revolucionarias estaban compostas por uns dous mil cincocentos homes sen artillaría e dúas compañías que foran enviadas a Lugo. Os licenciados estaban baixo o mando de Vicente Cobián, e as milicias nacionais de Pedro Fernández Taboada. Nacionais e licenciados sumaban 250 homes. As tropas ás que se enfrontaba Solís en Cacheiras eran as comandadas polo coronel Chinchilla. Conformábanas o Terceiro Batallón do Rexemento América, o Terceiro Batallón do Rexemento da Raíña, o Provincial de Mondoñedo, uns 150 homes a cabalo do Rexemento da Raíña e catro pezas de montaña. As forzas eran moi semellantes en número, aínda que a cabalaría e a artillaría daban un peso especial ás tropas de Gutiérrez de la Concha.

Despois de varias horas de batalla, vendo a superioridade inimiga, especialmente de cabalaría, e que o terreo permitíalle a esta actuar con gran vantaxe, Solís decidiu recuar sobre Santiago de Compostela. As forzas do goberno quixeron evitar o repregue sobre a cidade, malia que o ataque da cabalaría foi desbaratado polos soldados rebeldes que no retroceso perderon os carros da munición, o que dificultaría a defensa. As forzas rebeldes fixéronse fortes nos arrabaldes do Sar, Hórreo e no Camiño Novo.

Neses momentos, ao xeneral Gutiérrez incorporóuselle a columna dirixida polo brigadier Rodríguez Soler, que estaba composta polo Terceiro Batallón América, o Provincial de Guadalaxara, un batallón da Raíña (menos catro compañías), 200 cabalos do rexemento do mesmo nome e dúas pezas de montaña. Cada batallón estaba integrado por uns 700 homes aproximadamente (algún completo ata por mil homes). A esta altura, os efectivos do xeneral Gutiérrez eran sobre uns 5.000 homes, numerosa cabalaría e artillaría, ou sexa, dobraban os efectivos de Solís. O avanzo comezou ás dúas do serán e fíxose en tres columnas. A primeira invadiría a cidade pola esquerda, atravesando o camiño real de Padrón a Compostela; a segunda ía entrar pola estrada de Lugo; e a terceira, polo centro, polas rúas de Hórreo e Sar.

A batalla en Compostela foi cruenta, dura, corpo a corpo. “Un pelotón de soldados, mandados por un sarxento defende, sen máis baluartes que os seus corpos, a ponte da Rocha, estrando o pavimento de cadáveres inimigos, e non abandonando o seu posto, hostilizado polo batallón América, ata que se remataron as municións. Conseguidas máis, seguen combatendo, e en dúas horas longas deron conta de 500 homes (...) Víctor Velasco mandando outro pelotón, entrou á baioneta entre as fileiras dos contrarios, chegando case que arrincarlles a bandeira”(Revolución de 1846, Juan do Porto).

A batalla en Compostela foi cruenta, dura, corpo a corpo

A medida que van rematando as municións, fóronse retirando cara o centro da cidade, concretamente cara o mosteiro de San Martiño Pinario. Manuel Buceta non está de acordo con esta decisión porque coida que era unha trampa. Considera que é máis oportuno retirarse cara o monte Pedroso e dende alí camiño de Pontevedra. Solís non acepta xa que di que “a súa vida pertence á patria e hoxe salvámola aquí ou perecemos todos por ela”. Daquela a batalla está na súa fase máis intensa. “As rúas estradas de cadáveres, as pedras zumegando sangue, as paredes cribadas a balazos! E o horrendo estourido do canón, os berros dos combatentes e o galopar dos cabalos levaban espanto e terror ao seo das familias” (Revolución de 1846, Juan do Porto). O xeneral Gutiérrez manda tomar os últimos postos dos revolucionarios, que son o pazo arcebispal e as casas da Acibecharía. A defensa é teimosa, polo que custa numerosas baixas ás forzas invasoras.

No pazo Arcebispal, a defensa estaba dirixida polo comandante Velasco que se retira cara a San Martiño Pinario cando fica sen municións. No convento, segue a defensa ata quedaren sen municións, polo que Solís fai unha reunión de oficiais na que se decidiu non se render. Dende fóra, os asediantes instaban os soldados a rendérense asegurando que nada lles ía acontecer. Vendo a situación, Solís reuniu os sarxentos que dixeron que eles xa cumpriran co seu deber, que non tiñan ningún medio para resistir ao inimigo, polo que desexaban iniciar as conversas para a capitulación. As negociacións contaron coa intervención do arcebispo. Gutiérrez de la Concha non aceptou máis que a rendición incondicional, só ofreceu consideración á tropa, e dixo que se non se entregaban en cinco minutos serían todos pasados a coitelo. Manuel Buceta e outros oficiais pedíronlle a Solís que fuxise con eles, mais non quixo. Ás sete da tarde entregaron as armas 1.400 soldados da Primeira División e os xefes e oficiais que os mandaban, agás sete que ficaron agochados dentro do mosteiro, e outros 400 que non entraran nel, e que se dirixiran a Vigo, onde esperaban unirse ás forzas de Rubín.

Os soldados foron incorporados aos batallóns do goberno e os xefes e oficiais arrestados. O día 25 foron trasladados a Coruña uns 56 prisioneiros, xefes e oficiais, “amarrados cóbado con cóbado e a pé”, escoltados por catro compañías do Provincial de Mondoñedo e algunha cabalaría ás ordes do coronel Cachafeiro. Ao chegar a Carral instalouse unha Comisión Militar, nomeada polo xeneral Villalonga, no mesón-taberna existente no lugar, coa finalidade de xulgar e executar os prisioneiros “dúas horas despois de notificada a sentenza”, segundo a orde. Villalonga, nun primeiro intre, quería axustizar todos os xefes e oficiais. Mais diante das protestas, decidiu facelo só cos capitáns ou militares de maior graduación. O día 26 compareceron os prisioneiros diante da Comisión Militar, onde abondou con que recoñecesen a participación no levantamento para ditar sentenza, sen se admitir ningún tipo de defensa. Ese mesmo día foron fusilados contra os muros da igrexa de Santo Estevo de Paleo, o que fora xeneral do “Exército Libertador de Galiza” Miguel Solís, o comandante Victor Velasco, e os capitáns Manuel Ferrer, Jacinto Daban, La Infanta, Fermín Mariné, Lloréns, Sánchez, Márquez, Martínez e Valero. O 4 de abril foi fusilado en Betanzos o sarxento Antonio Samitier.

O día 25 foron trasladados a Coruña uns 56 prisioneiros, xefes e oficiais, “amarrados cóbado con cóbado e a pé" 

Para render Lugo, Gutiérrez de la Concha enviou os dous batallóns de Zamora, o provincial da Coruña, 30 garda civís a cabalo e 4 pezas de artillaría. Estas forzas chegan o día 26 polo serán. Esa mesma tarde sumóuselle a brigada de Anselmo Blasser, composta de dous batallóns de América, os provinciais de León e Laredo, dúas compañías da Raíña, e cincuenta de cabalaría do segundo de lanceiros e sesenta garda civís. Unha forza inmensa para Lugo, xa que superaban os 4.000 homes. O día 27 os asediantes entraron a través dunha casa tapiada sen atopar resistencia. Lembremos que Lugo estaba asediada dende o día 12 de abril, e que as tropas na cidade eran moi reducidas (uns centos de homes), aínda que contasen co apoio de civís.

Pola súa banda, a Segunda División, ao mando de Rubín de Celis, a esta altura estaba totalmente desfeita. Os 2.500 homes que a integraban estaban ciscados pola provincia de Pontevedra. A columna central de 1.500 homes atopábase o día 25 en Soutelo de Montes, dirixíndose á Estrada e despois, practicamente sen acougo, a Cuntis, e de aquí a San Xurxo de Sacos, onde xunto co seu axudante e un guía, Rubín abandonou a tropa. O día 26, embarcaba en Vigo cara o exilio. Sebastián Arias, que ficou á fronte das poucas tropas que o seguían despois das marchas e contramarchas de Rubín, e dada a situación, indicoulles que se ía exiliar en Portugal. Serían 4 xefes, 28 oficiais, 8 sarxentos e 76 soldados os que o seguiron.

A Segunda División, ao mando de Rubín de Celis, a esta altura estaba totalmente desfeita. Os 2.500 homes que a integraban estaban ciscados pola provincia de Pontevedra

Cómpre lembrar que as autoridades de Ferrol enviaron o día 18 a Vigo dúas corvetas, Nervión e Bidasoa, e unha barcaza, Astuto, co pretexto de que tiñan que asediar a cidade sublevada, cando a finalidade real era o temor de que estas se unisen ás forzas de Solís que se dirixían a Ferrol, xa que desconfiaban da súa fidelidade co goberno. Ao chegar a Vigo, o Nervión e a barcaza Astuto incorporáronse á revolución. Estes barcos serían os que utilizarían tanto Rubín, como unha boa parte dos membros das xuntas revolucionarias para se poñeren a salvo da represión dos “moderados”. Despois, en Portugal moitos deles serían internados en Peniche, onde o trato non foi moi bo.

A represión non se fixo esperar. Eran tantos os militares presos que algúns cuarteis convertéronse en prisións. En Ferrol houbo que deixar libres o día 5 de maio algúns delincuentes para facer sitio aos militares vencidos e detidos, que eran máis de 2.000. Tamén foron moitos os civís que sufriron cárcere, sobre todo na provincia de Pontevedra e nas vilas da ría de Noia e Vilagarcía. Tettamancy di no seu libro sobre o levantamento: “O 5 de maio en Compostela –os detidos- foron despoxados publicamente de toda roupa militar e fíxoselles pasar en camisa pola cidade para encerralos despois na casa cuartel de Santa Isabel”. As expatriacións comezaron coa saída do bergantín goleta Ebro escoltando o San Pablo, no que ían 103 prisioneiros (La Revolucion Gallega de 1846, Tettamancy). A represión cebouse tamén nos civís, especialmente nos universitarios que se sumaron ás milicias ou que colaboraron coas xuntas.

A represión non se fixo esperar. Eran tantos os militares presos que algúns cuarteis convertéronse en prisións

E pola súa banda o historiador e deputado por Izquierda Republicana Emilio González López di que a dureza da represión causou graves danos físicos e morais ao noso pobo; e que deu lugar a unha enxurrada de exiliados, especialmente a Portugal, só comparábel á que provocou a intervención en Galiza na época dos Trastámara no século XIV, a de Fernando IV e a dos Reis Católicos (De Espartero a la Revolución Gallega de 1846, la buena y mala fortuna del progresismo gallego, Ediciós do Castro).

Como síntese podemos dicir, que o levantamento ficou illado. Aínda así tivo a súa importancia militar e preocupou dabondo Madrid para que enviase un exército de operacións composto por máis de 13 batallóns (uns oito ou nove mil homes), que foron chegando a Galiza ata o día 25 de abril. Non se pode ignorar que boa parte dos xefes e oficiais non eran galegos, así como case que todos os fusilados en Carral. Non así a tropa, tal como se pode comprobar na relación que Tettamancy fai no seu libro, de militares e civís aos que se outorgou a Cruz do Valor e Constancia, e Beneméritos da Patria e San Fernando, que foron centos, a maioría galegos, algúns menos asturianos e outra cantidade menor de distintos lugares do Estado.

O levantamento ficou illado. Aínda así tivo a súa importancia militar e preocupou dabondo Madrid para que enviase un exército de operacións composto por máis de 13 batallóns

Por outra banda, as forzas enfrontadas foron numerosas. Primeiro en Cacheiras, con máis de dous mil cincocentos homes de cada parte, e despois en Compostela, o dobre de efectivos do Goberno que dos sublevados. En total, máis de sete mil persoas combatendo na cidade. As baixas foron importantes; Juan do Porto afirma que, só entre as tropas do goberno que entraban pola estrada de Padrón, os revolucionarios causaron cincocentas baixas. Tamén a dureza posterior da represión indica que correu moito sangue. Tettamancy no seu libro (un verdadeiro e completo estudo do tema) di, sobre a batalla en Cacheiras, que houbo sobre 60 mortos e 180 feridos por ambas as partes, aínda que foron máis os do goberno. Sobre o total de mortos e feridos en Cacheiras e Compostela, dá a cifra de cincocentos (La Revolución Gallega de 1846).

Dise que non houbo incorporación das masas á revolta, e que non se contou coa ‘milicia nacional’. Sendo certo, non se pode restar valor a que en Tui se incorporaron uns 400 milicianos, e máis do dobre se sumamos Vigo e Pontevedra. En Compostela alistáronse 300 universitarios, aos que hai que engadir os que o fixeron en Lugo e outras vilas. Faltaba armamento e en Compostela só se puido formar unha compañía de literarios. Cómpre destacar que na provincia de Lugo actuaba un grupo guerrilleiro de 80 homes, ao mando do comandante Roberto Robles, e na de Ourense outro de 57 homes ás ordes do capitán Basilio Matens, que se manterán activos por un tempo, despois da derrota de Cacheiras.

Non se pode restar valor a que en Tui se incorporaron uns 400 milicianos, e máis do dobre se sumamos Vigo e Pontevedra. En Compostela alistáronse 300 universitarios

Sobre a insurrección, Fernández del Riego, no seu libro Antolín Faraldo, o gran soñador fai a seguinte valoración: “Sen dúbida, os acontecementos de 1846 comezaron cun pronunciamento militar, pero tras del empezou axiña a se configurar a presenza dunha gran coalición civil de carácter galego, progresista, que o forneceu do seu selo cara ao futuro”. A Revolución de 1846, como o Banquete de Conxo posteriormente, foron un símbolo para o rexurdir de Galiza no século XIX. Ademais, ten unha enorme importancia que aquelas figuras senlleiras de Galiza que viviron os feitos ou coñeceron os actores -como Murguía- sexan os que lle deron dende moi cedo un valor sobranceiro.

A relevancia que tivo o levantamento resulta evidente polo recoñecemento que se fixo dos fusilados, dos xefes da insurrección, e dos participantes das xuntas, no ano 1855 como “Beneméritos da Patria” durante o bienio progresista. O monumento existente en Carral inaugurouse o 22 de maio de 1904. A iniciativa foi da “Liga Gallega” e iniciouse cinco anos antes. Sobre esta homenaxe dixo Curros Enríquez: “Gloria aos fillos da miña Patria que sentiron indignación ante o esquecemento criminal no que xacía a memoria dos Mártires da liberdade galega, e souberon honralos erguendo este Monumento”.

A revolución de 1846 non foi só un levantamento militar, non se pode ignorar a participación de milicianos (máis dun milleiro), que ademais xogaron xunto a Carabineiros e Garda Civil un papel importante nos combates nas rúas de Compostela. A insurrección espertou consciencias e alentou as reivindicacións identitarias, das que unha década despois foron expresión personalidades como Murguía, Rosalía, Aguirre ou Pondal. Ese será o grande triunfo do levantamento, o de deixar semente, de ser o agromar do nacionalismo galego. Á revolución sumáronse aqueles que amaban Galiza, tanto como para reclamar que fose temida e respectada, sabedores de que esta exixencia só tiña valor co fusil na man. Non menos importante foi que considerasen esta nación unha colonia da Corte, facendo unha valoración que, malia o tempo transcorrido, segue estando vixente.

http://manuelmera.blogaliza.org/
    
 

Para que nos teman e nos respecten. A revolución galega de abril de 1846