Opinión

Non Xove Nuclear! Cando Fenosa recuou ante o povo

O 10 de abril de 1977, un domingo, hai agora corenta anos, realizouse a marcha contra o proxecto de Fenosa de construír unha central nuclear en Regodela, no concello de Xove, na Mariña luguesa. A convocatoria da mobilización foi asumida polas Comisións Labregas (que despois se denominarían Sindicato Labrego Galego). A marcha contou asemade co apoio activo dos Comités de Axuda á Loita Labrega (CALL), así como do conxunto do “movemento nacional popular galego (MNPG)”, ou sexa: ANPG, ERGA, SOG, etc.

Dous días antes da mobilización, a Delegación Provincial de Información e Turismo afirmaba que só se tiña dado autorización para o estudo do posíbel emprazamento da nuclear en Regodela. Un día antes, o Governo Civil da provincia anunciaba que a marcha non estaba autorizada e que tomarían as medidas oportunas. Ambas as dúas noticias tiñan a pretensión de restar participación. Algo que non conseguiron xa que, como recollía La Voz de Galicia do 10/04/1977: “As Comisiós Labregas de Galiza (CC.LL.) como organizadoras e responsábeis da marcha que hoxe se proxecta facer sobre Xove (Lugo) pra protestar contra a instalación dunha central nuclear na zona de Regodela, e diante da prohibición do governador civil de Lugo, fixeron pública onte unha nota na que declaran a súa intención de celebrar a marcha”. Pola súa banda, a militancia da Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG) axitaba en todo o país contra a central nuclear, e o Partido Socialista Galego (PSG) pedía unha demora de dez anos para a súa instalación. 

En relación coa central nuclear, Fenosa puña o acento non nos perigos, nen no feito de que Galiza fose excedentaria en enerxía eléctrica, senón no emprego que a central ía xerar, sabendo que ese era un problema central na Galiza. Destacaba polo tanto, que nos momentos punta da construción habíanse crear entre 2.500 e 3.000 empregos, e unha vez en funcionamento, ocuparía uns 200 operarios entre persoal especializado e obreiros. Porén, os veciños do lugar desconfiaban destas promesas. Sabían que as grandes empresas tiñan persoal fixo, polo que as contratacións na comarca ían ser mínimas. E ademais, estaba o carácter nocivo e perigoso das nucleares. Contribuíu moito a esclarecer a cuestión o traballo do MNPG dende comezos de 1974, cando espallou na zona o primeiro panfleto.

Fenosa puña o acento non nos perigos, nen no feito de que Galiza fose excedentaria en enerxía eléctrica, senón no emprego que a central ía xerar

Cómpre lembrar a situación do momento, tendo en conta o tempo transcorrido. Ocupaba a Presidencia do Governo Adolfo Suárez, da UCD, e aínda non se realizaran eleccións democráticas, que serían o 15 de xuño. No Ferrol, os ánimos estaban quentes nas auxiliares do naval e contra o peche de Peninsular Maderera. Estouparan  folgas en todas as provincias por mor dos convenios de sector. Mesmo as posteriores manifestacións do 1 de maio serían reprimidas pola policía armada. Nas Encrobas, a loita dos labregos contra as ocupacións dos terreos por Fenosa causaban enfrontamentos, detencións, multas e represión. No ámbito político, o 23 de marzo saíran en liberdade os catro membros da Unión do Povo Galego (UPG), detidos co gallo da redada do ano 1975 que deu lugar ao asasinato de Moncho Reboiras; os seus nomes: Marisa Vázquez, Manuel Fernández, Xan Manuel López e Xosé Brañas. Nestas datas tamén, dábanse a coñecer as candidaturas do Bloque Nacional-Popular Galego (BN-PG) para as eleccións ao Congreso. Esta era unha coalición da AN-PG e máis da UPG, xa que ningunha delas fora legalizada naquela altura. O 9 de abril sería legalizado o Partido Comunista.

A marcha partiu de Viveiro, ás 10 h. e chegou á localidade de Xove ás 13 horas, despois de percorrer 11 quilómetros, en parte baixo a chuvia. A información da prensa salientou asemade que un autobús desprazou gardas civís desde Mondoñedo. A revista Teima cifraba en 5.000 persoas a participación na marcha de Xove, que os organizadores elevaban a oito mil. 

A revista Teima cifraba en 5.000 persoas a participación na marcha de Xove, que os organizadores elevaban a oito mil

Por mor dunha lesión, non puiden facer toda a marcha, e leváronme en coche a Xove onde se ía realizar o acto final. Neste lugar atopei a dirección do PCG nun bar, no que estaban festexando a legalización do seu partido e ao mesmo tempo falando en voz alta sobre como ían a tomar a mobilización (polo visto non me coñecían). Por suposto, avisei os organizadores antes de que a marcha chegase ao lugar. Cando a manifestación se aproximaba a Xove pola estrada, os militantes do PCG abriron as súas pancartas, e posaron para a televisión que estaba no lugar. Mais a manifestación apartouse por  un atallo cara á igrexa. Diante deste cambio no traxecto final, Rafael Pillado, do Comité Executivo do PCG, intentou falar aos concentrados desde un muro. Impedíronllo os berros en contra súa da maior parte dos participantes na marcha. Deuse ademais algún que outro enfrontamento e empurróns que evitaron a falcatruada. Máis oportunismo, imposíbel. Non só porque a convocatoria era das CC.LL. senón porque o nacionalismo aportaba a gran maioría dos manifestantes. A esquerda estatal fixo toda ela causa común da derrota, e realizou un acto paralelo minoritario a uns cen metros da igrexa de Xove. 

Pola súa banda, os organizadores, como estaba previsto, celebraron o acto final da marcha. Despregáronse todas as bandeiras da patria (coa estrela) e tamén vermellas da UPG, e aumentaron os berros sobre os motivos da convocatoria. As consignas máis escoitadas durante a marcha foron: “Non Xove nuclear” ”Esta terra é nosa, e non de Fenosa”, “Non, non, á colonización”, “Galiza ceibe, poder popular”, “Coa AN-PG o povo galego vencerá” “Comisiós Labregas en todas as aldeas”. O primeiro en falar foi Antón López Pernas, das CC.LL. locais. O seguinte en intervir sería Emilio López, secretario xeral das CC.LL., que manifestou: “que os de Xove como os de Lema convertéronse en símbolo da unidade da loita labrega contra a explotación, en todas estas loitas as CC.LL. estamos presentes” (Teima). Despois sería Xosé Barbeito das CC.LL. das Encrobas, e por último Moncho Valcárcel, o crego de Sésamo, que deixou constancia de que: “vimos a loitar contra o imperialismo e non queremos seguir sendo unha colonia” (La Voz de Galicia). Polo serán, realizouse un acto en Portocelo ao que acudiron 1.500 persoas. 

“Non Xove nuclear” ”Esta terra é nosa, e non de Fenosa”, “Non, non, á colonización”, “Galiza ceibe, poder popular”

Ao final dos actos da xornada, os organizadores da convocatoria fixeron un balance do acontecido para os medios, en Viveiro, no local da Agrupación Cultural Sementeira: “indicaron que terían acudido á marcha sobre Xove 70 labregos de Lema (Baldaio). Con respecto aos participantes da comarca, un membro de Comisiós Labregas de Xove indicou que sobre 1.000 persoas (...) Falaron posteriormente do oportunismo dalgúns grupos políticos (...) Aseguraron que dos presentes na marcha que non eran do Bloque Nacional-Popular serían 400 ou 500 sómente” (La Voz de Galicia 12/04/1977). Posteriormente, “Rafael Pillado declararía aos medios informativos que el só quería utilizar o megáfono para pedir calma diante do cariz sectario que estaba a tomar o acto” (Teima nº18). Nesta mesma liña insistirían dende ese intre as forzas da esquerda estatal, especialmente o PCG e o MCG. No seu editorial, a revista Teima acusaba o MNPG de se comportar como novos mesías. 

O 22 de xaneiro de 1978, convocouse unha nova concentración en Esteiro, Xove. Sobre ela, o voceiro da UPG salientaba: “celebrouse unha concentración en terreos próximos a onde pretenden instalar a central nuclear á que asistiron unhas 600 persoas, veciños na gran maioría e habitantes da zona e vilas cércanas. Na concentración falarían os compañeiros Emilio López Pérez, secretario das Comisiós Labregas, Ramón Muñíz pola Comisión Antinuclear e Antonio López Pernas como veciño afectado e membro das CC.LL. Nas intervencións denunciouse a política colonial do Estado contra as clases populares galegas” . (Terra e Tempo, 03/1978)

pegatina non xove nuclear4Un ano despois, o 20 de maio de 1979, realizábase unha segunda marcha, convocada neste caso pola fronte patriótica, a AN-PG, contra a instalación da central nuclear. Segundo os organizadores axuntou 20.000 persoas (dez mil para La Voz de Galicia). Pola súa banda, CC.OO. e USO convocaran unha manifestación propia previamente, o 14 de maio, que reuniu pouco máis de cen persoas (segundo El País). Segundo o Terra e Tempo de xuño dese ano: “Á fronte figuraban os membros da dirección nacional da AN-PG, seguida dunha representación de alcaldes e concelleiros do Bloque, dirixentes da UPG, ING, CC.LL. ERGA, delegacións da AN-PG no exterior e representantes do movemento nacionalista canario. Centos de bandeiras patrióticas mesturábanse con pancartas de contido antinuclear. Tamén abundaban as bandeiras do noso partido, xuntamente coas da ING e da UMG (...) Clausurou o acto Lois Diéguez, Secretario Portavoz Oficial da AN-PG, quen, ademais de agradecer a presenza de todos os asistentes á marcha, prometeu que a Asemblea seguiría loitando pra que o proxecto da central de Xove fora definitivamente abandonado”.

Estas protestas frearon o proxecto de Fenosa. Foi un grande éxito. E a moratoria de 1985 deixaríao definitivamente como unha mala lembranza do pasado. 

A marcha de Xove fixo visíbel que o movemento nacional popular galego, organizado na ANPG, emerxía como a maior forza mobilizadora desta etapa, desprazando o Partido Comunista. Non era pouca cousa, se temos en consideración que isto mudaba a realidade política da década anterior. Este novo escenario non foi ben acollido pola esquerda de ámbito estatal, e non foi casual que o cabreo inicial se convertese axiña en xenreira e deformación do acontecido. Había que xustificar a perda de protagonismo dalgún xeito, non coa autocrítica, senón adxudicando o éxito do nacionalismo ás malas artes. Así foi que se falou de métodos autoritarios, novos mesías, e axiña de partido de coroneis. E, o máis preocupante, é que estas campañas encetaron nos medios de información ligados á esquerda estatalista, mesmo aquela que se gababa de recoñecer o dereito á autodeterminación, como o MCG. 

O movemento nacional popular galego, organizado na ANPG, emerxía como a maior forza mobilizadora desta etapa, desprazando o Partido Comunista

Esta capacidade mobilizadora do MNPG, o aumento da militancia, a potente iniciativa, non se converteu axiña en resultados no ámbito institucional. Houbo que agardar décadas para iso, xa que séculos de colonización e a hexemonía nos medios das clases dominantes (do imperialismo español), eran un atranco. Co exercicio do poder nas institucións, especialmente nos concellos das cidades e na Xunta, abriuse unha nova etapa, na que mobilización e xestión non sempre se combinaron axeitadamente. Un período do que coido que aínda cómpre facer unha reflexión colectiva, para rectificar erros e aprender dos acertos. Mais esta é unha historia a debullar que non toca neste artigo. 

http://manuelmera.blogaliza.org/