Opinión

Non hai remendos para un sistema inxusto

Sen dúbida na pasada semana destacaron no noso país sobre todo as mobilizacións sindicais, tanto de empresas nas que o peche albiscase como un precipicio no futuro inmediato, caso de Alcoa, ou por mor dun accidente laboral máis no naval, porque as medidas preventivas non son suficientes. Estas dúas manifestacións non son máis que un exemplo de que a pandemia do covid-19 agudizou os problemas existentes, tanto porque o confinamento impediu unha resposta acaida como porque  dende o Governo tampouco se puxeron mecanismos alternativos durante o Estado de Alerta para dar voz a vías de saída á conflitividade laboral e social. Mesmo, algunhas solucións positivas, como os ERTEs, tardaron en moitos casos meses en cobrarse e as contías non eran abondo para atender os gastos nos salarios máis baixos. A todo isto podemos engadir os despedimentos e a modificación das condicións laborais arbitrarias, cos xulgados invernando.

Cunha desescalada que todo indica vai deixar moitas e moitos traballadores e autónomos/as polo camiño

Estes problemas e eivas acumuláronse durante estes meses e agora multiplícanse cunha desescalada que todo indica vai deixar moitas e moitos traballadores e autónomos/as polo camiño. E, a todo isto súmanse importantes compromisos electorais pendentes do Governo central, como son a derrogación da reforma laboral, da Lei Mordaza e do artigo 315.3 do Código Penal; e trátase de aspectos fundamentais para fortalecer a capacidade de presión da clase traballadora e mellorar salarios e condicións laborais. Recuperar dereitos perdidos e evitar que todos os custes económicos da pandemia se terminen botando sobre o movemento obreiro, como na crise de 2008, todo amosa que non é unha tarefa doada, xa que unha parte importante das centrais sindicais todo o confían á mesa de negociación, ao pacto social, a poñer remendos que non cuestionen o sistema capitalista.

Con este obxectivo, a CEOE e CEPYME, xunto con CC.OO e UGT e o Governo levan meses buscando un punto de encontro. Algo practicamente imposíbel se os sindicatos son coherentes, porque mesmo un acordo de mínimos implicaría unha nova distribución dos ingresos, tanto en beneficio do medre dos salarios como da redución da xornada, tendo en conta o continuo crecemento da produtividade. O papel representado por este sindicalismo atado á patronal ven sendo denunciado pola CIG. Así o facía seu secretario xeral, nas manifestacións realizadas o pasado 9 de xuño, na intervención recollida no Avantar na que se refería: ”ao novo acordo social asinado entre o Executivo de Pedro Sánchez, a patronal e os sindicatos españois, que cualificou de "nova reforma laboral", que non garante o emprego nin os ingresos das familias, que deixa en exclusiva nas mans da patronal as decisións sobre a continuidade e duración dos ERTE, ao tempo que se desvían cartos da Seguridade Social, o FOGASA e o SEPE para financiar as empresas”

Nas últimas décadas produciuse unha importante redistribución do excedente a costa da contracción das empresas que teñen un papel subalterno dentro do capitalismo

Nas últimas décadas produciuse unha importante redistribución do excedente a costa da contracción das empresas que teñen un papel subalterno dentro do capitalismo, como parte do proceso de centralización e concentración da riqueza e do poder, que é consubstancial co capitalismo, especialmente nesta etapa de globalización neoliberal. Todo o indica que o fraccionamento dos partidos sistémicos ten moito que ver con este axuste. Agora ben, para que estas empresas seguiran cumprindo ese papel intermedio na cadea de valor, e porque unha cousa é deixalas co mínimo de aire e outra esmagalas, abrindo a porta a unha alianza coa clase traballadora, multiplicouse a terciarización, precariedade, a caída dos salarios, e o medre dos ritmos e da xornada laboral, aumentando o protagonismo destes sectores secundarios do capital na explotación. Para logralo acentuouse ao máximo a redución dos dereitos de negociación colectiva, fortalecéronse as medidas represivas contra a mobilización, alentouse a deslocalización, a inmigración masiva e a emigración (neste caso, en países que teñen un papel dependente, colonial, como Galiza). Neste estratexia tivo un papel relevante a hexemonía das clases dominantes sobre cultura e información de masas, para fragmentar e debilitar a esquerda, tanto no eido partidario como sindical (individualismo, cosmopolitismo, etc.).

A pandemia fortaleceu as contradicións a un máximo histórico, tanto as de clase como as existentes entre países, ecolóxicas, raciais, e de todo tipo

Agora ben, a pandemia fortaleceu as contradicións a un máximo histórico, tanto as de clase como as existentes entre países, ecolóxicas, raciais, e de todo tipo, e non semella que se podan resolver con remendos, e moito menos pensar que abondará con endebedarse para volver ao punto de partida, para que todo siga igual. Evidentemente sempre existe unha saída para o capital, máis opresión e explotación, precariedade e marxinación. O capitalismo non se vai suicidar, a cuestión está en se a agudización das contradicións é aproveitada para construír ou, no seu caso, fortalecer o suxeito transformador, comenzando polo partido e seguindo polos sindicatos e organizacións de todo tipo. E sendo verdade que neste aspecto ten unha gran importancia o contexto exterior, as relacións e experiencias internacionais, a ruptura é impensábel sen que cada país constrúa o cambio e empurre a roda da historia. E neste papel non hai nación pequena, nen suxeito predestinado.

https://obloguedemera.wordpress.com/