Opinión

Non hai liberación sen suxeito transformador

As clases dominantes sono, tanto porque teñen o poder económico, como porque isto lles permite exercer a hexemonía sobre a información, a cultura de masas e as institucións políticas

As clases dominantes sono, tanto porque teñen o poder económico, como porque isto lles permite exercer a hexemonía sobre a información, a cultura de masas e as institucións políticas, directamente ou utilizando intermediarios. Isto foi sempre así, agás en determinadas conxunturas como consecuencia da loita popular e/ou polas contradicións no seo da burguesía. O actual non semella ser un destes momentos de debilidade do capitalismo, nen a nivel internacional, nen no marco da UE, nen no Estado español, nen na Galiza. O retroceso da mobilización social e política con obxectivos estratéxicos é evidente, especialmente no ámbito sindical. Isto non significa que desaparecese, senón que ten un carácter esporádico, local e defensivo. 

O certo é que hai máis razóns que nunca para unha transformación radical do sistema económico e social e para reclamar a soberanía, unha democracia real, e unha cultura popular. A desfeita ecolóxica, os problemas demográficos, as migracións masivas e forzadas, o retroceso nas condicións laborais, nos salarios, nos servizos, prestacións públicas e nas pensións, a destrución cultural e lingüística, o reducionismo da historia, así como o avance da especulación, da corrupción, da economía delituosa, e das destrutivas intervencións imperialistas, evidencian un capitalismo na súa etapa senil, como acertadamente o caracterizara o teórico marxista Samir Amin. 

Hai máis razóns que nunca para unha transformación radical do sistema económico e social e para reclamar a soberanía, unha democracia real, e unha cultura popular

Porén, non se trata só de deixar constancia destas lacras do capitalismo globalizador e neoliberal, ou sexa, do axer do imperialismo neste intre, senón de analizar o porque deste comportamento, e a que clases e territorios favorece e a cales explota e oprime. E fundamentalmente, cal debe ser o papel do suxeito político, marcando obxectivos a curto, medio e longo prazo que permitan mudar a correlación de forzas e construír unha sociedade con soberanía, sen explotadores nen explotados, de povos libres. Non se fixo tan común a consigna de “Galiza ceibe, poder popular”, porque soara ben, senón porque sintetizaba correctamente os obxectivos principais, a folla de ruta do nacionalismo galego, e o suxeito central. Isto era valido hai catro décadas, mais tamén hoxe, xa que con palabras populares relaciónanse conceitos tan importantes e interdependentes como clase e nación.

Non existe ningunha posibilidade de avanzar na ruptura democrática, no proceso de liberación, sen construción de poder popular. E esta tarefa implica: definir con claridade as etapas e os obxectivos para cada unha delas; socialización do proxecto (medios de información, debate no eido das ideas, formación de cadros, discurso); mobilización social (ocupar a rúa para premer ás clases dominantes e obter visibilidade, xerar conciencia, que gañen protagonismo as clases subalternas); presenza institucional (disputa do poder político, xestión); e un forte tecido organizativo (partido, fronte, militancia activa numerosa e moi formada). Só así a táctica, os métodos de traballo, as sucesivas etapas, a política de alianzas, non serán erráticas e estarán ao servizo do proxecto estratéxico. 

Non existe ningunha posibilidade de avanzar na ruptura democrática, no proceso de liberación, sen construción de poder popular

Dito o anterior, resulta evidente que moitas veces aqueles que din servir as clases populares dan despois prioridade exclusivamente á representación institucional. Valoran (como desexa o sistema) que a mobilización xa non ten un papel determinante, fortalecendo o paternalismo en detrimento da formación da conciencia e do protagonismo das clases subalternas. Porén, para as forzas que reman contra corrente, non é posíbel con esta actitude gañar espazo político neste intre, e superar a conxuntura para dar un paso adiante. Esta postura fortalece as ideas dominantes, e asemade o poder non está disposto a admitir que medren forzas que non sexan confiábeis para o sistema. O oportunismo, as posturas erráticas, por exemplo pedindo un día a independencia e o socialismo, sen marcar etapas, e poucos meses despois, asumindo un programa e discurso reformistas, esquecendo unha perspectiva estratéxica liberadora (mesmo que implique etapas), terminan desorientando a militancia e deteriorando o proxecto. Son actitudes que amosan falta de dirección, claridade, que non se está á altura das necesidades. O povo ollará estas debilidades. Un proxecto político é praxe, ou sexa: o que se di, o que se fai, cando e como se fai, con quen e para quen.

O medre das actitudes paternalistas, a través de comportamentos reformistas ou ultraesquerdistas, son reflexo das eivas de moitos suxeitos políticos que se din transformadores

O medre das actitudes paternalistas, a través de comportamentos reformistas ou ultraesquerdistas, son reflexo das eivas de moitos suxeitos políticos que se din transformadores. No primeiro caso considérase como salvadores/ras supremos as persoas que pola súa formación “intelectual” seica van defender os intereses populares nas institucións (como concelleiros/as, deputados/as). Coidan esencial a súa intermediación, relegando a un papel subordinado os dirixentes laborais e sociais, así como a mobilización e organización das clases populares, a non ser para apoiar as campañas electorais. Os obxectivos circunscríbense ás posibilidades dentro do sistema, e as referencias a cambios máis profundos déixanse para os congresos e actos internos de consumo da militancia. O ultraesquerdismo ten no fondo a mesma actitude ideolóxica, de substitución de protagonismo das clases populares. Neste caso propondo obxectivos estratéxicos no inmediato que ignoran a necesidade de etapas previas, e non responden á correlación de forzas existente e ao nivel de conciencia. Unha minoría, de xeito paternalista, salvadora, colócase na vangarda que coidan será axiña seguida pola masa explotada e oprimida, porén que carecería de valor para dar o primeiro paso. Esta é a teoría, unha e outra vez terminada en fracaso na praxe, nalgúns casos de xeito tráxico, para o conxunto das forzas populares. Ideas e prácticas erróneas, analizadas ambas dun xeito brillante por Lenin no Que Facer?. 

Hai quen dirá que esta análise non é moderna, que está máis que vista. Como se as teorías políticas, como as leis sobre a física ou a filosofía, perderan actualidade, como se non fosen unha interpretación da tendencia que reflicte a práctica. Outra cousa é o determinismo ou o axer sen ter en consideración a historia, a caracterización da sociedade, a correlación de forzas, as etapas, etc. Ese sería un erro, unha má copia, mesmo en referencia ás teorías máis modernas.

O suxeito político, o partido, e por extensión o poder popular, é fundamental para a transformación da realidade, para a conquista da liberación nacional e social

O suxeito político, o partido, e por extensión o poder popular, é fundamental para a transformación da realidade, para a conquista da liberación nacional e social. Debe polo tanto estar integrado por persoas capaces de superar os erros ou debilidades existentes nas clases populares, especialmente aquelas que sementa o imperialismo para consolidar ou manter o sistema. En política, as eivas e limitacións no proceso de cambio sempre forman parte do escenario, do obxecto a transformar, non se poden ignorar e moito menos servir para xustificar a derrota. O suxeito revolucionario, liberador, debe ser quen de lles facer fronte e superalas. E cando non é así, cando o suxeito político cae na rutina, nunha folla de ruta errática, nas accións circunstanciais, substitúe o proxecto polo impacto nos medios, abandona a loita de clases, fai un discurso carente de forza e perde ascendente social, cómpre, para evitar a súa desfeita, abrir un forte e reflexivo debate interno, e elixir unha nova dirección capaz de confrontar con éxito os retos presentes e futuros. 

A realidade non vai mudar radicalmente por inspiración divina ou grazas a salvadores supremos. Como di a letra da Internacional: ten que cambiala o povo traballador. E para iso é fundamental o partido revolucionario (e ademais en determinados lugares e etapas unha fronte ampla), un programa para cada etapa, unha folla de ruta e métodos de traballo correctos. Non chega con laios, con lle contar ás clases subordinadas como viven, algo que coñecen en carne propia. É esencial socializar a caracterización da sociedade para elevar o nivel de comprensión da realidade, cales son os mecanismos de poder e o papel dos distintos actores. A situación non se vai transformar exclusivamente con esforzo, cómpre ter proxecto e referentes que transmitan con claridade, que sexan quen de conectar co povo (nun mundo onde os medios teñen un papel importante). Cómpre un proxecto transformador, atrevemento, teimosía, ser e sentirse parte das clases populares e dunha nación. Non hai atallos! Non hai salvadores supremos! Non hai determinismo histórico! 

http://manuelmera.blogaliza.org/