Opinión

Non hai liberación sen folla de ruta

Dende a caída do chamado socialismo real, co avance da globalización neoliberal e do pensamento único, houbo un recuar evidente das clases populares, da soberanía das nacións e da democracia. Todo en beneficio da concentración e centralización da riqueza e do poder nos grandes grupos económicos e fortunas.

Dende a caída do chamado socialismo real, co avance da globalización neoliberal e do pensamento único, houbo un recuar evidente das clases populares, da soberanía das nacións e da democracia. Todo en beneficio da concentración e centralización da riqueza e do poder nos grandes grupos económicos e fortunas. Os resultados: un menor peso do movemento sindical e dos dereitos laborais nos países do centro do sistema, así como a sacralización dos bloques económicos (imperialistas). Mais, hoxe resulta evidente o aumento do reaxer dos pobos contra o poder político que consideran lonxano e refractario aos seus intereses. Esta contestación volve poñer máis unha vez en primeiro plano na Europa a xustiza social e a democracia; mais tamén a soberanía, polo medre das contradicións territoriais. Estes son os aspectos que teñen en común conflitos tan distintos como os de Escocia e Cataluña, reivindicando a independencia e unha representación directa en Bruxelas, e os de Crimea, Donetsk e Lugansk, opóndose ao golpe neofascista en Kiev e proclamando repúblicas populares. 

"A gran burguesía nesta etapa do capitalismo é sempre imperialista, e  que as nacións dependentes reproducen como unha mala caricatura o proxecto dominante"

En todas estas nacións e rexións latexa con forza a cuestión identitaria, esmagada pola globalización e o imperialismo económico e a alienación cultural imposta polos medios. Porén, o que acendeu a fogueira da confrontación é, ademais da marxinación e dun trato inxusto, o convencemento de que esta situación non mudará só cun cambio na correlación de forzas e con algunhas cesións. Albiscan que a gran burguesía nesta etapa do capitalismo é sempre imperialista, e  que as nacións dependentes reproducen como unha mala caricatura o proxecto dominante, polo que a asociación de soberanía nacional, xustiza e democracia, son a resposta lóxica das clases populares. Comprenden, polo súa práctica, que só poden incidir sobre o poder político se este está próximo, e que nun mundo globalizado necesitan interlocutores propios alí onde se deciden ás liñas estratéxicas (ben sexa en Bruxelas, Moscova ou Washington). 

Nesta folla de ruta, como en moitos outros movementos populares, non se propón a ruptura co capitalismo para poder construír un modelo económico e social no que se redistribúa o traballo e a riqueza en función do esforzo de cada quen. Un sistema autocentrado e sustentábel. Un  modelo respectuoso e solidario, defensor das culturas e linguas dos pobos, das soberanías nacionais, dos dereitos individuais e da democracia ao servizo do pobo. Unha alternativa sen imperialismos. As propostas son menos ambiciosas e teñen como obxectivo conseguir o respecto pola cultura propia e a democracia, e reconquistar ou acadar un utópico “estado de benestar” que seica existiu na Unión Europea antes da crise (o axuste a prol das clases dominantes e os territorios máis fortes). 

"Por mor da globalización neoliberal e a revolución científico-técnica, o capitalismo conta cunha inmensa man de obra de reserva".

Agora ben, para alén da mitificación dun capitalismo ideal, que só se deu nalgúns estados e por moi pouco tempo, e grazas á explotación do “terceiro mundo”, todo indica que mesmo ese escenario non se volverá dar.  Hoxe, por mor da globalización neoliberal e a revolución científico-técnica, o capitalismo conta cunha inmensa man de obra de reserva. Porén unha maioría do sindicalismo e da esquerda non está preparada nen disposta á confrontación, e non existe un bloque político-militar cun modelo alternativo (comparábel ao que foi a Unión Soviética). A clase dominante non precisa facer concesións á clase traballadora. Pode que tampouco puidese, xa que a confrontación prioritaria é coas potencias emerxentes e cos grupos económicos estritamente delituosos.  

Polo tanto, a folla de ruta en Escocia, Cataluña. Donetsk e Lugansk, así como noutros procesos no resto mundo, non está en función da clase obreira senón da chamada clase media acomodada. Estes sectores son os que dirixen o proceso, ao que se unen os primeiros, xa que tamén significaría un avance nas súas condicións laborais e de vida, ou en aspectos exclusivamente democráticos. A conformación desta fronte de clases é positiva. O aspecto negativo é que se faga na maior parte das circunstancias renunciando a clase obreira a ter un papel central, xa que resulta evidente que carece dun protagonismo específico e dunha estratexia na que contemple ademais dunha folla de ruta para esta etapa, unha teorización do proceso posterior, e unha divulgación dos obxectivos a longo prazo, que permitan un cambio cualitativo. 

Non se trata só de que a liberación poda implicar varias etapas, que sempre serían consecuencia da caracterización da sociedade, senón de que se socialicen os obxectivos para cada período, ou sexa: unha folla de ruta, unha andaina, un programa para o cambio. De non facelo así, na práctica, prepararanse a militancia e os simpatizantes para que asuman exclusivamente os obxectivos conxunturais. Deste xeito convértese a etapa na única referencia, para alén do que digan os textos fundacionais e as intencións da dirección. Historicamente o programa para a conxuntura nos procesos de liberación eran asumidos nos países dependentes por unha fronte; nestes casos o partido de clase ademais de xogar un papel central, predicaba e acumulaba para as reivindicacións estratéxicas. Mais, en moitos países, os partidos de “vangarda” fóronse diluíndo nas frontes polo que se perdeu o horizonte estratéxico, favorecendo a hexemonía ideolóxica das clases dominantes. 

"Os partidos de “vangarda” fóronse diluíndo nas frontes polo que se perdeu o horizonte estratéxico, favorecendo a hexemonía ideolóxica das clases dominantes". 

Pensar que o medre da opresión e da explotación, e a mobilización por problemas concretos, mesmo acadando éxitos conxunturais e sectoriais, vai xerar de por si, conciencia política abondo como para  derrotar o sistema, é unha concepción errónea, carente de toda lóxica. Para que avance a conciencia política cómpre socializar no seo das clases populares unha práctica social ligada á análise das contradicións de clase e nacionais, e contar cunha folla de ruta (estratexia) que se vexa como necesaria e factíbel, que garanta unha mudanza na correlación de forzas e a conquista da democracia popular. 

O que está acontecendo en Cataluña e Escocia, por unha banda, e Donetsk e Lugansk, pola outra, sendo procesos distintos teñen en común que as masas populares dunha nación ou rexión dan un paso adiante en política para que se respecten os seus intereses. É un pulo cualitativo importante. Amosa que o sistema foi perdendo parte da súa eficacia, malia o seu enorme poder militar, policial e de control dos medios de información e da cultura de masas. Nestes casos a poboación optou pola vía do referendo, como a folla de ruta para conquistar a liberdade ou evitar réximes neofascistas. Se o conseguen resultará evidente que ese camiño pode tamén ser practicado por outras nacións dependentes de Europa ou por pobos esmagados polo neoliberalismo. Existe asemade, alí onde o poder é refractario á consulta, unha ligazón moi estreita entre mobilización popular e referendo. Mesmo, nalgúns dos territorios do leste de Ucraína propúxose nacionalizar as empresas, un paso adiante transcendental para construír unha sociedade máis xusta. Se cadra sexa esta a razón pola que Putin foi relaxando a súa confrontación co goberno xurdido do golpe en Kiev?

"Cómpren mudanzas máis radicais, sistémicas, tanto para garantir os avances sociais, como para preservar culturas e linguas e unha democracia real". 

Agora ben, mesmo completando as clases populares esta etapa con éxito, nas nacións dependentes, non se garante nen o reparto do traballo nen da riqueza producida dun xeito máis xusto; cando menos en Escocia e Cataluña. Tampouco está asegurado que se poda normalizar plenamente a cultura e lingua dos países periféricos, nun mundo tan globalizado e máxime se son países integrados nunha UE cada vez máis poderosa e con maiores competencias. Cómpren mudanzas máis radicais, sistémicas, tanto para garantir os avances sociais, como para preservar culturas e linguas e unha democracia real. 

O contexto actual reflicte, por unha banda, que o imperialismo hexemónico é cada vez máis agresivo; pola outra, que a medida que controla mediante a forza novas nacións periféricas tamén se agudizan as contradicións e os problemas do centro. Isto último é moi evidente na Unión Europea, xa que a medida que vai absorbendo novos estados, con niveis de desenvolvemento moi distintos, tamén se agudizan as contradicións sociais e territoriais, malia que beneficie economicamente ás grandes corporacións e fortunas e aos estados máis poderosos. Tamén hai que contar con estas dinámicas, e cos posíbeis escenarios futuros, cando se aposta por unha folla de ruta para a liberación nacional e social. Mais, non hai ruptura se non se ten este obxectivo estratéxico como praxe cotiá desta conxuntura, e neste aspecto é esencial o partido de clase.

http://manuelmera.blogaliza.org/