Opinión

Nkrumah e a independencia de África

Normalmente a historia europea liga á África do sur do Sáhara con culturas moi atrasadas ate a chegada dos europeos, ate que estes impuxeron o progreso a través da colonización. Daquela que “Os motivos que se invocou para xustificala foi o atraso desas culturas e sociedades e, sobre todo, a súa incapacidade para evolucionar. Polo tanto a ocupación aínda que trouxese explotación, escravitude, opresión e crueldades, seica estaría xustificada polo pulo que lle deu a sociedades estancadas. Mais unha sinxela análise da realidade anterior á colonización amosa que se ben había povos con niveis culturais primitivos, o que non implicaba que non estivesen nun proceso de evolución (...) outros tiñan estruturas estatais e sociedades complexas onde se practicaba unha cultura superior, como na Universidade de Tombouctou” (fascículo África Ocupada; Siglomundo; Centro Editor de América Latina; Arxentina 1969)

Á esta colonización seguiulle en practicamente todos os países o proceso de liberación posterior á Segunda Guerra Mundial, que tivo un dos seus momentos de maior auxe hai seis décadas. Concretamente, en pouco máis de medio mes, entre o 1 e 17 de agosto, unha boa parte das colonias francesas accedían á independencia: Dahomei (Benin), Níxer, Alto Volta (Burkina Faso), Costa de Marfil, Chad, República Centroafricana, o Congo francés e Gabón. O acelerado do proceso resulta evidente xa que entre 1960 e 1961 producíronse á maioría das declaracións de independencia das colonias británicas, francesas, italianas... Deron folgos a estes procesos de liberación o ascenso da Unión Soviética como potencia mundial, o fortalecemento do movemento obreiro, e os desexos dos Estados Unidos de se facer un lugar nos territorios ate ese momento controlados en exclusiva por potencias europeas.

O proceso de liberación posterior á Segunda Guerra Mundial, que tivo un dos seus momentos de maior auxe hai seis décadas

O primeiro dos estados ao sur do Sáhara en acadar a independencia sería Gana, en marzo de 1957.  Anos antes, concretamente en 1952, sería nomeado Primeiro Ministro un africano e nacionalista, Kwane Nkrumah. Este contaba co apoio do Partido da Convención do Povo, fundado en 1949, e que axiña acadou unha sólida implantación tanto urbana como rural. No discurso de asunción como Primeiro Ministro definiuse como socialista, marxista e cristián, o que non causou ningunha simpatía nos británicos, aínda potencia ocupante. Perante este período de governo déuselle pulo ao ensino, ás infraestruturas, así como á participación da maioría negra, polo que moitas colonias africanas ollaron en Gana e Nkrumah unha referencia. 

A independencia de Gana fíxose baixo a tutela de Gran Bretaña, que lle impuxo certas disposicións na Constitución “polas que quedaba limitado o uso da nosa liberdade, que constituía unha aldraxe pra nosa soberanía e equivalían ao encadeamento do noso libre desenvolvemento” (África debe unirse; NKrumah; Eudeba, Arxentina, 1965). Pola súa banda Nkrumah coidaba esencial: “Un desenvolvemento planificado, que abranga a unha África unida sobre unha base continental, o que aumentaría o noso poderío industrial e económico xeral (...) e non permitir que se nos tente con vantaxes dubidosas de asociación do chamado Mercado Común Europeo” (África debe unirse). 

No mes de abril de 1958 realizouse en Acra, capital de Gana, a Primeira Conferencia de Estados Africanos Independentes, por iniciativa de Nkrumah. Daquela só eran oito os estados que tiñan esta condición: Exipto, Gana, Sudán, Libia, Tunicia, Liberia, Marrocos e Etiopía. Os temas centráronse en defender a independencia nacional e dar pulo ás relacións económicas. Ademais, para fortalecer a loita anticolonial Nkrumah convocou, en decembro de 1958, unha Conferencia de Todos os Povos de África, non restrinxida aos representantes dos governos e á que acudiron delegados de 62 organizacións nacionalistas africanas. En novembro de 1959 reuníronse en Acra representantes dos sindicatos africanos para constituír unha federación sindical de toda África (All-African Trade Union Federation). O movemento sindical africano sempre estivo moi vencellado coa loita pola independencia, así como no desenvolvemento económico e social.

Nkrumah foi deposto no ano 1966 por un golpe militar a prol dos británicos, exiliouse en Romanía e morreu en Bucarest no ano 1972. Posteriormente sería reivindicado no seu país como unha gran figura patria, porén sen que os que gababan a súa laboura recolleran seus ideais de liberdade plena, xustiza social, e participación. Lembrar que en moitas das colonias de África a liberdade tivérona que conquistar coas armas, como en Quenia, Alxeria, Angola, Mozambique, Guinea Bissau,... 

O remate da etapa colonial de moitos estados africanos é moi recente, se o comparamos cos dous séculos da emancipación dos países de América. Polo tanto todos aspectos negativos da dominación teñen aínda moito peso, e en moitos casos seguen presentes a través do neo-colonialismo. Entre as herdanzas negativas da colonización temos que salientar tamén unha división territorial arbitraria que partillou etnias, verdadeiras nacións de millóns de individuos, e axuntou outras enfrontadas historicamente. Isto é aínda hoxe caldo de cultivo de conflitos internos, mesmo armados, que son  alentados polas potencias, por intereses económicos e de estratexia imperialista. Se cadra a maior novidade da derradeira década sexa a presenza económica de China neste continente, destacando tanto como socio comercial como polos seus investimentos en infraestruturas. Unha competencia coas vellas potencias coloniais e os Estados Unidos. En principio ten efectos positivos. O tempo dirá se non se trata só dunha substitución de potencias?

Para fortalecer a loita anticolonial Nkrumah convocou, en decembro de 1958, unha Conferencia de Todos os Povos de África

África negra, esa gran descoñecida, non sendo pola masa inmigratoria a Europa, pouco ou nada valorada, está conformada por nacións moi diversas, algunhas ate fai ven pouco en estado tribal, porén outras construíron estados extensos e mesmo imperios (Benin, Gana, etc) que comerciaban co exterior e foron centro de cultura (como Tombouctou). Todas desenvolveron a artesanía e cultura propia. Estas nacionalidades habitan un continente con importantes recursos, especialmente minerais, que son espoliados polas potencias, mesmo a costa de guerras con grandes custes en vidas humanas. E mentres se fala de solidariedade e dánselle esmolas cunha man, coa outra, chuchásenlle enormes riquezas, recreando deste xeito o atraso e a dependencia. Por isto ten moita relevancia o que fixeron e dixeron figuras senlleiras, xurdidas da realidade africana e que sementaron arelas de liberdade, como NKrumah, Lumumba, Samora Machel, Amilcar Cabral ou Sankara. 

https://obloguedemera.wordpress.com/