Opinión

As negociacións Estado-Generalitat tamén nos implican

A confrontación que se está a dar, co gallo da proposta do indulto os/as presos políticos cataláns, entre os socios do Governo central e a oposición de dereita (PP, VOX e Ciudadanos) non fai máis que escenificar as posturas antagónicas respecto do tratamento da cuestión das nacións periféricas no Estado español. Daquela, por unha banda, dáse a actitude inmobilista do PP, negadora de calquera negociación respecto do Estado das Autonomías, e mesmo de VOX e Ciudadanos pedindo a súa eliminación. Mentres que, por outro lado, o PSOE estaría aberto á negociación, aceptando o Estatuto de Cataluña aprobado no ano 2006, recorrido polo PP e machacado polo Constitucional en 2010. Neste senso hai que entender a suxerencia de Salvador Illa dunha reforma do Estatuto de Cataluña e un referendo para aprobalo.

ERC terá que conseguir un avance importante na autonomía, nomeadamente reformas que superen o Estatuto de 2006, ERC terá que conseguir un avance importante na autonomía, nomeadamente reformas que superen o Estatuto de 2006

A proposta de indulto polo Governo central dos presos/as cataláns, non dos que se exiliaron (por que esta diferenza?), e conxelar a vía unilateral por parte da Generalitat, así como unha reforma do Estatuto Catalá sería o punto de partida (co mesmo texto que en 2006?). Sen dúbida esta vía, pola que apostan especialmente o PSOE+UP e Esquerra Republicana de Catalunya (ERC), non está exenta de atrancos, mesmo dentro do campo do soberanismo catalán. Por parte da CUP, porque quere representar aos sectores máis de vangarda da sociedade catalá tanto na cuestión nacional como na social. E JxCat porque na procura de recuperar a hexemonía na última década utiliza a loita pola independencia, e a postura ofensiva e prepotente do españolismo, como punta de lanza dun relato primario, dado que no económico e social mantén posturas menos progresistas que ERC.

Polo tanto, ERC terá que conseguir un avance importante na autonomía, nomeadamente reformas que superen o Estatuto de 2006, para que neste marco poda arrastrar a estas outras tendencias do nacionalismo catalán, á súa esquerda e dereita, e saír ben parado desta iniciativa. Aínda que para ser aceptado polo PSOE, neste contexto histórico e nesta correlación de forzas, é improbábel que esta reforma abranga o dereito de autodeterminación (máis si, por exemplo: o carácter plurinacional do Estado, maior presenza na UE, e un aumento de competencias blindadas?).

Agora ben, non se pode obviar que unha saída deste tipo, mesmo sendo limitada e aínda ficando a moita distancia dos obxectivos do independentismo catalán (máis tamén vasco e galego), teríase que alargar necesariamente como mínimo a Euskadi, e colocaría nunha situación moi difícil ao PP na Galiza que se vería forzado a reclamar idénticas competencias como nacionalidade histórica (tamén empurraría o PSG tan morno nesta cuestión). Núñez Feijóo e o PP galego están máis cómodos no rexeitamento á independencia de Cataluña, que hoxe conta cunha maioría social, que modificaría unha proposta dun Estado federal e o recoñecemento do carácter plurinacional do Estado.

Trátase dunha folla de ruta difícil de transitar, mais é a única posíbel para avanzar nesta conxunturaTrátase dunha folla de ruta difícil de transitar, mais é a única posíbel para avanzar nesta conxuntura

Resulta evidente que a dereita sistémica vai facer o imposíbel por torpedear a negociación entre o Governo central e a Generalitat, e tamén contará coa oposición de sectores do PSOE. Trátase dunha folla de ruta difícil de transitar, mais é a única posíbel para avanzar nesta conxuntura. As outras dúas alternativas a esta vía son: unha revolta social, con todo o que implica, e non ten garantido o éxito e apoios exteriores; ou manterse o soberanismo na súa barricada, renunciando á iniciativa e nun contexto no que toda a capacidade coercitiva está en mans do Estado, cando como consecuencia da pandemia, da desfeita ecolóxica e da confrontación entre potencias, estanse tomando decisións estratéxicas, sobre as que hai que incidir e polo tanto contar coa máxima presenza e protagonismo nas institucións (tamén na mobilización e loita das ideas).

Facer realidade os obxectivos estratéxicos, non é só cuestión de mantelos presentes no discurso, senón sobre todo de transformar acotío a realidade, de ter atrevemento, teimosía, iniciativa, de sermos quen de acadar o máximo en cada intre, en función da correlación de forzas, da tendencia dominante. E, ao final de cada etapa, acumular experiencia e forzas, e volver a preparar un novo asalto ao poder hexemónico das clases dominantes. Cómpre estar atentos ao que pase nestas negociacións, tamén nos implican.

https://obloguedemera.wordpress.com/