Opinión

Nebra, historia dunha infamia

Este foi o título escollido por Xerardo Díaz Fernández para o seu libro sobre os tráxicos acontecementos ocorridos na parroquia de Nebra, no concello de Porto do Son, o 12 de outubro de 1916. Cinco persoas mortas, das cales tres faleceron con posterioridade aos feitos por mor das feridas. Catro das vítimas son mulleres, o que as coloca na primeira liña da confrontación. Os nomes dos mortos/as son os seguintes: Rosa Cadórniga Maneiro, Francisca Carou, Antonio Sobrado Luaces, Ramona Súarez Pouso, e Xenerosa Vidal. Gañaron o dereito a ser lembradas, forman parte dese exército, inmenso na Galiza, de loitadores/as anónimos a prol da xustiza, a dignidade e a liberdade.

O número de persoas feridas chegou ás corenta. Das feridas de gravidade, que non morreron, nove foron levadas a Compostela, cinco homes e catro mulleres. Das que foron hospitalizadas, con ferida de bala, sabemos as idades; ían dos 16 ate os 59 anos. Son dados que reflicten que a represión da Garda Civil foi ao chou (un capitán, 2 tenentes, e 32 “números”). O motivo da protesta dos 300 labregos/as, que se axuntaron no lugar de Cans, era evitar o embargo dunha vaca a un veciño por impago do imposto especial. Este trabuco fora decidido pola corporación municipal, que deste xeito quería saldar o déficit nas contas do Concello de 1915, que a Deputación da Coruña lle esixía saldar. Segundo a Garda Civil, a protesta violenta contra o embargo contou coa complicidade da Liga Agraria de Nebra que intentou recuperar o animal requisado, polo que se fixo inevitábel a utilización da forza.

Segundo a Garda Civil, a protesta violenta contra o embargo contou coa complicidade da Liga Agraria de Nebra

Malia que as autoridades culparon os labregos e labregas de que fose inevitábel a represión do 12 de outubro, e así o divulgaron moitos dos xornais da época, resulta evidente que non era certo. As persoas que intentaron evitar o embargo non portaban fouces ou calquera outro trebello de traballo que permitise unha agresión, tal como se evidencia no feito de que só houbo dous gardas con contusións leves. Mentres que pola contra, unha vintena de veciños foron feridos de bala, algúns con máis dun disparo. Asemade, os labregos/as fixeran previamente xestións para evitar a cobranza ou adiala no tempo, tanto diante do Concello como do Governo Civil, sen ningún resultado positivo.

Era un imposto inxusto, polo que a corporación municipal xa esperaba o rexeitamento dos veciños/as cando o aprobou o 12 de xaneiro de 1916. A Liga Agraria de Nebra toma a iniciativa da resposta á aldraxe e convoca a veciñanza a unha manifestación o 3 de abril fronte ao Concello, esixindo a dimisión da corporación. O comercio pecha as portas, uns por solidariedade e outros por medo. As autoridades municipais non reciben os concentrados, o que alenta o descontente. Fálalles o presidente da Protección Obreira de Porto do Son, Xosé Ferrín, para calmar os ánimos, e despois un estanqueiro da vila. Ao final, os presentes berran: "Morran os caciques! Viva a unión dos labregos e traballadores!! Nisto apareceron tres parellas da garda civil armados con fusiles e comezaron a repartir golpes, mallando na xente coas culatas.

Foron detidos cinco veciños. Para pedir a súa liberdade realízase unha manifestación até Noia, á que se achegan veciños/as do Son, de Noal, Nebra e Portosín, aos que se lle axuntaron xentes da vila, ate sumar un milleiro de manifestantes que se concentraron nas portas do xulgado. Diante desta demostración de forza, o xuíz deixou en liberdade os presos que foron levados a ombreiros polas rúas de Noia. No mesmo mes de xuño, convocouse unha nova mobilización no Porto do Son, xa que o tema de fundo, o imposto especial, seguía vixente. Reuníronse diante do Concello tres mil veciños/as de todas as parroquias. Desta volta a Garda Civil non fixo acto de presenza até que se disolveu a concentración. Logo deste acto de protesta masivo, a corporación presentou a dimisión diante do Gobernador (do Partido Liberal), mais este non a acepta, agravando así o conflito.

Despois dos tráxicos acontecementos, o xuíz decretou a clausura da Liga Agraria de Nebra e da Protección Obreira de Porto do Son. Produciuse axiña un forte movemento de solidariedade do movemento obreiro, de republicanos, socialistas e galeguistas. O 29 de outubro celebrouse un mitin no teatro Rosalía de Castro da Coruña, ao que asistiron 3.000 persoas, para protestar polos sucesos de Nebra, nas que interviñeron, entre outros, Casares Quiroga, concelleiro, en nome dos republicanos, e Durán García en representación de Solidaridad Gallega. Ao final do mitin, celebrouse unha manifestación á que asistiron 4.000 persoas, segundo o Faro de Vigo. O 3 de novembro, realizouse en Compostela unha asemblea de estudantes da universidade para rexeitar a represión en Nebra.

Tivo o día 20 de novembro lugar en Compostela unha asemblea de solidariedade á que asistiron organizacións obreiras e agrarias, e asociacións culturais de toda Galiza

Tal como se pedira no mitin da Coruña, tivo o día 20 de novembro lugar en Compostela unha asemblea de solidariedade á que asistiron organizacións obreiras e agrarias, e asociacións culturais de toda Galiza. Estaban presentes socialistas e republicanos, traballadores do naval e portuarios do Ferrol, representantes obreiros de Vigo, Lugo e Ourense. Úrsula Prieto, Jesusa Criado e Adela Martínez, en nome das obreiras da Coruña. Na asemblea falou Xosé Pasín, dirixente obreiro local, que formaría parte da Irmandade de Compostela, fundada o 28 de maio de 1916. O Faro de Vigo salienta que había moitos obreiros, mariñeiros e estudantes na asemblea, e que Rey Artal, do Sindicato de Oficios Varios de Compostela, pediu que despois desta asemblea se fixese un Congreso para crear unha Federación Obreira Galega. As principais decisións tomadas, ademais de manifestar a solidariedade cos labregos/as, serían: esixir a dimisión do gobernador e que se castigasen os culpábeis. O Faro de Vigo e o Diario de Galicia salientan, dada a súa excepcionalidade na época, que o Sr. Míguez, da Sociedade de Agricultores de Ventosela, falou en galego neste acto público, pedindo a rexeneración do país.

No primeiro número de A Nosa Terra coincidente co aniversario da traxedia, en outono de 1917, (lembremos que este periódico naceu o 14 novembro 1916 no seu segundo período), afirmábase: “Vítimas de Nebra, os bos galegos nunca vos esquecerán!”. Daquela, era o voceiro das Irmandades da Fala, que foron fundadas en maio de 1916. Cómpre lembrar que nas Irmandades integráronse moitos militantes que formaran parte da organización político-agraria “Solidaridad Gallega” que tivo un papel destacado nas asembleas agrarias, no fomento do sindicalismo rural, da loita contra os foros e caciques, e na modernización agraria. Entre eles temos a: Carré Aldao, Rodrigo Sanz, Lugrís Freire, Tettamancy, etc. Neste aspecto, un dos fundadores das Irmandades da Fala, Luis Porteiro Garea, destacouse polo seu anticaciquismo e o seu compromiso cos labregos. Como tal, foi concelleiro en Compostela, “o que o levou á cadea cando os sucesos de Nebra” (1).

Naquel intre existía un grao importante de organización no agro galego. Nebra non foi un reaxer espontáneo, unha arroutada. Había socialización das propostas reivindicativas do agro e unha conciencia de povo marxinado no económico e cultural. Lembremos que un ano antes, realizárase a 6ª Asemblea Agraria en Redondela, baixo a presidencia de Rof Codina (Solidaridad Gallega). Ademais, a “Liga de Labradores de Nebra”, que levaba anos fundada, tiña un retrato de Basilio Álvarez (Acción Gallega) pendurado dunhas das paredes da sede, e mantiña relación con outras asociacións agrarias. Díaz Fernández tamén nos indica no seu libro (ed. Ediciós do Castro), que existían outros 450 sindicatos agrarios na provincia, e que “Protección Obrera” de Porto do Son era considerada unha entidade de anarquistas polos “mandamáis” na comarca. Os sindicatos agrarios comezaron a xurdir en 1906, aproveitando a Lei que permitía a asociación labrega para mellorar a produtividade. En pouco tempo, adquiriron na Galiza un carácter reivindicativo e político, e sobre todo, antiforal e anticaciquil. Tamén houbo un sindicalismo agrario católico cinguido exclusivamente ao aspecto técnico. Solidaridad Gallega, Acción Gallega, a Unión Campesiña, o Directorio Antiforal de Teis, e o Comité Antiforista de Becerreá, foron expresión das distintas tendencias políticas na loita agraria. Como exemplo da dimensión e organización do sindicalismo agrario da época temos que, no ano 1922, a “Confederación Regional de Agricultores Gallegos” reúne 419 sociedades, e rente dos 62.000 afiliados/as.

Naquel intre existía un grao importante de organización no agro galego. Nebra non foi un reaxer espontáneo, unha arroutada

A mobilización reivindicativa dos labregos e labregas de Nebra non era un feito illado. Nesa mesma época déronse situacións semellantes en Oseira en 1909, Sofán en 1919 e Guillarei en 1922, por nomear as máis coñecidas pola violencia coas que foron reprimidas. En todos estes feitos, a xustiza brillou pola súa ausencia, aínda que nalgúns casos, como en Nebra, as clases dominantes víronse obrigadas a facer concesións, mais sen mudar no esencial. Evidentemente houbo debates parlamentares auspiciados pola oposición, dimisión dalgunha autoridade menor e como estratexia do poder, deixar que o tempo fose esvaecendo os masacres. Algúns dos nosos escritores/as e políticos máis sobranceiros denunciaron con contundencia dende o século XIX, o trato vexatorio que recibía o rural galego, como foi o caso de Rosalía de Castro, Lamas Carvajal, Leiras Pulpeiro, Basilio Álvarez, Ramón Cabanillas, Castelao, etc. Porén, non se pode ignorar que a resposta máis forte e teimosa sempre viu dos/as propios afectados. E a maior solidariedade, da clase obreira, malia os custes da represión sistémica en ambos os casos.

(1) http://www.aelg.org/centro-documentacion/autores-as/victorino-perez-prieto/obra/679/galegos-e-cristians-deus-fratresque-gallaeciae/texto/8

http://manuelmera.blogaliza.org/