Opinión

O nacionalismo colle impulso

Todo amosa que o nacionalismo quere recuperar a iniciativa no 2015, logo de dous anos nos que a inmensa maioría das mobilizacións tivo un carácter defensivo e fragmentado, e nas que estivo presente fundamentalmente como forza de apoio solidario. 

Todo amosa que o nacionalismo quere recuperar a iniciativa no 2015, logo de dous anos nos que a inmensa maioría das mobilizacións tivo un carácter defensivo e fragmentado, e nas que estivo presente fundamentalmente como forza de apoio solidario. Aínda así, alén dos actos reivindicativos e conmemorativos, hai que destacar no 2014 que o BNG convocase unha acción para arrodear o Parlamento en Compostela, en reclamación dunha República Galega, co gallo da sucesión monárquica. Tampouco se pode esquecer a concentración en protesta pola visita de Merkel, neste caso en unidade coa CIG. Esta mobilización tiña como finalidade amosar o rexeitamento á dirixente máis importante da Unión Europea, que tanto se ten destacado polas medidas de austericidio e o apoio incondicional á OTAN e ás súas accións bélicas en medio mundo. 

"As manifestacións e actos de protesta, ben sexa laboral, social, lingüístico, ou doutro tipo, non deixaron de medrar".

As manifestacións e actos de protesta, ben sexa laboral, social, lingüístico, ou doutro tipo, non deixaron de medrar. Mais ao mesmo tempo, fóronse reducindo as respostas masivas, cun carácter máis xeral, e polo tanto devecendo no imaxinario colectivo a importancia de ocupar a rúa con obxectivos estratéxicos. Esta eiva, aínda que sexa conxuntural, deu máis folgos a aqueles que se presentan como salvadores do noventa e nove por cento da sociedade, sen máis axuda que a obtención do voto cidadán e o apoio dos medios. Seguramente esperaran que tamén os empurren algo o Papa e o Rei, e a iso se debe que Pablo Iglesias destaque todo o que digan de positivo nos seus discursos, obviando as contradicións coa práctica, que para os marxistas sempre foron o fundamental (mais... é verdade que el non é de esquerdas nen de dereitas). Estes serían uns apoios que non lle virían mal a Podemos para poder cumprir coa promesa de  reparto do poder e da riqueza, xa que é unha tarefa que, sen derrotar o capitalismo, ou cando menos contar cunha forza numerosa e moi organizada que dispute a rúa, se presenta como complexa; a historia mesmo di que imposíbel. Porén, as ilusións teñen moita forza, e son moi beneficiosas para chegar a gobernar, o problema é que despois hai que cumprilas. Lembremos que Felipe González, que se presentaba como paladín do cambio, cando saíu da clandestinidade o primeiro que fixo foi pactar a transición, el e o seu partido renunciaron á República (como tamén o PCE), e aos poucos anos apostaba pola entrada na OTAN. 

Alén de denunciar con argumentos os proxectos radicais no verbal, máis que non rachan co sistema, o primordial para o nacionalismo é recuperar a iniciativa na mobilización e nas alternativas. Amosando así, que ademais de estar estreitamente ligado as inquedanzas das clases populares galegas, sempre tivo unha folla de ruta e iniciativa necesaria para acadar a liberación nacional e social. Por iso teñen unha gran importancia as próximas mobilizacións convocadas por varias forzas do nacionalismo para os vindeiros meses. Concretamente refírome: á manifestación en defensa da lingua galega para o vindeiro 8 de febreiro; á folga estudantil do 26 do mesmo mes contra o desmantelamento do ensino público; e o calendario de mobilizacións para 2015 programado pola CIG a prol dun traballo digno, así como o chamamento de Suso Seixo ás centrais da UE para realizar unha folga xeral contra os tratados de libre comercio que están a negociar en segredo, especialmente o TTIP (cos Estados Unidos) pola súa relevancia . 

"Teñen unha gran importancia as próximas mobilizacións convocadas por varias forzas do nacionalismo para os vindeiros meses". 

Sendo estas iniciativas un paso adiante, asemade non se deberían desatender os seguintes aspectos, para que os efectos non se reduzan ao día da mobilización: 

a) É necesario que o proxecto político do nacionalismo sexa ollado pola sociedade coa máxima claridade. Para o que é esencial, que no programático se sintetice para conseguir a máxima divulgación, e que deste xeito forme parte do imaxinario colectivo. Por exemplo, en obxectivos como: traballo digno para todos e todas; servizos e prestacións sociais de calidade e suficientes; fiscalidade progresiva; defensa e pulo da actividade produtiva; nacionalización da banca, enerxía e telecomunicacións, e dar pulo ao cooperativismo; unha economía autocentrada e sustentábel (preservar o medio ambiente); igualdade de trato a todos/as os cidadáns calquera sexa o seu xénero, raza ou orientación sexual; defensa e potenciación da cultura e linguas nacionais; democracia participativa; soberanía plena; solidariedade internacional e paz; saída do euro, da OTAN e da UE. 

b) Para acadar estes obxectivos estratéxicos precísase o medre da conciencia política, dunha enorme organización, da mobilización permanente e dun cambio positivo da correlación de forzas nas institucións. É dicir, é fundamental unha militancia ben formada, cunha proposta programática clara (como xa se indicou) e que incida nos aspectos que preocupan e unen as clases populares, unha folla de rota que contemple as etapas do proceso de acumulación e de avances no social, democrático e nacional. É dicir, fai falla a socialización do proxecto e das propostas, atrevemento político e moita teimosía... A cuestión dos medios de comunicación é transcendental. Agora ben, o problema non é só aparecer nos medios, senón como e con que mensaxe... Exclusivamente coa descualificación das medidas tomadas polos clases dominantes, por máis negativas que sexan para o povo, non se constrúe o cambio se non se ofrece un camiño alternativo que se vexa como posíbel, mesmo pode alentar o derrotismo... De pouco vale estar presente en todos os conflitos, se as clases populares non comproban que hai capacidade para convertelos en factor de cambio... 

"A liberación nacional e social na Galiza, no contexto xeopolítico actual da Europa, só se pode acadar a través da loita política". 

c) A liberación nacional e social na Galiza, no contexto xeopolítico actual da Europa, só se pode acadar a través da loita política. Ou sexa, mediante cambios progresivos na correlación de forzas, no ámbito social, económico e institucional, que permitan construír o poder popular e producir unha ruptura democrática. Polo tanto, aínda que é fundamental aprender doutros procesos de liberación, a nosa evolución histórica e realidade económico social non é semellante á dos países de Asia, África e América Latina, porén tampouco á de Catalunya e Euskadi. Ten aspectos en común con todos eles, mais, por exemplo, Galiza non tivo, nen ten o mesmo papel económico dentro do Estado español, aínda que padezamos a mesma opresión política e cultural. 

Polo tanto o nacionalismo galego non debe copiar. Ten que construír o seu propio camiño. E para iso é esencial o debate, a análise, tirar conclusións da experiencia política do nacionalismo e da historia do noso povo. Nomeadamente, en relación ao bipartito, non se pode obviar que previamente  o nacionalismo acadou o seu maior apoio electoral despois de grandes mobilizacións sociais  (Nunca Máis, Non á Guerra, folgas xerais de 2001 e 2002, etc.). Que se fixo mal durante ese período? Foi todo, ou algunhas cousas que a xente consideraba simbólicas? Esperaban máis do nacionalismo?... no nacional?... no social?... en ambos os aspectos? Esa etapa non se pode saldar pasando a páxina, ou con respostas simplistas. Cómpren matizacións, afastar a palla do grao, cómpre separar as cousas ben feitas daquelas ideas, actitudes e feitos que traizoaron un proxecto que tanto esforzos custou erguer á militancia durante as tres décadas anteriores.  

"Tamén coido moi relevante que as loitas sectoriais e locais, ou conxunturais, converxan na mobilización cos proxectos políticos e teñan un ámbito nacional"

d) E por último, xa máis no fío das próximas mobilizacións, coido que neste marco é esencial que a campaña previa sexa longa e ben planificada, a fin de que chegue ao conxunto da sociedade, que non fique reducida aos núcleos de persoas máis sensíbeis ou achegadas. Asemade é chave que se planifique o día despois, ou sexa, que non exista unha actitude pasiva senón activa en relación coa divulgación do que aconteza ese día. A campaña mediática é tanto ou máis transcendente que os propios actos en si, e deixalo todo en mans da boa vontade dos medios sistémicos é de inocentes ou de irresponsábeis. Deste xeito a sociedade percibirá, que non se fan as mobilizacións como meros actos de propaganda política, senón que forman parte do proxecto de cambio, da folla de rota estratéxica. 

Tamén coido moi relevante que as loitas sectoriais e locais, ou conxunturais, converxan na mobilización cos proxectos políticos e teñan un ámbito nacional, a fin de ofrecer na rúa ao povo galego a posibilidade de ollar e apoiar as propostas de cambio e folla de rota para conquistalas. Sería un salto cualitativo. Campañas xerais e unitarias que se deben manter no tempo, por exemplo durante todo 2015 (un ano que ademais terá a súa importancia no eido institucional), e que cómpre continuar con posterioridade. Deste xeito o nacionalismo galego ligaría, na práctica, reivindicacións locais e sectoriais, mobilización, proxecto estratéxico, democracia popular, marco nacional. Unha mobilización social e política que debe ligar a sindicatos e partidos, organizacións sociais e culturais, do noso país. Non sería unha novidade, algo parecido fixemos cando as xornadas de loita de 1978 e a primeira folga xeral de 1984. Non deberíamos esquecer a nosa historia, ou convertela en actos rituais, porque dela podemos extraer moitas ensinanzas. 

http://manuelmera.blogaliza.org/