Opinión

Murguía independentista?

No ano 1893 saíu do prelo un pequeno libriño no que se recollían varios artigos de M. Casás Fernández, que este publicará previamente en varios xornais, coa finalidade de denunciar que Murguía alentaba a independencia de Galiza.

No ano 1893 saíu do prelo un pequeno libriño no que se recollían varios artigos de M. Casás Fernández, que este publicará previamente en varios xornais, coa finalidade de denunciar que Murguía alentaba a independencia de Galiza. O libro ten como titulo “El Regionalismo en Galicia” e foi editado na Tipografía de Ferrer, na Coruña. Casás Fernández, xornalista e avogado, foi alcalde da cidade da Coruña en tres oportunidades, e mesmo presidente da Real Academia Galega de 1942 a 1960 (ou sexa, durante a ditadura franquista). Este texto destaca a importancia da figura de Murguía na loita a prol da soberanía do povo galego, recoñecida tanto polo rexionalismo, como polas Irmandades da Fala, e posteriormente polo Partido Galeguista. 

"Destaca a importancia da figura de Murguía na loita a prol da soberanía do povo galego"

No primeiro dos capítulos, nunha carta aberta a Murguía, afirma: “Non se diga que os rexionalistas de que falo non piden o fraccionamento da nosa nación, senón a autonomía das rexións, porque ao declarar e defender que estas son, como non hai moitos meses manifestou un amigo de V., o Presidente do Centro rexionalista, da cidade de Santiago, verdadeiras nacionalidades e deben polo tanto constituír Estados, é claro que dun organismo, España, pretenden facer eses novos rexionalistas, que por acá se di que reciben inspiración de V. e dos señores Brañas e León, cousa que eu lamentaría polos froitos que produce, outros organismos de igual índole e natureza. Inténtase converter unha nacionalidade noutras múltiples, fraccionando, deste xeito, a unidade da nación española e levantando sobre as súas ruínas esas soñadas nacións,...” Con anterioridade no mesmo apartado recoñece que se cadra isto puido ter unha xustificación no pasado, dadas as humillacións padecidas, “Que estraño é, pois que Faraldo, aquel home todo espírito, abrigase no seu ánimo declarar a independencia de Galiza?” 

Este debate poderíase considerar de actualidade. Daquela coma hoxe, a confrontación dentro dos rexionalistas dábase entre os que consideraban a Galiza como o suxeito principal, e outros que rebaixaban a autoorganización a unha cousa do pasado, e que fan da nosa Patria parte indisolúbel da nación española. Un proceso que Casás define como propio do avance dos tempos, o mesmo que por certo naquel intre repartía África entre as potencias europeas. 

"Confrontación dentro dos rexionalistas dábase entre os que consideraban a Galiza como o suxeito principal, e outros que rebaixaban a autoorganización a unha cousa do pasado"

Outro aspecto a salientar do debate, tanto como para que Casás Fernández esixa a Murguía que rectifique o seu discurso, era a existencia de sectores do rexionalismo que reclamaban un Estado Galego e mesmo a independencia. Debían ter polo tanto importancia na vida política. Un movemento que Casás retrotrae á Revolución de 1846 (e que algúns historiadores actuais ocultan, no que sería unha reinterpretación do noso pasado, ao negar antecedentes á loita pola liberación nacional). Ademais, esta confrontación dialéctica liga claramente, en materia de obxectivos políticos, o provincialismo, o cantonalismo, o rexionalismo e o nacionalismo, alén da semántica que se utilice en cada período histórico. Tampouco se pode ignorar o valor de que Casás sexa próximo no tempo aos feitos que se analizan, e por outra banda, que a propia publicación do libro amosa a transcendencia política da cuestión. 

Coido asemade de interese lembrar que, poucos anos antes da saída do prelo deste libriño, Ramón Pérez Costales, deputado pola Coruña, presentou nas Cortes a proposta de “Estatuto de Galicia” de José Sánchez Villamarín, na que se pedía "unha Galiza independente pero parte integrante da nación", aínda que o intento de autodeterminación non prosperou pola pouca duración da I República. 

"Os republicanos federalistas elaboraron de novo en 1883 un proxecto de Constitución para o Estado Galaico".

Os republicanos federalistas elaboraron de novo en 1883 un proxecto de Constitución para o Estado Galaico. Este sería aprobado na primeira asemblea federal galega celebrada en 1886, que elixiu un Consello de Goberno executivo presidido por Moreno Barcia e outros catro membros, un por cada provincia galega. Nesta Constitución  no artigo 2 dicíase “esta rexión eríxese en Estado autónomo ou soberano, e adopta a forma democrático-republicana para o seu goberno”. No artigo 22 engadíase “A soberanía reside na totalidade do povo galego”. 

Polo tanto, o debate encol da cuestión nacional na década dos noventa do século XIX non era unha novidade, nen un feito illado. O povo galego nunca asumiu pasivamente perder a súa identidade e carecer de soberanía. Puidemos ser vencidos moitas veces neste tema, mais nunca deixar de loitar. 

http://manuelmera.blogaliza.org/

Comentarios