Opinión

O mundo multipolar está a chegar

Ate hai só uns anos, todo facía pensar que Rusia preferiría manter unha equidistancia tanto con China como coa Unión Europea e os Estados Unidos, reforzando así a súa independencia como potencia, nun mundo que desexaba multipolar.

Ate hai só uns anos, todo facía pensar que Rusia preferiría manter unha equidistancia tanto con China como coa Unión Europea e os Estados Unidos, reforzando así a súa independencia como potencia, nun mundo que desexaba multipolar. Mais a postura de Washington, de manter o resto da humanidade baixo a súa bota, xunto coa presión militar que realiza sobre as fronteiras rusas por medio da OTAN, e especialmente que dese folgos á agresión de Xeorxia contra Osetia, forzaron a Moscova a un distanciamento de Washington, así como a manter unha actitude defensiva. Porén, a invasión de Libia, incumprindo os acordos do Consello de Seguridade da ONU, o intervencionismo en Siria, e por último, o alento ao golpe neofascista na Ucraína e a procura dunha solución militar do conflito no Donbass, terminaron por desbordar o vaso. 

"Nos últimos anos Rusia, China, Venezuela e Irán, construíron medios de comunicación que ofrecen unha versión do que sucede no globo alternativa á do imperialismo"

Neste contexto, a conmemoración o 9 de maio en Moscova da derrota da Alemaña nazi e da súa rendición en Berlín ás tropas da Unión Soviética, será ollada no futuro como un punto de inflexión e unha data cun dobre sentido histórico. Será deste xeito porque os Estados Unidos e os países subordinados a esta potencia, decidiron facer unha reinterpretación da historia e non acudir a este acto como unha demostración de forza, do illamento de Rusia. E o resultado non foi o esperado. Nos últimos anos Rusia, China, Venezuela e Irán, construíron medios de comunicación que ofrecen unha versión do que sucede no globo alternativa á do imperialismo, e que ademais teñen unha considerábel audiencia. Rusia e China foron limando diferenzas, dando lugar a un novo bloque de poder cada vez máis sólido, con iniciativas no eido económico, político e militar. A escenificación durante a celebración da “vitoria na Gran Guerra Patria” en Moscova parece indicar que esa alianza xa non ten marcha atrás. 

A xornalista Vicky Peláez, nun artigo baixo o suxestivo título de “Rusia e China marcan unha nova época”, destaca que estas potencias, en palabras de Putin e Xi Jinping, “están fronte ás mesmas ameazas e perigos”. Non é menos relevante que no desfile participasen tropas de Casaquistán e da India, e valora que isto significa “formar unha forte alianza entre estes países en detrimento dos Estados Unidos que quere salvar como sexa o seu mundo unilateral”. Considera que a inmediata visita de Merkel e Kerry, para máis unha vez ofrecer o pau e a cenoria a Rusia, obedece a que comezan a comprender a importancia da “nova alianza euroasiática que será motor do novo sistema mundial”. Unha alianza que foi forzada polas actitudes excluíntes e autoritarias das potencias occidentais. 

 “A cooperación estratéxica Rusia-China (...) non significa un Moscova subordinado a Pequín, senón unha crecente relación simbiótica desenvolvida planificadamente en múltiples etapasA.

Pola súa banda, o analista mexicano en La Jornada, Alfredo Jalife-Rahme, destaca que “a parada militar xeoestratéxica chega case que dous meses despois do estarrecedor lanzamento do Banco de Desenvolvemento Chino (AIIB polas súas siglas en inglés)” que considera un punto de inflexión  “e que atraeu ao seu seo ate dous dos aliados especiais dos EU, como son GB e Israel, así como as principais potencias xeoeconómicas da UE”.

Na mesma liña de conclusións a respeito dos cambios na correlación de forzas maniféstase Pepe Escobar, de Asia Times Online, cando reflexiona que “a cooperación estratéxica Rusia-China (...) non significa un Moscova subordinado a Pequín, senón unha crecente relación simbiótica desenvolvida planificadamente en múltiples etapas. Os BRICS xa teñen tanto atractivo global e influencia como o obsoleto G7. O novo Banco de Desenvolvemento dos BRICS, listo para comezar antes de finais de 2015, é unha alternativa aos mecanismos controlados polo G7 e o FMI. É seguro que a Organización de Cooperación de Shanghai (OCS) vai incluír a India e Paquistán no seu próximo cumio de verán en Rusia. E a inclusión de Irán, como membro oficial, dáse como practicamente feita en 2016. A OCS está avanzando como o foro clave de desenvolvemento, cooperación política-económica e de seguridade de toda Asia”.

Segundo o FMI, no ano 2014 China foi a primeira economía do mundo, India a terceira, Rusia a sexta. e Brasil a sétima.  A segunda foi Estados Unidos, a cuarta Xapón e a quinta Alemaña. Se sumamos os BRICS e Irán, temos unha economía comparábel á de Estados Unidos e da Unión Europea, porén cun crecemento moito máis forte, co que iso significa. O outro dato que reflicte a situación da economía son as reservas internacionais de cada país. As do xigante asiático son duns 4 billóns de dólares. A capacidade de China é inmensa, en contraste co déficit do comercio exterior de Estados Unidos da Unión Europea e do Xapón. Tamén ten a súa importancia o peso demográfico, xa que os BRICS representan o 42% do total da humanidade. 

 "Non se pode ignorar que China, Rusia e outros países están substituíndo o dólar  e o euro polas súas moedas, rachando así coa vantaxe de Estados Unidos que emite moeda sen respaldo".  

Agora ben, non se pode ignorar que os Estados Unidos son a maior potencia militar do mundo, e que o complexo militar industrial representa entre o 25-30% da súa economía. Que son unha potencia estratéxica na produción e exportación de alimentos, no sector da comunicación e da cultura de masas, co que isto implica en incidencia na formación da conciencia social, e teñen un control absoluto sobre os novos medios de comunicación. Ademais, nunha economía globalizada e financiarizada, seguen a manter a hexemonía sobre a moeda de referencia e xogan ao seu favor co capital especulativo.  Mais, non se pode ignorar que China, Rusia e outros países están substituíndo o dólar  e o euro polas súas moedas, rachando así coa vantaxe de Estados Unidos que emite moeda sen respaldo.  

Sobre este tema, dinos Ignacio Ramonet no Le Monde Diplomatique do mes de maio o seguinte: “Contrariamente ao que moitos pensan, China atópase moi lonxe de representar un autentico rival para Washington. En 2015, Estados Unidos segue exercendo unha indiscutíbel hexemonía sobre o planeta. Tanto no eido militar (fundamental) como en varios outros sectores determinantes, en particular o tecnolóxico (internet) e o soft power (cultura de masas). O cal non significa que China non teña realizado prodixiosos avances nos últimos trinta anos”. A continuación fai referencia á importancia do novo banco AIIB que competirá co FMI e o Banco Mundial, e a que posúa 3.700 mil millóns de dólares en divisas estranxeiras. Destaca asemade que o seu investimento exterior atinxa os 200 mil millóns de dólares/ano (Estados Unidos: 375 mil millóns).  

Os intercambios comerciais usan cada vez máis outras moedas de referencia. O yuan comeza a ser unha divisa de depósito, os grandes investimentos en América Latina e África, anunciados por China, e os novos bancos de desenvolvemento, son todos avances que cuestionan esta hexemonía norteamericana e a subordinación da UE. Mais levará o seu tempo abrir esta nova etapa, e non estará exenta de retrocesos conxunturais. Trátase dunha situación moi complexa, con intereses moi diversos aliados en cada bloque. Como di acertadamente o vasco Katu Arkonada nun recente artigo en Rebelión: “ese declive da hexemonía estadounidense ven acompañado dunha ofensiva en tres ámbitos, político, económico e militar, co obxectivo de manter o liderado, porén na medida en que este non pode ser logrado mediante o consenso, debe ser atinxido mediante a dominación violenta en boa parte do taboleiro xeopolítico (...) malia algunhas derrotas parciais no campo de batalla físico, non podemos esquecer que os Estados Unidos seguen dominando o outro campo de batalla, do ciberespacio e da espionaxe”. E engade sobre as potencias alternativas: “A necesidade de recursos naturais para seguir crecendo fai que China teña desenvolvido unha política de poder brando (...) todas as relacións económicas e comerciais están baseadas no respecto ao sistema político e económico de cada país”. 

 “Ese declive da hexemonía estadounidense ven acompañado dunha ofensiva en tres ámbitos, político, económico e militar, co obxectivo de manter o lideradoE

Aqueles que hai moito tempo que seguimos a política de China, xa desde a época de Mao, sabemos que  o PCCh dá unha gran importancia á precisión das palabras, para evitar toda interpretación errada. E no estreitamento das relacións con Rusia matizaron en varias oportunidades, como matiza Jalife-Rahme, que non se trata dunha alianza militar como a que existe entre os Estados Unidos e Xapón senón dunha asociación estratéxica entre estes dous países no beneficio mutuo. Non é unha aclaración menor, porque evidencia que os Estados Unidos, a Unión Europea e Xapón, deron folgos a un bloque alternativo, mais que este ten un carácter defensivo e multipolar. A asociación non nace cunha finalidade hexemónica, cando menos nun principio. Sobre esta caracterización é que temos que analizar as rectificacións, se fosen necesarias, na folla de ruta e nos métodos de traballo. Xa que un mundo multipolar abre expectativas para os procesos de liberación nacional e as mudanzas sistémicas favorábeis ás clases populares (algo esencial para o povo galego). Ante todo porque pon en primeiro plano unha recomposición da distribución do traballo e do poder entre territorios, e isto afecta ao proceso global de centralización e concentración da riqueza (e do poder). 

"A asociación da demografía, da industria e do excedente de China, coa tecnoloxía militar e a potencialidade de recursos de Rusia son estratéxicas"

A agresión armada exterior en Siria e Iemen poden ter ao final un resultado negativo para este novo bloque, que nace para impulsar a multipolaridade. Tamén pode ser un paso atrás que os próximos procesos electorais na Arxentina e Venezuela non sexan os desexábeis. Porén, estes atrancos non frearían esta tendencia ascendente. Os procesos son, normalmente, dentes de serra. A asociación da demografía, da industria e do excedente de China, coa tecnoloxía militar e a potencialidade de recursos de Rusia son estratéxicas. Ademais contan coa complicidade ou cunha actitude expectante da India. Se a isto sumamos os BRICS, temos máis da metade do mundo que avanza nunha dirección. 

Esta confrontación non se pode decidir no campo militar, dado que ambas partes teñen armas nucleares. Tampouco exclusivamente mediante a presión económica e o control dos medios, máxime cando no interno o retroceso social e democrático é continuo e as contradicións inzan. E todo amosa que os Estados Unidos non están dispostos a tomar ningunha das dúas saídas menos traumáticas. A dunha ruptura democrática que socialice a economía e o poder, a nivel social e territorial; ou un reparto negociado do traballo e do poder cos grupos dominantes das novas potencias. Daquela, todo amosa que a conxuntura estenderase por máis tempo. Tamén as crises e axustes, ate que non se manifeste con claridade unha nova correlación de forzas entre potencias, e un consenso maioritario sobre a soberanía nacional e a xustiza social. 

http://manuelmera.blogaliza.org/