Opinión

Un mundo dividido en dous bloques

Os Estados Unidos e seus aliados, no que se deu en chamar "occidente", aínda que incorpora países como Xapón, Australia, Corea do Sur,... cos máis fortes deles xogando un papel subimperialista, arrastrados uns e convencidos outros, neste intre, e mesmo con estas regras de xogo que eles impuxeron, dan por perdida a batalla para evitar a consolidación dun mundo multipolar. Saben que non van gañar a guerra da Ucraína e que a perda de materias primas seguras e baratas así como a desdolarización faralles un dano tremendo (tamén afecta ao euro), aínda que o dólar se manteña como principal moeda de reserva (por canto tempo?). Co que isto representa a nivel simbólico nos países da periferia dependente, e moi especialmente para as potencias emerxentes. E esta desfeita vai a máis (especialmente na UE), malia que se chegou a niveis unilaterais de sancións tan grandes; como: conxelación de activos, a campañas de comunicación tan agresivas, e unha manipulación nunca vista de reducilo todo a unha confrontación de bos e malos...

En resumo, "occidente" (ou o G-7 plus) está botando máis leña ao lume non só por prepotencia, que tamén, senón coa finalidade de fracasada a estratexia inicial (unha Rusia derrotada) forzar a ruptura entre dous bloques antagónicos. Claro que existe sempre a alternativa de negociar e avanzar nun reparto máis xusto da riqueza e do poder entre as nacións, que sería o lóxico, e realmente democrático. Mais esta non é neste intre a opción escollida. O obxectivo é garantir que unha gran parte dos países se manteñan, por convicción ou dependencia, baixo as directrices de “occidente”, e illar a como se fosen apestados ("totalitarios", "ditaduras") a Rusia, China, Iran, Cuba, Venezuela, Corea do Norte... Confirmaba este escenario Chrisitine Lagarde, a presidenta do Banco Central Europeo, cando valoraba diante do Consello de Relacións Exteriores "a crecente rivalidade entre Estados Unidos e China" dando como resultado "a fragmentación do mundo en dous bloques".

Un mundo dividido en bloques, é na práctica a liña pola que aposta neste intre Estados Unidos para reproducir nunha segunda etapa unha nova versión da caída da Unión Soviética

Todo indica polo tanto que, un mundo dividido en bloques, é na práctica a liña pola que aposta neste intre Estados Unidos para reproducir nunha segunda etapa unha nova versión da "caída da Unión Soviética". Coida Washington que esta folla de ruta permitiralle recuperar a orde internacional seica "democrática" nun mundo e baixo seu control (no que o capital terá como hoxe un poder absoluto, vexase o peso da Bolsa e os beneficios das corporacións). Para lograr este obxectivo conta a seu favor cos centos de bases no exterior, seu control dos medios e cultura de masas, seu liderado nas tecnoloxías máis avanzadas (chisps, intelixencia artificial, etc.), o dólar como moeda de reserva... Optaron por esta folla de ruta porque valoran que sen unha modificación profunda do terreo de xogo a tendencia dominante converterá en poucos anos a China na maior potencia do mundo, tamén terían un papel destacado outras potencias emerxentes rexionais, e Asia un papel protagonista.

Resulta evidente que non se busca unha guerra atómica, non só pola perda de vidas humanas e a destrución, se é que fica algo en pé, senón porque terminaría co negocio, coas prebendas do actual sistema. Todo reflicte que se trata de abrir a fenda, de non deixar lugar para os países e potencias que queren manter unha postura afastada da confrontación, cando menos da que existe entre "occidente" e Rusia e China, e forzalos a tomar partido. Daquela que se bote gasolina no lume, que se abran novos conflitos, que aumenten as intervencións militares e políticas, e as sancións.

Daquela, a importancia de manter non só o debate social respecto do que está en xogo, senón tamén a mobilización contra a OTAN e a prol da paz. 

Agora ben, a estratexia de "occidente" non deixa de ter contradicións. No interno, porque non a comparte todo o gran capital, mesmo algúns gobernos da UE, e grandes sectores da poboación (vexase a mobilización popular en Francia, as folgas en Reino Unido, as protestas en Alemaña, etc., que reflicten o descontente do pobo, non só coa situación económica e laboral, senón cunha democracia que perdeu, para alén do acto electoral, todos os contidos sociais e de participación popular). Unha contestación que vai a máis porque a confrontación con Rusia e China ten custes económicos e sociais cada vez maiores tamén dentro de "occidente". Ademais, un aumento do gasto militar a costa dos servizos esenciais, e o perigo dunha guerra aberta entre bloques abre un escenario no que a Unión Europea sería obxectivo de primeira liña, co que iso implica. Daquela, a importancia de manter non só o debate social respecto do que está en xogo, senón tamén a mobilización contra a OTAN e a prol da paz.

Por último, malia que "occidente" está a alentando (utilizando) os conflitos de Ucraína e Taiwán, entre outros, para illar a Rusia e China (e outras nacións), e para premer aos estados que teñen unha postura intermedia para que se definan a seu favor, non o conseguiu en moitos casos e na maioría das nacións máis grandes. Véxase o comercio das potencias emerxentes co resto do mundo, o número de votos en contra e de abstencións na ONU diante das propostas do G-7, o acordo histórico entre Iran e Arabia Saudita, a actitude de India, Turquía, Brasil, México, a postura da maioría dos países subsaharianos,... as contradicións no seo da UE, etc.

Todo fai pensar, a esta altura, que malia os intentos en contra de "occidente" o mundo avanza cara un modelo multipolar. Outra cuestión é que isto non implica en si unha garantía de soberanía ás nacións sen estado propio, dun avance en xustiza social e na loita efectiva a prol dos ecosistemas, un mundo solidario... aínda que representa un escenario máis favorábel para acadar estes obxectivos. Que o salto cualitativo sexa maior depende de que a clase traballadora e as nacións dependentes gañen en iniciativa e protagonismo, para que o dereito de autodeterminación dos pobos se poda exercer plenamente... en fin, en acadar un mundo máis solidario, xusto, igualitario, que preserve a natureza e a inmensa riqueza cultural e lingüística da humanidade.