Opinión

Un mundo dividido en dous bloques ou multipolar?

A medida que Rusia consolida o territorio conquistado na Ucraína, que pode ir a mais, dado o desgaste humano do exército de Zelenski e que as sancións económicas e a propaganda imperial non dan os resultados esperados por “occidente”, os Estados Unidos (USA) centra cada vez máis o foco no que lles é esencial, no que sempre foi o centro da cuestión: evitar que China se converta na primeira potencia mundial. Non é algo doado, máxime despois de que China chegase a unha asociación estratéxica con Rusia, Iran... (tamén Arabia Saudí?)

Os erros de apreciación da capacidade de Rusia e Iran, como estados e como bloque, para resistir a ofensiva económica, militar e mediática, non axudaron nos obxectivos de Washington. E mesmo debilitou a incidencia dos Estados Unidos e aliados no resto dos países do mundo, tal como se reflicte co fortalecemento das potencias rexionais como India, Sudáfrica, Brasil, México, Arabia Saudí, Paquistán, Turquía... e que como primeiro paso tomasen distancia respecto de ambos bloques, co que isto implica no relativo á consolidación progresiva da multipolaridade. Polo que, de se ampliar as medidas agresivas por parte dos Estados Unidos esta tendencia irá a máis, aínda que a  pretensión do imperialismo hexemónico sexa a contraria. Esta evolución ascendente dun mundo multipolar, da que a actitude dos países da OPEP é unha demostración, así como a dos estados que se están a sumar á comercialización coas moedas propias en lugar do dólar.

Máis complexo é que China se impoña como a primeira potencia do mundo, xa que isto non é o mesmo, e non esixe a mesma correlación de forzas, que obrigar ao imperialismo occidental a ter que contar con outras potencias e países, e buscar consensos, nos organismos internacionais e nas regras de xogo que respondan aos intereses de todas as nacións. Agora ben, dado que China busca a súa hexemonía a través do eido da economía, cando menos neste momento histórico, o problema está en  forzar aos Estados Unidos e ás potencias aliadas (Alemaña, Reino Unido, Xapón, Francia, Italia, Estado español...), que xogan un papel subimperialista, a que acepten regras de xogo que impliquen un reparto xusto do poder e da riqueza producida entre países (tamén esencialmente entre clases sociais, mais este é un tema fundamental, como a desfeita ecolóxica, que agora fica nun papel secundario, malia o medre da degradación ambiental e a conflitividade social, afogado pola guerra, as sancións, a especulación, o militarismo...).

Os medios hexemónicos, en occidente, dan por feito a formación de dous bloques, un que consideran maioritario arredor dos Estados Unidos e das “democracias” fronte ao “autoritarismo” representado por China, Rusia, Iran... Mais o certo é que a maioría da povoación do mundo está en contra do intervencionismo occidental, das sancións, e da dobre vara de medir que utiliza para favorecer seus intereses na escala de valor da actividade produtiva a través da intervención militar e política, dun comercio desigual, da especulación monetaria, da propaganda na cultura e redes.

A esta altura resulta evidente que USA está forzando unha reordenación do comercio internacional, que moitos analistas consideran o fin da globalización (e da expansión China). Aínda que todo fai pensar que o comercio (e polo tanto a produción) farase esencialmente dentro de cada potencia e de cada bloque, así como a nivel rexional,... tanto pola presión de “occidente” como económicas, ecolóxicas, e mesmo de seguridade no proceso que liga enerxía, materias primas, industria e consumo. Estes cambios terán consecuencias sobre todos os países, e no papel que xogan no ámbito internacional, mais tamén incidirá sobre as corporacións internacionais, que terán que adaptarse a un mundo dividido en bloques e con potencias rexionais que esperan sacar rédito dunha postura intermedia, ou que teñen obxectivos distintos (un novo movemento de non aliñados?). Daquela que malia USA o reduza a unha cuestión de bloques e China e Rusia vexan con bos ollos o fortalecemento de potencias rexionais, como freo a “occidente” e garantía dun mundo multipolar.

Comentarios