Opinión

Moncho Reboiras, a UPG e Mao Zedong

Hai 39 anos, o 12 de agosto, foi ferido de morte pola policía franquista nas rúas de Ferrol Moncho Reboiras Noia, un mozo de 25 anos, nado en Dodro, enxeñeiro técnico, dirixente da Unión do Povo Galego (UPG). Foi ferido na fuxida, deixando un regueiro de sangue ate o portal onde unha ráfaga de metralleta terminou coa súa vida.

Hai 39 anos, o 12 de agosto, foi ferido de morte pola policía franquista nas rúas de Ferrol Moncho Reboiras Noia, un mozo de 25 anos, nado en Dodro, enxeñeiro técnico, dirixente da Unión do Povo Galego (UPG). Foi ferido na fuxida, deixando un regueiro de sangue ate o portal onde unha ráfaga de metralleta terminou coa súa vida. Foi unha fría execución da ditadura; máis unha. Hoxe, a súa figura considérase como un exemplo polo nacionalismo, especialmente por aquelas forzas que reivindican a plena soberanía nacional e a xustiza social. É un recoñecemento merecido a un militante que o deu todo polo pobo galego, coa máxima xenerosidade.

"Reboiras era un patriota entregado, teimoso, que comprendeu a importancia da autoorganización das clases populares"

Reboiras era un patriota entregado, teimoso, que comprendeu a importancia da autoorganización das clases populares, e que iso significaba construír forzas propias non só no eido político, senón tamén organizacións de base reivindicativas ou de fomento da nosa cultura, historia e lingua nacional.  Non era un “militarista”, mesmo naquel intre onde o réxime daba moitas veces como resposta o chumbo. Reboiras entendía que a garantía do cambio era a participación e o protagonismo do pobo. Esta foi a miña apreciación da súa maneira de pensar, mentres mantivemos durante o ano 1973 unha estreita relación política.

A UPG sempre reivindicou a súa figura e rendeulle homenaxe durante estes anos tanto en Imo, no concello de Dodro, onde está soterrado, como na cidade de Ferrol, diante do edificio onde morreu asasinado. Tamén outras forzas nacionalistas, como o MGS, a FPG e Nós-UP realizan actos de recoñecemento nesta data. Con seguridade, este ano a UPG daralle a conmemoración maior relevancia que noutras ocasións, xa que coincide co cincuenta aniversario da fundación deste partido, o 25 de xullo de 1964. 

"Na Asemblea de Amio a UPG, o MGS e a maioría da militancia da fronte patriótica apostaron por unha viraxe que puxese en primeiro plano o estratéxico"

Non son moitas as forzas políticas que duran tanto como a UPG, só o PSOE e o PCE teñen máis vida por detrás, e dende hai moito tempo tamén menos complicacións co sistema. Sen dúbida é todo un mérito da UPG, da súa militancia, máxime cando se reivindica o comunismo patriótico, aínda que nas últimas décadas a socialización desta matriz ficase reducida sobre todo aos congresos e actos internos. A lóxica semellaba ser a de conseguir a través do conxuntural, sectorial e local, da boa xestión do público e da mobilización reivindicativa reformista, unha mellora nas condicións de vida da poboación, e a rápida construción de muros que permitisen unha defensa máis eficaz da identidade e lingua nacional. A acumulación progresiva de cambios e forza nas institucións produciría de por si a liberación. O tempo amosou que ese atallo era unha trampa, ou cando menos un camiño de curto percorrido. Reflectiu que cando se debilita o estratéxico, na práctica cotiá e no discurso, sempre sae enfraquecido o proxecto liberador. E o que debía ser só unha etapa intermedia rematou ao final sendo un precipicio. 

Por iso na Asemblea de Amio a UPG, o MGS e a maioría da militancia da fronte patriótica apostaron por unha viraxe que puxese en primeiro plano o estratéxico, tanto no nacional como no social, xa que son interdependentes. Foi unha rectificación de urxencia da UPG que lle permitiu recobrar apoios perdidos entre a militancia, e aumentar a confianza daqueles/as simpatizantes que sempre a viron como referencia. Non se pretendía abandonar a mobilización e as tarefas nas institucións, senón reforzalas cun discurso e unha praxe que procurase a complicidade e a participación activa e consciente das clases populares na liberación nacional e social de Galiza. E para isto, era fundamental a formación e o protagonismo da militancia, e convencer aos simpatizantes.

"Un exemplo da falta de claridade na mensaxe témolo na ambigüidade en relación coa presentación de candidaturas do BNG nas municipais"

Porén, as decisións de Amio non se cumpriron aínda en boa medida. Primeiro, porque as rectificacións levan o seu tempo; e segundo, porque as forzas gañadoras da asemblea, supoño que para evitar que a ruptura fose máis pronunciada (despois da marcha de Anova e Compromiso), partillaron a dirección cunha xenerosidade nunca vista con sectores que se opuñan, ou non coincidían, coas teses aprobadas. Xenerosidade que semella non sempre é ben entendida, dado que unha e outra vez reábrese baixo distintas formas o debate de Amio; ou non se divulgan as propostas e a folla de ruta coa claridade e forza necesaria, xerando confusión na militancia e simpatizantes sobre a liña política da fronte e a continuidade do proxecto. 

Un exemplo da falta de claridade na mensaxe témolo na ambigüidade en relación coa presentación de candidaturas do BNG nas municipais (se en coaligazón con outras forzas, se coa mesma sigla en todo o país ou con fórmulas propias en cada concello, etc.). Deste xeito, e mesmo que se poña como condición que sexa detrás dun programa nacionalista (e a cuestión social?), dánselle folgos en realidade a aquelas ideas que o queren reinventar todo, sen programas previos, e negando a historia de cada quen. Non se pode alentar nun contexto que non é favorábel ao nacionalismo popular este tipo de proxectos. Sería un erro. Cómpre apostar polo BNG (sen ningunha ambigüidade!) como organización de masas e sigla nas institucións; ou sexa, como referencia da loita social e política contra o sistema na Galiza. Porque isto é a autoorganización.

"A mobilización masiva da convocatoria do BNG no Día da Patria, coa Quintana ateigada un ano máis, e que multiplicou por dez a suma do resto do nacionalismo"

Non é de recibo que a fronte patriótica dea síntomas de fraqueza precisamente nun dos ámbitos onde é máis forte, e onde ten un traballo inxente que pode pór en valor socialmente, como é a xestión nos concellos. Se é unha táctica para non aparecer como sectarios, o que fai en realidade diante do pobo é amosar a debilidade de argumentos para defender o traballo realizado. Se pretende  exercitar o oportunismo, ten pernas curtas, xa que se volverá en contra cando haxa que poñer as cartas boca arriba. Son tácticas ou ambigüidades que, en calquera dos dous casos, teñen ademais custes evidentes para o proxecto, o traballo cotiá dos activistas e os resultados electorais. Son demostracións de fraqueza que dan gratuitamente unha panca sobre a que os medios do sistema fan propaganda de masas para desalentar a base social da fronte patriótica. Ademais, debilitando o suxeito político, o capital evita en boa medida que o descontente das clases populares polo axuste cuestione organizadamente o actual sistema de opresión e explotación. 

A mobilización masiva da convocatoria do BNG no Día da Patria, coa Quintana ateigada un ano máis, e que multiplicou por dez a suma do resto do nacionalismo, reflicte que a organización frontista ten unha militancia e base social moi consolidada e firme. Unha acumulación de forzas e estrutura que xa quixeran ter outros proxectos, que se din en ascenso. Esta é a mellor garantía para avanzar. Unha forza así non se organiza en meses, nen en poucos anos; é un traballo de moito tempo. Por iso, para alén do recuar electoral do BNG, a presenza dos seus militantes na conflitividade social é tan importante. E isto si que é fundamental!!! Ademais deste feito, que non admite dúbidas, hai unha pregunta que a fronte debe responder axeitadamente: a maioría daqueles que deixaron de votala fano por outra forzas ou abstéñense?Segundo as enquisas, este último é o caso de dous de cada tres votos perdidos. Polo tanto, calquera avance por parte do BNG debe encetar por recuperar esta base de simpatizantes expectantes.

"De Reboiras e da UPG da década dos setenta pódense tirar moitas ensinanzas, e isto é tan importante como os recoñecementos históricos".

Daquela, non é un problema de estratexia, de liña política, senón de mensaxe, persoas, actitudes, métodos de traballo... E sobre todo de atrevemento, porque ninguén segue a quen non considera capaz de facer posíbel o que propón, a quen non ten unha folla de ruta e un proxecto estratéxico claros. En fin, a quen predica debilidade e ambigüidade. E neste aspecto é esencial aprender da propia historia do nacionalismo patriótico, e da doutras forzas de liberación. De Reboiras e da UPG da década dos setenta pódense tirar moitas ensinanzas, e isto é tan importante como os recoñecementos históricos. Resulta evidente que Moncho, e aquela xeración de militantes, tomaban ao pé da letra non só a coherencia e entrega, senón ademais o atrevemento e a ilusión revolucionaria, ou sexa: a confianza no pobo. Aspectos aos que tanta importancia lle deu Mao Zedong na Revolución China e que recolleu nas súas “Cinco teses”. O atrevemento e a ilusión contribuíron nos setenta a atraguer a mocidade e a vangarda das clases populares, o que permitiu que medrase nas décadas posteriores o proxecto, primeiro a nivel social e despois electoralmente. Non abondou cunha caracterización correcta da sociedade e moito traballo. Supoño que a UPG, con medio século de experiencia e contribución a Galiza, será quen de superar todos estes retos, para ben do nacionalismo galego e das clases populares desta nación. Algo fundamental porque non hai na actualidade outra forza política que poda cumprir este papel.

http://manuelmera.blogaliza.org/http://manuelmera.blogaliza.org