Opinión

Un modelo que recrea a explotación e a dependencia

Segundo a EPA do 2º semestre, a povoación ocupada medrou na Galiza en 18.400 persoas con respecto ao mesmo período de 2014.

Segundo a EPA do 2º semestre, a povoación ocupada medrou na Galiza en 18.400 persoas con respecto ao mesmo período de 2014. O 1,85%, fronte ao 2,96% no Estado español. Un diferencial que ten a súa lóxica, porque o actual crecemento da economía baséase nunha tendencia funcional á centralización e concentración da riqueza, ou sexa, que acrecenta aínda máis a desigualdade entre países e clases sociais. Mesmo con esta matización, no caso concreto de Galiza, non é críbel que se crease ese emprego, cando se lle atribúe a metade do mesmo á industria. Ningunha das actividades estratéxicas deste sector está a medrar significativamente. Nen o automóbil, nen o naval, nen a conserva. Como se pode dicir tan alegremente que se creou no último ano un 7% de emprego na industria e ninguén cuestione uns dados que son un insulto á intelixencia? 

No caso concreto de Galiza, non é críbel que se crease ese emprego, cando se lle atribúe a metade do mesmo á industria

Ademais, todo reflicte que o actual aumento do PIB é conxuntural, aínda que cunha temporalidade máis longa que outras crises anteriores, xa que as eivas de fondo non foron solucionadas, tal como destaca o último informe do FMI. Evidentemente este organismo internacional, ao servizo do imperialismo, aproveita os atrancos para dar as súas solucións: menos servizos públicos (copago sanitario e no ensino) e un aumento da explotación laboral. O crecemento do PIB e do emprego está sustentado, no crecemento do turismo (dada a inestabilidade no norte de África, Turquía, Grecia, etc.), a baixada do prezo do petróleo, a queda do euro fronte ao dólar pola crise con Grecia e con Rusia e a flexibilidade cuantitativa do BCE. A isto pódeselle engadir unha certa euforia en sectores con altos e medios ingresos que coidan que a crise ficou atrás, permitindo un aumento do consumo, que foi alentado polo medre de gastos públicos excepcionais co gallo das eleccións municipais. Gastos que se manteñen por parte do Goberno central, preocupado polos resultados das eleccións xerais, mesmo engadindo unha redución de impostos (sen que a UE realice ningunha alerta, polo aumento da débeda pública e que non se vai cumprir o déficit, o que amosa a dobre cara desta institución). Lembremos asemade que o aumento do turismo favorece especialmente os territorios da costa mediterránea e Madrid, que son zonas nas que esta actividade ten moita importancia. Este non é o caso de Galiza, onde o turismo está moi vinculado ao Camiño de Santiago, e os sectores fundamentais da economía son o industrial, primario, e enerxía, e os servizos vinculados con eles.

O do actual crecemento non é sostíbel no tempo como consecuencia de non se ter feito reformas estruturais necesarias

O do actual crecemento non é sostíbel no tempo como consecuencia de non se ter feito reformas estruturais necesarias nun contexto con graves problemas medio ambientais, escaseza de certas materias primas e enerxía. Por se non abondase, a especulación financeira e a economía delituosa afogan a economía produtiva. Polo tanto, son necesarios e urxentes cambios que superen estes atrancos e que revaloricen a economía real, que desalenten as importacións, fortalezan as exportacións e aumenten a actividade interna. Mais estes non son os obxectivos das clases dominantes. A alta burguesía española, moi concentrada na banca, enerxía, construción, telecomunicacións, turismo e exportación agrícola, está máis preocupada en socializar as aventuras da burbulla inmobiliaria e aumentar axiña a taxa de beneficios. E para isto, a conta de resultados lle indica que o mellor camiño é consolidar a expansión exterior, aumentar a dimensión empresarial, eliminar a competencia interna, rebaixar as condicións laborais e os servizos e prestacións públicas, dar azos á fraude e a regresión fiscal. Ou sexa, acentuar a explotación de clase e a opresión das nacións periféricas, internas e externas. Un exemplo disto último témolo na lei mordaza para frear a protesta social e das nacións periféricas, ou na reforma do IRPF por parte do PP, seica para favorecer a todos e todas, cando en realidade os chanzos máis altos teñen unha diminución de 2 puntos, fronte a 1 naqueles que corresponden ás clases populares.

Con estas políticas non é casual que os millonarios medren nun 40%, ou que as grandes empresas aumenten beneficios durante a crise, ou que se batan records de vendas de coches de gama alta, xa que a austeridade é un duro axuste no reparto da torta en beneficio das clases altas. No estremo oposto está a diminución dos salarios, o medre da temporalidade e do desemprego, as xornadas extenuantes e a emigración. Agora ben, no caso concreto de Galiza, o menor crecemento do PIB e do emprego reflicte que o axuste é máis profundo, como consecuencia das políticas macro da Unión Europea e do Estado español que esmagan sectores vitais da nosa economía, como o naval, leiteiro e pesca, por poñer algúns exemplos. E isto implica que existen atrancos no desenvolvemento e ademais unha maior explotación laboral, como se reflicte nos salarios máis baixos e na participación da clase traballadora no PIB, xa que representando máis do 80% da masa laboral  só atinxe un 44,5% do total (inferior ás rendas do capital e mixtas). 

A emigración masiva da mocidade e a desfeita demográfica, non é máis que consecuencia deste cadro macroeconómico, da falta de soberanía

Asemade, como parte desta tendencia que é consecuencia da dependencia, resulta relevante destacar que varias das empresas de referencia no país, das que xa quedaban poucas con sede en Galiza, pasasen a ser controladas por capital foráneo, o que dá pulo ao afastamento dos centros de decisión, mesmo recoñecendo que sempre foron os lucros os que primaron nas súas estratexias. Tampouco se pode ignorar que son empresas madrileñas as que controlan as adxudicacións de servizos públicos privatizados, o que amosa mais unha vez o papel sucursalista do PP e o PSOE, e as portas xiratorias. A emigración masiva da mocidade e a desfeita demográfica, non é máis que consecuencia deste cadro macroeconómico, da falta de soberanía e dun sistema ao servizo dunha minoría ligada ou afincada no exterior. 

A queda dos salarios, que se ofrece como a única saída para competir, aínda que podan permitir aumentar os lucros empresariais e gañar mercados, a medio prazo perde toda eficacia, porque todos os países están a facer o propio, especialmente os máis débiles e dependentes. Daquela que en pouco tempo, como está a acontecer no Estado español a un “esforzo necesario, salvador e conxuntural” segue outro aínda máis regresivo que ten a mesma finalidade, e sempre en prexuízo das clases populares. Ten a súa lóxica para o capital, xa que esta competencia empresarial dáse en medio dun conflito polos mercados entre as potencias, onde estas utilizan todas as armas económicas e mediáticas, mais tamén as militares. Hai que rachar coa lóxica do imperialismo! que recrea a dependencia e a explotación, para poder ampliar e consolidar o emprego e unhas condicións de vida dignas a longo prazo nos países máis débiles, como Galiza. Políticas que favorezan o consumo e a produción interior, a calidade, e o fomento do comercio incidindo nos hábitos culturais e na sustentabilidade (aproveitando a potencialidade do propio). Claro que isto significa confrontar coa colonización española, coa globalización, co euro e a Unión Europea, e mudar o reparto do traballo, da riqueza e do poder. Ou sexa, poñer no primeiro plano a soberanía nacional, a democracia popular, a ruptura democrática, como camiño para a liberación nacional e social das clases populares galegas. 

Non hai máis camiño que a ruptura, a mobilización, a organización, unha folla de ruta e obxectivos claros, para mudar a correlación de forzas

A estas alturas, vendo o que pasa no mundo, cunha hexemonía tan concentrada e centralizada das clases dominantes, tanto no económico como no ideolóxico, pensar que é posíbel avanzar na xustiza social, na democracia e na soberanía nacional, sen conquistar cambios sistémicos, sen confrontar no nacional e social, equivale a traballar sobre fantasías, a conformarse con algunhas concesións para certos grupos da burguesía ou da clase traballadora acomodada (aínda que viva na Galiza). Non hai máis camiño que a ruptura, a mobilización, a organización, unha folla de ruta e obxectivos claros, para mudar a correlación de forzas. E a presenza institucional, a propaganda e a axitación deben estar ao servizo desta alternativa liberadora. Agora ben, non chega con de ter a razón, cómpre ter apoio popular organizado e consciente para poder impoñer estes obxectivos ás clases dominantes. O acontecido en Grecia amosa con todo realismo os límites da Unión Europea, da falta de democracia, mesmo a formal, e de cales son as posibilidades do reformismo nesta etapa histórica, xa que o sistema só é funcional aos máis poderosos, mesmo dentro do exclusivo club das potencias. Polo tanto, non hai atallos, só conxunturas máis favorábeis, algunhas como consecuencia da confrontación interimperialista, e para aproveitalas cómpre estar preparados. Para mudar a realidade non abonda coa boa vontade!

http://manuelmera.blogaliza.org/