Opinión

A mobilización social e nacionalismo neste novo escenario

Centrábame nun artigo anterior nos resultados das eleccións para o nacionalismo dende o punto de vista da representación institucional, e nos retos que supuña este novo escenario, coa emerxencia doutras referencias políticas disputando o mesmo segmento da sociedade.

Centrábame nun artigo anterior nos resultados das eleccións para o nacionalismo dende o punto de vista da representación institucional, e nos retos que supuña este novo escenario, coa emerxencia doutras referencias políticas disputando o mesmo segmento da sociedade. Novos proxectos que xogan cun enorme grao de indefinición e tacticismo con respecto á cuestión nacional e de clase. Valoraba como aceptábel o número de votos e concelleiros/as obtidos polo BNG, xa que significan un cambio de tendencia en positivo, mais que era negativo o retroceso nas cidades, en beneficio das mareas e “marcas” semellantes. 

"O resultado electoral marca unha tendencia clara: a dereita cede boa parte do seu poder local, e todo reflicte que vai perder o Governo no Estado e na Xunta de Galiza". 

Teimaba ademais nese artigo en que era esencial continuar coas rectificacións iniciadas en Amio, na importancia da loita das ideas, e na necesaria mellora de todo o relativo á comunicación, que nos permita tirar do traballo reivindicativo e de xestión unha elevación do nivel de conciencia política social e nacional no noso povo. Nesta oportunidade quero realizar unha rápida lectura das consecuencias dos resultados das eleccións municipais sobre a mobilización laboral e social. Este é un aspecto fundamental para a transformación social e a liberación nacional.

O resultado electoral marca unha tendencia clara: a dereita cede boa parte do seu poder local, e todo reflicte que vai perder o Governo no Estado e na Xunta de Galiza. É un cambio transcendental respecto da situación actual, porque nos últimos anos o PP aplicou con man inflexíbel unha política de recortes e privatización nos servizos e prestacións públicas, desregulou o mercado laboral e destruíu unha negociación colectiva minimamente equilibrada, endureceu a lexislación contra a mobilización social e laboral, e militou con belixerancia contra a pluralidade nacional, identitaria e cultural do Estado. Houbo unha regresión en dereitos individuais básicos, por exemplo de xénero e sexuais, deu folgos á centralización da economía, etc. E o máis grave é que moitos dos efectos destas medidas irán a máis co tempo. Polo que non abonda con frear novas regresións, cómpre dar pasos no sentido contrario.

"A importancia deste cambio de contexto alentará no imaxinario colectivo as expectativas de cambio, dando folgos á iniciativa do movemento obreiro e ampliando as accións reivindicativas". 

A crise, e moi especialmente o muro do PP, cun inmenso apoio mediático, foi quen de desgastar e segmentar a mobilización social. O seu retroceso electoral alentará unha recuperación da mobilización, como xa aconteceu cando governou o PSOE, ou unha coalición de partidos progresistas. A clase traballadora, as camadas populares, saben que as mobilizacións teñen moitas máis posibilidades de éxito nun escenario deste tipo. A importancia deste cambio de contexto alentará no imaxinario colectivo as expectativas de cambio, dando folgos á iniciativa do movemento obreiro e ampliando as accións reivindicativas. E este aspecto é fundamental para o avance da conciencia social e o protagonismo das clases populares. Mais tamén será positivo para o BNG, que sempre estivo na primeira liña da loita reivindicativa, tanto laboral, como agraria, estudantil ou ecoloxista, lingüística ou soberanista. E isto non é algo secundario, xa que o contexto é esencial na loita de clases. Con seguridade será nos empregados e nas empresas concesionarias do sector público onde primeiro se note esta tendencia, dado que as mudanzas danse nas institucións. Porén, trasladarase axiña ao sector privado. Neste contexto habería que se preguntar se non pagaría a pena demorar a negociación colectiva naqueles sectores e empresas onde a patronal fai agora propostas regresivas aproveitando o acordo antiobreiro de CEOE-CCOO-UGT.

Focalizar todas as expectativas nas vindeiros procesos electorais (mesmo sendo importantes) sería unha resposta moi parcial e negativa para o nacionalismo, se asemade non mantén a iniciativa e alenta ao máximo a mobilización. E debe facelo sen sectarismos, con optimismo e perspectiva liberadora. Reducir todo ao electoral sería apostar polo escenario no que hai máis atrancos para avanzar. Agora ben, non se pode esquecer que os resultados políticos da loita social sempre se recollen a medio prazo, porque o metabolismo é máis lento e está moi condicionado por mecanismos moi efectivos de control, tanto económicos como no eido das ideas, entre as que ten moita importancia sementar o derrotismo. Por outra banda, nunha situación tan confusa, cambiante e dinámica, perder a iniciativa tería grandes custes, máxime cando se trata da mobilización, e para o nacionalismo anticolonial sería un retroceso estratéxico. 

"O máis importante é que se produciu unha fenda no poder, polo que é fundamental ampliala o máis posíbel mediante a mobilización, e que o nacionalismo estea na primeira liña desta loita popular". 

Outra cuestión é valorar a importancia da fenda que se abriu nas forzas sistémicas, e se esta se estende ou non, e en que medida, ás clases dominantes. Unha análise que cómpre facer e socializar, para non dar folgos a concepcións e proxectos errados. Porén, neste caso o máis importante é que se produciu unha fenda no poder, polo que é fundamental ampliala o máis posíbel mediante a mobilización, e que o nacionalismo estea na primeira liña desta loita popular. É esencial ter e divulgar unha folla de ruta a medio e longo prazo. Cómpre marcar tarefas concretas, tanto no eido da mobilización, da creación cultural ou da economía social, da xestión e presenza institucional, como da loita das ideas. 

Aproveitar o momento para dar pulo á loita reivindicativa é fundamental. Canto máis forte sexa a mobilización, máis se agudizarán as contradicións, máis medrará a conciencia e a organización política. Lembremos que será na praxe onde cada opción política demostrará a súa eficacia, coherencia e a que intereses serve. E para dar estar batalla, mesmo que os resultados electorais non sexan un gran éxito para o BNG, si son bos abondo para confrontar este novo escenario se se toma a iniciativa. E facelo, non como a terceira forza, senón como a opción que ten un proxecto, presenza social e a experiencia necesaria para incidir decisivamente no proceso. Esta é andaina a facer neste momento histórico para conquistar a liberación nacional e social do povo galego.  

Por último, un breve comentario ao fío da proposta de Beiras e Iolanda Díaz a Podemos para repetir a experiencia das mareas nos vindeiros procesos electorais. A resposta de Breogán Riobó foi taxativa confirmando que se ían presentar coa marca Podemos, iso si, deixando aberta a porta á incorporación das mareas. Porén, Pablo Iglesias matizou máis a posición, se cadra para non entrar agora de cheo neste debate, e non dar sensación de sectarismo. Tamén manifestou a súa opinión en relación ao nacionalismo galego, cando afirma sobre AGE que "foi unha experiencia na Galiza que amosou a diferenza entre o novo e o vello, e a diferenza entre os espazos de confluencia e os espazos demasiado identitarios”. Isto último en clara referencia ao BNG. En calquera caso evidencia que non vai apoiar proxectos que fortalezan o nacionalismo galego, e que considera que AGE non o fixo. Alén deste aspecto, o importante para Beiras semella ficar esencialmente en aproveitar o punto alto da onda para garantir os mellores resultados posíbeis nos vindeiros procesos electorais deixando nun segundo plano a cuestión nacional. 

http://manuelmera.blogaliza.org/