Opinión

A mobilización laboral vai a máis

Sen dúbida a pandemia foi, e segue sendo, un freo importante respecto da protesta social e da laboral, especialmente no número de persoas que participan nas mobilizacións. Polo que os actos masivos ficaron limitados a aquelas situacións máis graves, por temas relativos aos servizos esenciais, as pensións, e nas que están en perigo os postos de traballo, como no caso de Endesa, Alcoa, Vestas, Alu Ibérica, etc. Mais todo indica que o estado de animo do povo e da clase traballadora está a mudar rapidamente, xa que cada vez son máis as accións de protesta e as persoas que participan nelas.

Un exemplo do medre da conflitividade son as folgas convocadas no marco da negociación colectiva no sector da conserva, en principio por tres días, e por igual período de tempo nos centros de chamadas, ou paro que se está a realizar en Leite Celta. Ao que se suman mobilizacións coma a do convenio do metal provincial de A Coruña, cunha numerosa participación, convocada en solitario pola CIG, diante dunha oferta por parte da patronal que non cubre a perda do poder adquisitivo polo incremento do IPC, o que na práctica implica rebaixar os salarios. Todos estas accións reivindicativas están centradas na mellora das condicións de traballo.

A patronal utiliza como escusa os efectos sobre a economía da pandemia do covid-19, que atinxe negativamente a moitas empresas. Porén non se pode obviar que tamén alentou unha maior concentración do lucro, como consecuencia dunha ofensiva do capital para transferir os custes da rise á clase traballadora. Os obxectivos son conxelar salarios, malia o aumento da inflación (6.7% o ano pasado) e flexibilizar a xornada laboral, para incrementar ao máximo os beneficios empresariais. Ou sexa, quérese converter a emerxencia sanitaria cun duro axuste no reparto do traballo e dos ingresos. Un proceso que todo indica dáse a nivel de toda a Unión Europea, abonda con ver como teledirixiron a reforma laboral dende Bruxelas e que o proceso de recuperación e “modernización” está centrado nas empresas transnacionais.

Polo tanto, cada vez é máis aguda a opresión e explotación, a loita de clases, aínda que se disfrace a solución con acordos de sindicatos sistémicos e patronal en “mesas sociais” e póñase énfase en que o virus nos afecta a todo/as por igual e o pactado era o máximo posíbel neste intre. Esquecendo en todo o proceso a mobilización, á presión na rúa, a disputa do relato. Tampouco se pode obviar que, neste escenario, ademais do medre da desigualdade social e das ideas conservadoras, tamén no ámbito territorial existe un fortalecemento do rol que cumpre cada estado na UE, e dentro deles as rexións e nacionalidades, aumentando a centralización e concentración do poder e da riqueza.

Polo tanto, e sen ignorar as excepcións (en empresas, sectores e localidades), no esencial a nación galega, e especialmente a súa clase traballadora, en caso de se fortalecer esta tendencia, seguirían perdendo posicións na cadea de valor. Consolidándose o papel subalterno da Galiza, e o medre da desigualdade e a precariedade, agora baixo novas formas  reducindo artificialmente a temporalidade nas estatísticas (contratos fixos porén coa máxima flexibilidade horaria e os baixos salarios como norma, grazas aos ERTEs e extensión dos/as fixos-descontinuos). 

Daquela que a nova reforma laboral, para alén dalgún caramelo para acadar a complicidade do sindicalismo conciliador, consolida os instrumentos para maximizar o lucro empresarial. O que está a provocar un reaxer da clase traballadora e un cambio no seu estado de ánimo favorábel á mobilización e un maior protagonismo. O que amosa tamén o fracaso das escenificacións das mesas de dialogo, e as reformas laborais pactadas. Este aumento da loita de clases terá un reflexo na disputa política. Vivimos tempos de cambio. O futuro non está escrito.

Comentarios