Opinión

Milicias galegas na defensa de Bos Aires

Hai pouco máis de dous séculos a emigración galega tivo un protagonismo importante en Bos Aires, cando esta cidade, de 45.000 habitantes, capital do Vicerreinado do Río da Prata, rexeitou por dúas veces a invasión das tropas británicas. Non había ningunha urbe dese tamaño na Galiza. Montevideo da outra banda do río, a 200 quilómetros, non chegaba daquela aos 10.000 persoas.

Lembremos o contexto. Inglaterra cobizaba as colonias da Coroa de Castela, e tiña daquela como escusa a convivencia desta coa Francia napoleónica. A primeira invasión comezou co desembarco en Quilmes, a poucos quilómetros de Bos Aires, o 25 de xuño de 1806. O Vicerrei Sobremonte optou covardemente pola retirada ao interior. Mais, no mes de agosto uns 3.000 homes mandados por Santiago de Liniers, que contaban con tropas chegadas de Montevideo e milicianos do interior da provincia de Bos Aires, iniciaron o asalto á cidade ocupada.

Sabedores da inminencia dun novo ataque, xa que os británicos enviaron reforzos e en febreiro de 1807 tomaron Montevideo, organizáronse en Bos Aires milicias. No mes de xuño o comandante inglés, que recibiu máis tropas até atinxir os 12.000 homes, decide atravesar o río da Prata e atacar cidade, contando para esta tarefa cuns 9.000 efectivos. Tratábase de soldados profesionais, ben adestrados, aos que se ían enfrontar sobre todo milicianos. Mais: cal foi a participación da emigración galega que daquela constituían unha parte considerábel da povoación?

“Reunímonos ao pe de seiscentos individuos oriúndos do Reino de Galiza, eramos de diferentes profesións e diversas fortunas

No seu libro sobre o “Tercio de Gallegos” Manuel Castro López dinos sobre a presenza dos galegos nas milicias, en verbas de Pedro Antonio Cerviño: “Reunímonos ao pe de seiscentos individuos oriúndos do Reino de Galiza, eramos de diferentes profesións e diversas fortunas; mais a nosa congregación era presidida pola respectábel Patria, e xordos ás invectivas de amor propio profesamos ante ela a igualdade (...). E engade: “No de Veteranos non é corto o (número) de galegos, e hainos en todos os Terzos de Patricios, e nos escuadróns de cabalería. Dos 400 homes do Corpo de Mariña a maioría son de Galiza; pódese afirmar sen esaxeración que 1.500 empuñaron as armas e que a súa sangue foi a de maior proporción de todos os Terzos europeos”. Teñamos en conta que Liniers, comandante en xefe das forzas defensoras, mandaba un total de 8.000 homes. Os peninsulares nas milicias atinxían os 3.000 persoas, polo tanto a metade eran galegos. Por certo, o Terzo de Galegos contaba con gaiteiros.

O 28 de xuño desembarcaron os británicos preto de Ensenada e o día 30 comezaron a avanzar cara Bos Aires. O día 1 de xullo saíu da cidade, ao seu encontro, unha forza duns 7.000 soldados e milicianos con 53 canóns. No libro “El Tercio de Gallegos” de Horacio Vázquez afirma que a Compañía de Granadeiros do “Tercio” correspondeulle defender un lugar chave como era Retiro e a veciña Praza de Touros, que só distaban mil metros da fortaleza e da Praza Maior, puntos neurálxicos da cidade. O resto do Terzo de Galegos distribuíuse en distintos lugares de Bos Aires.

Os días 3 e 4 de xullo grupos desta unidade acosaron con guerrillas aos británicos. O día 5 comezou o asalto ao centro da cidade polos ingleses. No Retiro a resistencia estaba perdendo a posición por falta de munición, polo que o capitán da compañía dos “Granadeiros de Galicia” Jacobo Adrian Varela solicitou permiso para atacar aos británicos á baioneta. Fixo entón unha carga, na que foi seguido por soldados dos rexementos de Mariña e Patricios, obrigando a recuar aos atacantes. Esta acción considerouse a acción máis gloriosa das que se executaron na defensa da cidade. En total foron 602 homes que fixeron retroceder a 3.000 aos que lles causaron 600 baixas. Os ingleses terminaron por tomar o lugar, Varela recuou cun terzo da tropa e outros 300 caeron prisioneiros. O día sete, despois dunha batalla nas rúas que lles causou moitas baixas aos británicos estes aceptaron as propostas de Liniers e rendéronse, aceptando a condición de embarcar as tropas, e evacuar Montevideo no prazo de dous meses. O abundante armamento apresado serviría no futuro para as expedicións a prol da liberación das colonias (Chile, Perú...)

En relación co comportamento do “Tercio de Gallegos” na defensa de Bos Aires o alcalde Alzaga faría nun escrito un recoñecemento público: “o extraordinario celo co que o primeiro comandante Pedro Cerviño, e o seu segundo josé Fernández Castro propuxeron, instaron e clamaron pola expulsión de persoas e barcos estranxeiros”. Destaca asemade: ”o persoal entusiasmo co que o segundo comandante, por insinuación deste Cabido, (...) pasou de espía a Montevideo, ocupada polos ingleses”. E, engade: “o valor co que se comportou o capitán da sétima compañía, Bernardo Pampillo, nas guerrillas do tres e cinco de xullo, e o ataque contra a columna do xeneral Craufurd, refuxiada no convento de Santo Domingo, e por último o heroísmo do capitán de granadeiros Jacobo Adrián Varela que a baioneta soubo abrirse camiño entre as balas e retirarse de Retiro á Praza Maior”.

Pedro Antonio Cerviño naceu en 1757 en Muimenta, Campo Lameiro, foi quen organizou o “Tercio de Gallegos” e sería seu comandante máximo, estaba integrado por 536 homes. Colaborou co proceso de independencia e dirixiu a primeira escola náutica incluída a formación militar. O seu segundo no mando era o comandante José Fernández Castro, nado no Ferrol en 1755, ao que se lle considera o primeiro espía ao servizo da causa arxentina. Jacobo Adrian Varela naceu en 1758 en A Coruña, e Bernardo Pampillo chegou a este mundo en 1780 en Piñeiro, no concello de A Pastoriza. Entre eles había tamén fillos de galegos, por exemplo Bernardino Ribadavia, capitán dunha das compañías da milicia galega, que sería o primeiro presidente da Arxentina. E soldados nacidos na Galiza que logo se incorporaron á loita pola independencia, como Juan Pardo de Cela Vidal, de Ferrol, que chegou a xeneral, e participou en numerosas campañas (respecto da contribución dos galegos e galegas á Arxentina ten moito interese o libro de Alberto Vilanova Rodríguez “los gallegos en la Argentina”, de “Ediciones Galicia” do Centro Galego de Bos Aires). Son feitos que forman parte da nosa historia e nos valorizan como povo. Tamén os hai na emigración a Cuba, Venezuela, Brasil, Uruguai... No só houbo esforzo laboral e morriña. Non os esquezamos.

https://obloguedemera.wordpress.com/