Opinión

Marini: dependencia e subimperialismo

Mauro Marini, economista e sociólogo, é un escritor practicamente descoñecido no noso país, porén as súas obras e ensaios teñen un grande interese para Galiza, xa que analizou os condicionantes que impón na loita de clases, na explotación, á dependencia nacional, a opresión dun país por outro ou outros. Ou sexa, realizou unha ollada dende a periferia. É un teórico marxista moi coñecido en América Latina, especialmente no seu país natal, Brasil, mais tamén en Chile e México, países nos que estivo exiliado despois do golpe militar que levou ao poder ao “marechal” retirado Castello Branco. Unha páxina web (https://marini-escritos.unam.mx) permite que acedamos á maioría da súa obra (libros, artigos, entrevistas, cursos, etc.) podendo deste xeito contar de balde cunha importante aportación teórica.

Adrián Sotelo Valencia, investigador e profesor da Universidade Autónoma de México, que estivo en varias oportunidades na Galiza convidado pola CIG, especializado na análise das consecuencias da globalización sobre o mundo do traballo (cunha morea de libros publicados sobre o tema), recorre acotío ás análises de Mauro Marini, que considera fundamentais. Destaca ao respecto que: “A teoría marxista da dependencia, por medio de Marini e doutros autores como André Gunder Frank, Vania Bambirra, Orlando Caputo, etc, enfrontou o dilema neoliberal articulando a dialéctica e a teoría de Marx nunha visión global que puña espida as profundas contradicións do modo capitalista de produción que os ‘modelos’ macro e macroeconómicos formalizados e matematizados pretendían agochar”. Entre os libros e ensaios que Marini publicou debemos lembrar: “Capitalismo”, “Dialéctica da dependencia”, “Subdesenvolvemento e Revolución”, “O ciclo do capital na economía dependente”, “Acumulación capitalista mundial e subimperialismo”, “Desenvolvemento e dependencia”, “Revolución”, “Desenvolvemento industrial dependente e a crise do sistema de dominación”, “A pequena burguesía e o problema do poder”, “As razóns do neodesenvolvemento”, “A loita pola democracia na América Latina”, etc.

Marini en “Dialéctica da Dependencia” caracteriza a sobre-explotación e a dependencia nos países latinoamericanos, e que tamén vale para outras partes do mundo; dinos sobre o tema: “teoricamente, o intercambio de mercadorías expresa o troque de equivalentes, cuxo valor determinase pola cantidade de traballo socialmente necesario que incorporan as mercadorías. Na práctica, óllanse diferentes mecanismos que permiten realizar transferencias de valor, pasando por riba das leis de intercambio, e que se expresan na maneira como se fixan os prezos do mercado e os prezos de produción de mercadorías (...) O simple feito de que unhas nacións produzan bens que as demais non producen, ou que non poden facer coa mesma facilidade, permite ás primeiras que eludan a lei do valor, é dicir, que vendan os produtos a prezos superiores ao seu valor, configurando un intercambio desigual”.

E engade ao respecto desta subordinación na escala de valor: “as nacións desfavorecidas polo intercambio desigual non procuran tanto corrixir o desequilibrio entre prezos e valor das súas mercadorías exportadas (o que implicaría un esforzo redobrado para aumentar a capacidade produtiva do traballo) senón que compensan as perdas de ingresos xerados polo comercio internacional a través dunha maior explotación da clase traballadora (...) A industrialización latinoamericana corresponde a unha nova división internacional do traballo, en cuxo marco se transfiren aos países dependentes etapas inferiores da produción industrial reservándose os centros imperialistas as etapas máis avanzadas e o monopolio da tecnoloxía correspondente”.

Outra caracterización de moito interese é a que fíxo en relación co concepto de subimperialismo, e que sería contestada por sectores da ortodoxia marxista. valora o economista e analista arxentino Claudio Katz nun artigo en relación coa proposta de Marini: “No eido xeopolítico, consideraba que a acción subimperial implicaba rumbos expansionistas, moldeados á hexemonía mundial dos Estados Unidos. Subliñou o papel do liderado rexional asociado á supremacía do imperialismo estadounidense. Marini tamén vinculou a vixencia do subimperialismo co tipo de predominio que impera na cúpula das clases dominantes (...) suxeriu importantes marxes de variabilidade do subimperialismo, dependendo do sector capitalista predominante. Sinalou a validez do cambio de fases dese status e afirmou que esta modalidade carecía da estabilidade imperante nas potencias imperiais” (https://rebelion.org/subimperialismo-i-revision-de-un-concepto/).

Daquela que haxa países nos que hai temas nos que se comportan como protectorados e outros nos que o fan como estados imperialistas. Un subimperialismo que se podería aplicar a moitos dos estados europeos no externo (Alemaña, Reino Unido, Italia, mais tamén España e algún outro país) e tamén no interno cando houbo procesos de expansión asoballando as diferencias culturais e lingüísticas. Sotelo Valencia nun artigo sobre o concepto de subimperialismo por parte de Marini, visto dende a conxuntura actual, e a globalización neoliberal, afirma que os países dependentes: “acaban sendo dominados e controlados polas potencias imperialistas clásicas e pola burguesía, os capitais e as clases dominantes subimperialistas, que están nas condicións económicas, sociais, políticas e militares para transformar os seus aparellos produtivos, os seus investimentos. e exportacións co fin de obter grandes beneficios mediante a explotación do traballo polo capital, así como para compensar as transferencias de valor e plusvalía a favor dos centros imperialistas”. (https://www.redalyc.org/journal/3476/347659220006/html/). É a situación da Galiza.

Ruy Mauro Marini naceu en Brasil no ano 1932 e morreu nese mesmo país en 1997. As súas aportacións teóricas, a partires práctica e dunha razoada análise da realidade en Brasil, Chile, Cuba e outros países, son unha reflexión lucida e unha actualización necesaria para construír unha alternativa de xustiza social nas nacións dependentes, neocoloniais, ou naquelas que carecen de estado proprio ou de capacidade de decisión real sobre as cuestións esenciais. A súa é unha contribución ao pensamento, ao debate, moi necesaria hoxe. Marini insírenos na ligazón estreita que existe, como reflicte o fracaso da globalización neoliberal e un capitalismo carente de alternativas, na interdependencia entre clase social e soberanía nacional no proceso de liberación e eliminación da explotación.